A terceira pata ausente

A BBC do Ulster comezou a emitir recentemente unha nova serie: The Story of Ireland. O título non é menor, nin está mal escrito: se a serie se chamara The History of Ireland, tería que contar a Historia de Irlanda, unha sucesión cronolóxica de feitos e a súa análise. Ao chamarse The Story of Ireland, o que significa é o Relato de Irlanda. É dicir, que narrativa se contou a partir desa Historia. Este é un documental de tese, destinado a defender unha idea sobre o imaxinario irlandés formado a partir da súa Historia, non detallala. Por desgraza, a serie relata exactamente o que un imaxinaba previamente que faría unha televisión pública británica sobre un país no que mantén un territorio ocupado, cousas que incluso nos soan moito: iso dos celtas en Irlanda é relativo, tamén os hai noutras partes, e non está tampouco claro que os irlandeses sexan tan celtas (divertidísimo isto); esta xente na Idade do Ferro pasaba o día comerciando co Mediterráneo e incluso importando modas de alá, este é un país multicultural e sempre o foi, etc. Unha das bases desta argumentación tamén era previsible: os irlandeses tamén fumos conquistadores e non só conquistados, ese rollito vitimista que se traen algúns non é real, e tal.

A escena que máis me chamou a atención ocorre entre o experto (na esquerda da foto) e o presentador Fergal Keane. Cóntovola no interior do post.

Están consultando o máis antigo mapa de Irlanda, e nel vese a distribución territorial dos pobos da Idade do Ferro nas Illas Británicas. No Sureste de Irlanda viven os brigantes. Co dedo, o experto amosa a Fergal que en Gales, xusto enfronte, tamén viven os brigantes. “E é máis”, di o experto, “pensamos que foron os brigantes irlandeses os que conquistaron o territorio galés nos que viven estoutros”. Fergal Keane fai que se abraia: “así que nós tamén fumos conquistadores?”. “Exactamente”. Con abraio observei que o documental seguía por outros derroteiros. Eu agardaba que esta xente mirase un pouco cara o sur e, de súpeto, no seu baile de conquistas, de idas e vidas de ultramar, baixasen con ese dedo metido en luvas brancas ata o sur, e atopasen que no corno norte da Península Ibérica hai tamén unha sospeitosa Brigantium, inzada de relatos mitolóxicos que conectan a este porto ártabro co sur destas illas coas que comparte, misteriosamente, topónimo. Nesta conversa para a TV, a conexión co Libro das Invasións irlandés e as viaxes marítimas tería encaixado como unha luva branca. Ou non?

O documental é enganoso e trampón: invéntase un discurso de aillacionismo (supostamente, o da historia nacionalista irlandesa), en contraposición a un discurso integrador e multicultural, que é o que defende a BBC. O mesmo que lle recriminaban e recriminaron á xeración Nós en Galicia mentres os Pedrayos, Riscos ou Castelaos viaxaban por Europa e traducían as vangardas literarias que os seus críticos nin cheiraban. Pero na súa tese integradora e multicultural, estas estrañas ausencias son tamén raras. Ben é certo que a Historia galega non está traducida demasiado ao inglés, e que quen podía presentar internacionalmente en congresos científicos cuestións sobre Galicia neste contexto atlántico ten pudores en facelo, e que falta un proxecto científico real e sólido de comparación entre culturas do ferro atlánticas, entre Galicia e o Sur de Irlanda, por exemplo, para deixar de falar de oído -os pro e os contra, por certo, nisto peca todo o mundo- e saber se hai algo detrás destas tradicións galegas e irlandesas que se reproduciron durante xeracións (si, digo galegas, e xa vos contarei no seu momento por que). O que quero dicir é que este experto irlandés coñece, seguro, o Brigantium galaico. Pero non falaron de Brigantium. O obxectivo desta escena do documental era demostrar a invasión da Illa invasora. Non sei se me explico.

Sospeito que na ausencia desta luva branca, se cadra, estes guionistas da BBC pecaron do mesmo que querían criticar.

