As calidades da sardiña

Última actualización o 16 / Maio/ 2011

Teño o orgullo íntimo de ser dunha vila -a Pobra do Caramiñal- que ten a taxa máis alta de consumo de latas de conservas por habitante de todo o Estado. E digo orgullo por un motivo: a Pobra foi unha vila que viviu nos últimos cen ou cento trinta anos das conserveiras; foi esta actividade industrial a que lle deu o carácter e a fisonomía urbana que tivo a miña vila ata hai ben poucos anos, e moitos de nós tivemos a tías, avoas ou nais traballando na conserva. Hai pouco, falando cun conserveiro de aló, falamos do produto autóctono nas conservas. El riuse: “Sardiñas de Rianxo? Esas hai anos que non as ve ninguén!”. Na teima de facturar e acadar mercados internacionais, a aposta por un produto escaso e caro queda atrás. Moitas conserveiras -non todas- foron abandonando o estándar de calidade para mirar á exportación e os grandes mercados, coa consecuencia de que hoxendía os asiáticos están levantándolles todo o mercado.

Outras son como a aldea gala: resisten ao pé do cañón cun produto de máis calidade e máis coidado; o consumidor local, escaso en número pero profundamente esixente, continúa a agradecer esa conserva de calidade. Temos unha palabra moi precisa no vocabulario pobrense: os lotes. Cando ti mercas conservas na Pobra do Caramiñal, falo para ti mesmo ou como un agasallo de cariño cara un familiar ou un amigo; non mercas latas individuais, o que fas é mercar un lote, dentro do que vai un pouco de todo, pero no que nunca faltan exquisiteces pouco coñecidas como as magníficas ovas de Luís Escurís Batalla (a miña conserveira favorita). Así que van ver poucos consumidores máis críticos e máis precisos co produto que os pobrenses, ou doutras vilas conserveiras.

Na última semana entraron en casa dúas marcas de conserva que se definían como “de calidade” e lle asociaban algúns outros termos de moda. Só lle faltaba dicir que eran conservas “sustentables” ou algo así. As dúas latas que probamos eran de sardiña. Nun dos casos, o interior da casa daba case noxo: a penas tres pezas dunha sardiña gorda, mal preparada, sen tostar e cun aceite de ínfima calidade. A outra deixoume pampo. Era unha lata de xoubiñas de Rianxo da Conserveira Cortizo. Xoubiñas -indicábase na caixa- collidas polos barcos rianxeiros na campaña 2009. Unha xoubiña pequena, de saboroso e concentrado sabor, moi ben tostada e nun aceite excelente; a lata andaba nos 2’50 (máis ou menos), un prezo razoable para un prato digno de degustación gourmets. Basicamente, un auténtico luxazo de conserva, moi por riba de moito do que teño probado por aí. Dinme de conta, ao probalo e activárenseme as papilas Proust, do tempo que había que non probaba unha conserva de sardiñas tan boa; de como fumos abandonando un camiño de calidade que hoxe, no durísimo mercado actual, nos tería sido de gran axuda. A outra marca? Xa lles adianto que non penso volver probala na vida.

8 Comentarios

  1. 14 / Maio/ 2011

    Hoxe botei unha ollada (outra vez) á peixería do Mercadona de Bertamiráns: sardiñas e berberechos portugueses, xoubas do Mediterráneo, troitas dun piscifactoría de Lérida. ¡Ata os lirios viñan dun porto do Mediterráneo!. Afortunadamente a pescada procedía da Coruña (a última vez que mirei, hai tempo, chegara de Boston, si, si, dos EE.UU.) e os mexillóns de Cabo de Cruz.
    Naturalmente, había cola de xente agardando para mercar. ¡Así nos vai!

  2. Pancho-Lapatianco
    14 / Maio/ 2011

    ¡Hai Colineta!, que vas dicir. Nos “super” haiche de todo, ás veces incluso de calidade, e os máis “de aquí” incluso compran fresco nas lonxas e algunhas veces, bon. Para min, que o corazón o teño “nas pedras”, pero o peto no peixe, unhas veces son mala competencia e outras clientes.
    En canto ás latas parte do problema que teñen as conserveiras o provocan elas mesmas. Pero buscando un pouco e pagando só un pouquiño máis (mellor calidade que cantidade, incluso para os que somos mileuristas) atopas productos extraordinarios.
    Falando de bonito, ainda lembro os dunha fábrica de Celeiro na que traballaba unha tía, que enlataban e prensaban a man. Delicatesen que houbo que pechar por non axustarse ás novas medidas hixiénicas, alá polos primeiros 80. Agora quizais das mellores calidade precio sexan as dunha pequena fábrica de Cariño (e que o diga un de Cedeira éche moito :), por aquelo das rivalidades); ti tecleas “conservas de cariño” e alí as tes. E si, cómpranse por “lotes” que che duran unha boa temporada.

  3. DANINLAND
    14 / Maio/ 2011

    Rubrico o comentario do sr. Vila e o de Pancho-Lapatianco. Eu tamén levo tempo insistindo nas conservas de esa zona. ¡parece que só existen as Rias Baixas!

  4. Miguel
    15 / Maio/ 2011

    Interesantísimo tema o da conserva. Hoxe en día, a orixe da marca desgraciadamente xa non é garantía de nada, efectos perversos da globalización e de empresarios bastante miopes e pouco serios que o que fan é tirar co mercado por un por mor dos beneficios cortoplacistas, tamén no ámbito da extracción-pesca, eis o caso do mexilón, pero descúlpenme vostedes que non quero extenderme máis con este aunto anque tamén hai que dicir que producto noso en distintas fases de elaboración mándase para fora, a factorías do pais Vasco, Cantabria,etc., ou incluso máis lonxe, Italia por exemplo, e sae ó mercado con marcas deles.
    Falando de gustos, producto e elaboración, para min, en xoubiña, nada coma a de Conservas Roma e en canto a lotes, para un mesmo ou para regalar, Os Peperetes de Carril, probablemente sexan do mellorciño en conserva artesanal.

  5. Lizgairo
    16 / Maio/ 2011

    Tes mais razón que un santo, Colineta…
    Pancho, nos super, haiche de todo, mais en Mercadona o q non hai e produtos galegos… abonda con entrar en calquera de elas, e comprobalo

  6. Pancho-Lapatianco
    16 / Maio/ 2011

    Lizgairo pois non che sabía o de mercadona porque nunca pisei un, e do resto de super tento ir o menos posible ós cercanos a casa, e para coller só para certos productos envasados ou enlatados. Os carrefour, etc debo visitalos un par de veces ó ano. Prefiro as temdas pequenas sempre que podo.
    E agora que teño a cooperativa de consumo responsable Zocamiñoca ó ladiño de casa, mellor que mellor. Ou se ando por Lugo, a tenda da Cova da Terra.
    Publicidade nada subliminal a conta de Capitulo 0. Manuel, xa pasarás a minuta :) .

  7. 16 / Maio/ 2011

    Tomo nota dalgunha das marcas que me recomendades! Algunhas coñézoos, pero coincido convosco que as do norte están pouco vendidas en termo de imaxe…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *