
Foto: Sole. Podes ampliala aquí (recomendado porque é moi chula).
Onte realizamos a foto de familia de A Cociña Galega con Cunqueiro, o programa co que o Consello da Cultura Galega quere levar a literatura gastronómica do gran autor mindoniense aos restaurantes de Galicia -ou sexa, aos seus clientes. Practicamente 60 restaurantes de todo o país xa se apuntaron á iniciativa e o que destaca nunha primeira ollada do listado -no que en breve se vai incorporar unha gran e importante sorpresa- é a enorme diversidade dos restaurantes que o compoñen: restaurantes moi tradicionais, radicalmente tradicionais, canda restaurantes radicalmente contemporáneos, restaurantes de todos os prezos e estilos. Pequenas tabernas vilegas e algúns dos establecementos de referencia internacional da gastronomía de Galicia, auténticas embaixadas amables da nosa cultura. Toda esta xente ten algo en común: a admiración e o respecto por don Álvaro Cunqueiro. Foi o escritor un dos primeiros en levar a gastronomía ao campo da literatura e da vida, incorporando sen medo os saberes gastronómicos á cultura, alén das receitas, convertindo un saber doméstico nunha marca de identidade. A lección de Don Álvaro está hoxe nesta fotografía. Don Álvaro une.
Esta fotografía -posiblemente a primeira vez que un gran número de cociñeiros de todas as sensibilidades e recantos da xeografía galega traballan nun proxecto cultural común e conxunto- demostra que na gastronomía galega temos un gran futuro aínda por construír; hai que erguer unhas raíces modernas, darlle corpo e solidez ao traballo dos cociñeiros galegos facendo visible todo o que estivo detrás, antes e canda eles -que é moito, e moitas veces pouco visible. Iso é crear marca non só para a cociña, senón para a propia Galicia. Cando un come nun gran establecemento francés, por exemplo, é consciente do peso cultural que está alí detrás. Necesitamos atopar o noso camiño nese sentido. Na mesa con Cunqueiro, a elegante e pequena antoloxía de Cunqueiro que editou o xornalista Miguel Vila para o Consello da Cultura Galega, é un pequeno paso para contarnos a nós mesmos, e aos que nos visitan e comen nestes lugares, o rico mundo cultural que está detrás dos pratos que van degustar. Cunqueiro une. E a gastronomía galega, unida, é unha fertil semente para o noso futuro.
Moitas grazas aos cociñeiros que se achegaron ata Santiago e á impresionante cobertura de medios. Agora comeza o máis rico. :-)

Grande iniciativa!!
Gracias Manuel e a toda a xente que está detras, por defender, promocionar, promover e sobre todo unir cultura galega. E o que nos fai fortes
únome as felicitacións de Javi,
unha gran proposta!!!!