
Carne asada na Penela.
Quen me coñeza sabe da miña febleza pola que me parece unha das máis fermosas cidades galegas: Betanzos. De Betanzos atráenme moitas cousas, pero a penas tivera a oportunidade de xantar en Betanzos. Un só comeza a ser algo dun sitio cando durme ou come nel.
Antón Malde levounos á Penela, un dos locais clásicos de Betanzos [T: 981 773 127/ localización], na praza principal da vila. Estabamos cansos de toda unha tarde de paseos arqueolóxicos e desfrutaramos duns estupendos gintonics tamén nun recanto da Praza do Campo; coa axuda da Hendrick’s, imaxinei que un día verei voar ese globo de Betanzos que é como unha chamada a eses tempos únicos do XVIII, XIX e principios do XX que tanto perviven nesta vila e que tan ben representou no seu momento As Leis de Celavella. Na Penela, hai que probar a tortilla, por suposto, nun estilo betanceiro, grosa, e xugosa sen estar líquida no seu interior (dígoo para os que teñen aprensión ao ovo crú), a carne asada tamén é famosa, e ten xustificación (eu son un radical da carne asada, e esta está perfecta, coas patacas que se lle agardan a un prato tradicional de Betanzos), os mexilóns recheos (un punto) e o leite fritido (non é o mellor que teño tomado, pero tamén nunha excelente elaboración).
Cunhas botellas de 1906, a historia nos saiu para tres en 42 euros total (unha ración de cada), así que moi razoable. Un sitio máis que recomendable se ides dar unha volta por Betanzos.

esta foto estimula as papilas gustativas en 3D! Eu tamén son moito de carne asada, un clásico…
Voulle copiar o menú agora mesmo. ;-)