17 Comentarios

  1. 22 / Maio/ 2011

    “iso dos celtas en Irlanda é relativo, tamén os hai noutras partes, e non está tampouco claro que os irlandeses sexan tan celtas (divertidísimo isto); esta xente na Idade do Ferro pasaba o día comerciando co Mediterráneo e incluso importando modas de alá, este é un país multicultural e sempre o foi, etc. ”

    Vaites, seguro que é um documentário da BBC sobre a Irlanda? Nom estarás a te referir à Galiza? ;-)
    É incrível o paralelismo das argumentaçons ánti-celtistas, inclusive num país que tem tam assumida no seu imaginário colectivo o mito céltico. Suponho que, polo que dizes, também há um paralelismo similar nas intençons dessas argumentaçons.

  2. 22 / Maio/ 2011

    Estou convencidísimo que non é nada inocente; é unha combinación de revisionismo posmoderno con certos toques do que son as tendencias actuais historiográficas, coma o multiculturalismo: trátase de trasladar o status das sociedades europeas do presente e buscar o mesmo no pasado. Ollo, analizar a interacción e influencia entre sociedades é fantástico, pero o conxunto está orientado, ao meu ver, a dicir: “é normal que exista un Ulster británico e a Historia que vos contaron -que vos lexitima- non é real”.

  3. 22 / Maio/ 2011

    Certo. Botar-lhes umhas olhadas às webs dos grupos unionistas dos Seis Condados avonda para dar-se conta de até que ponto precisam desarticular o “mito céltico”, argumentando cousas como as que pós em destaque no teu artigo ou inclusive outras como que os gaélico-parlantes das ilhas Arann descendem em grande medida dos exércitos de Cromwell, como que os colonos escoceses que chegárom ao Ulster descendem diretamente dos primitivos ulates que se instalárom na Escócia ou que Cu Chulainn era um herói que defendeu a singularidade do Ulster dos ataques unificadores do resto dos reinos irlandeses. Todo isto, verídico e documentado…
    De todos os jeitos, é até certo ponto lógico que um documentário da BBC tenha essa linha discursiva e esses intuitos ideológicos. Aqui na Galiza é lógico também que o espanholismo de caspa e “pandareta” ridiculize preventivamente projetos como o filme “Galaicus”. O que nom entendo, nem entendim nunca e ainda me há custar trabalho entender é que em Galiza sejam os investigadores ligados ao nacionalismo de esquerdas (ou umha certa parte dele, nomeadamente o de cariz “institucional” e deixemo-lo aí) os que começárom esse revisionismo e com essa argumentaçom simplista e de garrafom que fijo muito mal e tivo consequências tam nocivas como, por exemplo, que a luva branca nom saiba localizar no mapa as terras de Brigantium.

  4. 23 / Maio/ 2011

    Como dicía, o argumento, ademáis, é trampón porque pode ser visto de xeitos diferentes. As culturas (non só as culturas nacionais, senón as culturas dos grupos) van transformándose. O que antes era un problema para determinados argumentarios, hoxe é todo o contrario. Poño o caso do mundo mediterráneo en Galicia na Idade do Ferro. Nos últimos anos, grupos de investigadores están revelando a gran escla da interacción comercial entre as sociedades castrexas do litoral e as culturas púnicas do sur peninsular e máis alá. Iso é interesantísimo, e revela que as sociedades galaicas non eran redutos illados, senón que eran capaces de establecer transaccións cos púnicos e participar das autoestradas do mar. Contradi iso a celticidade das sociedades galaicas? Fainas menos ‘esenciais’? En absoluto. Máis ben todo o contrario. Noutras sociedades celtas como a Galia, ou en Gran Bretaña, o comercio co mundo mediterráneo coñécese ben desde hai tempo. O raro era, precisamente, o contrario.

  5. Miguel Losada
    23 / Maio/ 2011

    Pois pra min a cousa estáche ben ás vistas. O nome do programa é ” o conto irlandés” en relaidade íanlle poñer: “A identidade irlandesa remota é un conto similar ós deses choqueiros, moitas veces borrachóns, irlandeses e o hábitat de seu de unha tal cousa é a taberna ou como moito os Bedstorys pros cativos, sempre que cumplan unha función banalizante, ou que?” mais non era moi comercial polo que optaron polo primeiro.

    Doutra banda, é ilustrativo ver como somos un pais pantasma. Non se nos ve.

    Agora xeoestratéxicamente ( aproveitando se cadra a crise do celtic tiger?…non, serán cousas miñas:-/)aprovéitase pra botar un pouco de veleno nas raigañas da cultura irlandesa pra ver se esmorece.
    Xa estou vendo a expertos docentes e historiografistas universitarios irlandeses escribindo que Irlanda é mais que nada un xénero literario decimonónico. Despois de todo, é certo que descenden de españois onde non había celtas…Ole!

  6. Luis
    23 / Maio/ 2011

    Tamén había brigantes no norte de Inglaterra, e unha Brigantium nos Alpes (a actual cidade austríaca de Bregenz)
    Cousa nada rara tendo en conta a existencia da raíz céltica *briga.

    O certo é que as relacións entre as dúas grandes illas británicas durante o final do Imperio Romano é algo interesantísimo. E resulta certo que os irlandeses se estableceron pola costa occidental da illa de Gran Bretaña, sementando o que sería a futura Escocia.

    Se a cousa é dar a coñecer ao público un aspecto da Historia non coñecido, vale. Outro elemento é a politización. Por desgraza, iso é algo omnipresente. De feito, me atrevería a decir que é imposible atopar un discurso histórico que sexa plenamente aséptico. Ao final, por activa ou por pasiva, o discurso histórico é inseparable do ideolóxico.

    Conste que eu tampouco arriscaría demasiado sobre os coñecementos dos eruditos da serie, arredor da nosa Brigantium.
    Se lle sumamos á autocomplacencia anglosaxona, a marxinalidade española, temos o que temos. Libros nos que se fan sesudos análises sobre a Europa do Norte, e que ao chegar a Península, ou se di pouco ou nada, ou se bota man de bibliografía bastante pasada, amosando un descoñecemento do que aquí se está a facer nos últimos anos. Lembro un libro de Kristian Kristiansen sobre a Europa da Idade do Bronce, na que o autor recoñecía que non podía falar moito da Península Ibérica porque non era a súa especialidade. Ou o finado mestre da reconstrucción histórica Angus McBride, de quen podemos considerar as súas láminas sobre os guerreiros hispanos prerromanos coma unha mancha no seu expediente.

  7. 23 / Maio/ 2011

    hahaha! Si, *briga é relativamente habitual, pero *briga + tradición de viaxe e conquista a través do mar, xa non o é tanto. :-) O tema Brigantium coruñés víñalles exactamente ao pelo na súa liña argumental, pero non o coñecían. Iso si, discrepo. É coma con Portugal, non coñece quen non quere coñecer.

    Grandísimo o de McBride. :-)

  8. 23 / Maio/ 2011

    É normal que os estudosos das ilhas Británicas nos óbviem nos seus trabalhos e ignorem a importáncia deste recantinho da Península Ibérica na articulaçom das velhas culturas atlánticas. É normal desde o momento em que, por exemplo, hai uns meses o senhor Calo Lourido foi dar umha conferência a Cambridge, e todos sabemos o que é umha conferência de Calo Lourido: o Noroeste ibérica nom tem nada a ver com o mundo céltico. Se a nossa comunidade “científica” (o adjectivo fica-lhe tam grande a esta personagem…) anda a publicitar afirmaçons tam gratuitas como esta polo mundo adiante, para que se vam interessar os celtólogos pola nossa pre-história? É umha fronte que podem descartar. Falta umha réplica institucional ou para-institucional séria e contundente para este tipo de discursos, e entom é provável que os estudosos de além Fisterra sim queiram chegar-se até a Galiza a ver que houvo e deixou de haver aqui.
    Quanto ao topónimo Brigantia, é umha estrutura frequente desde o momento em que *brig- é um tema abundantíssimo e a sequência sufixal -antia repite-se muito na toponímia (sobretodo na hidronímia “paleo-europea” ou como lhe quigermos chamar). Aí estám Bragança, Berganza e algum outro na própria Península Ibérica.

  9. Luis
    23 / Maio/ 2011

    No que se refire ao celtismo de Galicia ou temas semellantes, coido que o único que non necesitamos é afirmacións institucionais. É unha cuestión científica. Pódese estar dacordo ou non, pero non me parece axeitado sacar o tema do ámbito científico.
    Quizáis é unha actitude un pouco ácrata, pero creo que estas cousas non deben sair do eido que lles corresponde. Se metemos aos das corbatas, malo. Ademáis, no caso concreto que nos ocupa, por moito que lles doa a algúns, o sustrato céltico de Galicia é difícil de cuestionar.

    De todos modos, sen ánimo de facer de avogado do Demo, calquer cousa que sirva para remexer un pouco o galiñeiro, benvida sexa. A negación do sustrato celta de Galicia a partir dos 70 foi unha labazada que fixo despertar a moitos, obrigándolles a saír do sota, cabalo e rei. Tivo como consecuencia, precisamente, unha resurrección cada vez maior dos estudos celtas, motivado pola necesidade de dar resposta a esas afirmacións anti-celtistas. O celtismo en Galicia ten hoxe en día máis argumentos que fai 30 anos.

    Como dixen antes, o que convén é deixar fóra a ideoloxía na medida en que poidamos (facelo ao cen por cen é imposible) E falo de ideoloxía no sentido amplo, non ao restrictivo de ideoloxía política. É curioso, por exemplo, o tema que comenta Ulmo e que eu descoñecía: non sabía que se afirmara que os gaélicoparlantes das Aran descendan de soldados de Cromwell. Soa raro. E soa a manipulación historiográfica dos unionistas.
    Agora ben, a min tampouco me vale que os republicanos o neguen porque si. O que me interesa é saber se esa afirmación é certa ou non. Se hai indicios ou probas ou non. Logo, que cada bandeira bote man e manipule como lle pete. O farán de todas todas.

  10. 23 / Maio/ 2011

    Non, home, está ben. Como teño dito moitas veces, a min interésame tanto a Historia (o que aconteceu) coma o relato da Historia, ou historiografía. Creo que é case imposible substraerse a deitar unha ollada concreta sobre os datos, a ter unha lectura sobre eles. No caso da Historia é obvio. O teño comentado algunhas veces, e un día teño que escribir un post ao respecto, que a miña percepción é que, na arqueoloxía galega actual, a orixe social dos arqueólogos, de clase media ou media-baixa, e orixes familiares labregas ou mariñeiras (diferente, polo tanto, á dos anos 20 ou 30, no que eran todos señoritos da burguesía ou da fidalguía) conleva por forza unha óptica distinta sobre o que se atopa.

    Neste caso, con independencia da veracidade ou non das afirmacións (que, ao que eu sei, son bastante discutibles), o interesante é o conxunto discursivo que crean todas elas xuntas forma unha idea bastante coherente e previsible: a lexitimación da ocupación do Ulster. Cantas delas son certas?

    Esa é outra cuestión.

    Confeso tamén, de todos os xeitos, a miña febleza por tentar chegar ao fondo das cuestións. Creo que na Historia non debe haber bandos, creo que debemos ter unha estrutura mental abondo flexible para reacomodar os esquemas que tiñamos cando se producen evidencias que desmontan as nosas propias conviccións. Neste sentido, a precisión e o rigor científico son fundamentais.

  11. Miguel Losada
    24 / Maio/ 2011

    Historia sen bandos? Pois…non sei se se poderían citar moitos exemplos. Dame que mais ben non.

    Cumpriría unha historia sen lagoas, sen hiatos, saturada de información ben polarizada e o mais dificil: Boa fé “rexistral” que pelexaría co apaixoamento distante implícito nunha tal historiografía de primeira instancia e instrucción.

    En fin que non sei se o historiador pode ser un notario dos feitos.

    E non digo que sexa millor que haxa bandos, digo que de feito hainos de resultas da, aparente cando menos, natureza da pecepción e integración humana dos feitos.

  12. 24 / Maio/ 2011

    Como molam estes debates!
    Luis, quando me referia a posiçons “institucionais”, referia-me, precisamente, a instituiçons científicas, nom a instituiçons políticas. Quero dizer que cumpriria articular estruturas científicas sérias e coerentes que se dediquem ao estudo destes temas desde posiçons modernas e tentando dar-lhes a maior difusom possível no exterior. É evidente que hoje o celtismo é o marco epistemológico máis lógico e razoável para estudar o nosso passado (e nom somente a prehistória, o celtismo é um fenómeno de alcance muito mais amplo no cronológico e no cultural, ao meu ver), mais hai que fazer-lho evidente e patente aos investigadores do exterior, hai que neutralizar discursos e clixés que som os que (por desgraça) estám a gozar de maior vissibilidade.
    O dos gaélico-parlantes das Aran lim-no na web de um grupo unionista da Irlanda do Norte. Seja certo ou nom, o relevante é como desde essa posiçom ideológica se quer converter esse dado (que afecta ao passado) num argumento que deslegitime ou diretamente desactive reivindicaçons e ideários do presente. Como quando se deformam as conclusons a que está a chegar a Genética e se simplifica todo com frases como “os irlandeses descendem dos espanhóis” e cousas assim. Sempre o mesmo. Ou o que dizem tantos celtófobos e que nos pode resultar tam familiar: “Eu nom som celta, eu som galego” e afirmaçons similares. Ou recentes artigos de Calo Lourido em que devalua a imagem de Breogám simplesmente “porque é um mito” (como se o anticeltismo recalcitrante que defende nom fosse umha narraçom com doses igualmente letais de mitologia). Ou o típico debate que se deu sempre em Euskal Herria (que se o reino de Navarra era ou deixava de ser, que se os bascos nunca fôrom independentes e tal). Mesturar o toucinho com a velocidade, a História com o relato da História (que bem o expressa Magago!).

  13. Miguel Losada
    24 / Maio/ 2011

    Dicia o Ulmo mais arriba ” O que nom entendo, nem entendim nunca e ainda me há custar trabalho entender é que em Galiza sejam os investigadores ligados ao nacionalismo de esquerdas ”

    Ben pois digo eu que o reduccionismo ó que fai referencia o Ulmo ten a nai na idea de asimilación rapida, hipercalórica e con poucos nutrintes, xurdida fronte a unha suposta paisaxe de invasións centroeuropeas, colonialismo remoto, arios!… segundo a cal a cultura galega era, tiña que ser, un caso singular, autorreferente que pretendidamente tería un valor descriptivo e cualitativo con propiedades emerxentes e normativas que nos habería de facer, precisamente, irreductibles.

    Semellante discurso, endóxeno, rebaixounos á categoría de anécdota ou “rareza” fora dun contexto e como tal fomos considerados no exterior, (xa que de eso falamos).

    Diste xeito pasamos de irreductibles a reducidos á periferia da visión historiográfica e paradoxalmente, a vérmonos onde os inimigos quixeran que estiveramos: Na marxinalidade. E nisto remítome á magnitude, ben cativa no que podería ser,da nosa proxección cultural.

    Non, non. A importancia da nosa cultura non ven da idea pouco reflexiva e superficial, illacionista, segundo a cal somos diferentes dun xeito ex novo.
    Ven do feito que somos un edificio singular dentro dun contexto mais amplo respecto do cal temos unha boa parte das claves pra comprensión desa realidade extensa. Somos valiosos e singulares por que gardamos unha parte significativa dun todo meirande no que ocupamos, moi probablemente, unha posición central, orixinaria. Iso din os feitos científicos.

    Compre moito mais rigor, feitos, desbotar complexos e desfacerse do influxo da psicoloxia inversa que proxectou sobre nos certa historiografía do século XX empregada como ferramenta lexitimadora por outros poderes.

    Somos, tamén, celtas; si. O xeito galego de sermos celtas. Non é vergoña.
    Agora o que compre é ver e facer ver, a extensión e propiedades diste feito.

  14. Eue
    24 / Maio/ 2011

    Isto non funciona. Boh!

  15. 25 / Maio/ 2011

    Que non funciona, Eue?

    Miguel Losada, palabras moi sabias.

  16. Eue
    25 / Maio/ 2011

    Perdoa. Intentei varias veces colgar unhas palabras, pegándoas, e non se publicaron. Ao final puxen iso de que non funciona pra probar, e iso si que se publicou. Agora xa non sei que pasará…
    Non quería confundir. Síntoo.

  17. karl
    17 / Decembro/ 2012

    Ola,

    É certo que Irlanda non é tan celta, porque tivo establecemento importante de xentes xermánicas e de viquingos. Hoxe en día lingüisticamente é un pouco celta, pero só pouco. Culturalmente hoxe é anglosaxona, como nós latinos

    Saúdos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *