Father 1943: un gran tinto de Monterrei

No competitivo mercado do viño, a algunhas denominacións de orixe resúltalles difícil facerse un oco. É o caso da denominación de orixe Monterrei, na que se dá a paradoxa: os seus viticultores máis respectuosos conseguen viños elegantes, estruturados, tremendamente equilibrados. É o caso dos viños de José Luis Mateo, de Quinta do Buble, dos de Roberto Verino, os Ladairo, ou esta adega, Crego e Monaguillo. Este proxecto, aínda recente (leva non demasiadas colleitas) é, se cadra, das adegas de Monterrei a que máis premios conseguiu e mellor imprantación tivo en Galicia. Viños brancos e tintos de gran calidade, sutís e importantes. Crego e Monaguillo, ademáis, ten unha historia que contar, que moitos saberedes. É o resultado literal da alianza entre un crego -sacerdote na Capelanía Católica de Londres, e o seu antigo monaguillo, Ernesto Rodríguez, que nunha noite de inspiración decidiron converter a súa afección vinícola familiar nun proxecto comercial baixo o lema: “Eiquí véndese o que non se bebe!”. Non se me ocorre outro mellor.

O outro día tiven a oportunidade de probar o seu último lanzamento, que está a dar moito que falar, o Father 1943. Mencía e tempranillo con crianza en barrica. Un canón. Un dos mellores viños tintos de Galicia, así de claro. Unha barrica que debera ser exemplo de como tratar delicadamente a madeira nos viños galegos, delicados e con tendencia a aproveitalo todo. O resultado é un viño tinto fresco, pero cunha estrutura chamativa. Ten a redondez, o padal larpeiro da mencía pero unha estrutura dada pola madeira e, se cadra, polas achegas de tempranillo, con pouco da -para min algo molesta- redución que ás veces adquire a mencía cando pasa por unha barrica mal traballada. Este é un viño que os sumilleres de Galicia escolleron como mellor tinto galego na última edición do seu campionato e nótase ben por que. Este proxecto orixinal e serio ao redor dunha das mellores áreas de Galicia para facer viño está a ter resultados moi interesantes. Por certo, que o Father 1943 tivo un padriño ben especial, como poden ver por aquí. ..

9 Comentarios

  1. Xabres da Teixeira
    22 / Maio/ 2011

    Amigo MAGAGO, voto de menos un comentário sobre o movemento do 15-M.
    Sei que non está na orde do dia, maisse non o digo revento.
    ¡Perdoa!

  2. 22 / Maio/ 2011

    Non rebente, non rebente, por favor. A pregunta é ben doada de responder. Estes días andiven máis ben co movemento patrimoniogalego.net, co que estaba comprometido desde o 2 de maio para sacar nestes días despois das Letras e antes das eleccións. Non será o 15M nin sae tanto nos xornais pero chégalle ben, ouh?

  3. Nemigo
    23 / Maio/ 2011

    se tes tempo e podes visitar as zonas onde se produce viño ves que hai pequenos colleiteiros. Xente fai uns centos de botellas dun viño de moi boa calidade. Non teñen tamaño pra competir. Non poden ir a ningures con cen botellas nin face etiquetas de “imprenta” pero o viño é do mellor. Ise si penan probalo.
    É unha mágao que na galiza con tan bo material non sexamos quen de facer un bo negocio

  4. Xosé
    23 / Maio/ 2011

    Amigo Manuel, o seu traballo en patrimoniogalego xa fala dabondo de seu, cada minuto que lle adica é un minuto recuperado do esquecemento. O 15M xa ten covertura noutros eidos e noutras linguas.

  5. 23 / Maio/ 2011

    Grazas, Xosé! Nemigo, fíxate que moitos adegueiros que se meten a comercializar viño seguen ese mesmo espírito. Deste Father non creo que se fixeran más de dúas barricas (estou especulando) e iso como moito son 1000 botellas. En comparación con Rioxa ou Ribera iso non é nin empezar. Boa parte dos grandes viños galegos comerciais teñen producións irrisorias desde o punto de vista doutras DOs. E creo que aí está parte do seu engado.

  6. xose
    23 / Maio/ 2011

    Desculpando a miña ignorancia, poderías dicir quén é o padriño do Father 1943?
    Gracias

  7. 23 / Maio/ 2011

    Monseñor Quinteiro, de Ourense. Un que vai disfrazado, é doado de recoñecer. ;-)

  8. Raquel Rodríguez
    14 / Xuño/ 2011

    Fantástico, dou fe!

  9. Pancho-Lapatianco
    22 / Xuño/ 2011

    Probei un tinto da casa Crego e Monaguillo hai unhas semanas durante unha cea. Non che era este do que falas, pero resultounos moi bon e agradable.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *