Última actualización o 20 / Maio/ 2011

Fotos: Sole
O campo nestes momentos estoupa de produto: o campo é produto, é unha festa de sabores e alegrías na horta. Se os restaurantes recollen o acervo do produto, as mesas dos comensais transfórmanse en xardíns no que aparece o mellor da terra, e cada prato chega a ser un xarrón de cores e festividades.
Quen coñeza Casa Marcelo, en Compostela, saberá da austeridade formal dos pratos; do estilo sinxelo, domado en cores e formas, no que a cada prato se lle dan vinte voltas para que o produto central asuma todo o protagonismo; pratos franciscanos na forma, esenciais, pero fastuosos e impactantes ao levarnos directamente á cerna do sabor.
Pois ben, esta fin de semana é a primeira vez que lle vexo case perder as formas en Casa Marcelo. A primavera entroulles coma un vento pola porta, pasoulles polo pequeno comedor e comezou a dar voltas ao redor da mesada da cociña de fóra ata tolealos; o resultado foron pratos cheos de cor, con todas as cores da horta. Esa piruleta de espárragos que tedes na primeira foto. Unha tempura de vexetais e choquiños empratada en mesa absolutamente marabillosa. Uns espárragos do Ulla enormes como poucas veces temos disfrutado. Unha pata de leitón cocida, e literalmente soterrada nunha horta chea de sensacións frescas, que agasallaban o final dun longo xantar, que sei eu. Poñamos unha robaliza a xeito de touciño. A ida de pinza, controlada, do equipo de Marcelo Tejedor, comandado por Iván Domínguez, transformaba un menú ao servizo da cociña para convertilo en servo e vasalo da primavera e o reverdecer das hortas do país. E a austeridade habitual transformouse nunha explosión de cor.
Non fixemos fotos, así que recuperei algunhas que fixo Sole hai pouco en Casa Marcelo que permiten ver o estilo actual dun restaurante que está en evolución continua.





Se vos fixades, non hai que ser un fenómeno en gastronomía para comparar a súa evolución con respecto a estas que fixemos no 2008.

O parafuso de Casa Marcelo volta a xirar e volta a ser para ben, para mellor.
Estiven fai unhas tres semanas e continua a ser o meu claro favorito dentro da nosa terra e dentro dos restaurantes que se moven no seu intervalo de prezos.
Cociña xenial, e cun estilo propio que se estende ó local, e ó persoal…
Vexo que vos sí que fixedes esa homenaxe a Marcelo que eu tiña planexada. ¿Ou foi unha homenaxe a vos mesmos? Bon profit!