Última actualización o 9 / Maio/ 2011

Coñecín esta curiosa historia a través do moi recomendable blog Arqueotoponimia; coa súa autora e os seus divertidos amigos tiven a oportunidade de compartir, recentemente, un xantar no III Congreso Internacional de Estudos Celtas, en Casa Pendás. Permítanme recoller un resumo desta historia abraiante e dar a miña propia versión.
Seguramente estades cansos de ver a historia dos enigmáticos ‘crop circles’, das misteriosas formas circulares que se poden ver, ás veces, nos estensos campos de Inglaterra, segando e debuxando formas entre o cereal. Aínda que cobrou moita importancia a partir dos anos 80, cando comezaron a aparecer nos medios de comunicación internacionais e a entrar a formar parte do imaxinario ufolóxico ata acabar confluíndo en Sinais, a película de Shyamalan. O certo é que aínda que os crop circles parecen un invento new age, a súa existencia é moi anterior. En 1678, un panfleto de Hartfordshire (un condado ao sur de Cambridge) contou esta historia dun demo que sega un campo en só unha noite como resposta á usura dun granxeiro que non quería pagar o prezo convido a un peón.

O curioso é que un dos exemplos máis antigos de crop circle podería estar en Galicia, non en Inglaterra. Coñéceo no interior do post.
Temos que viaxar ao século XVIII, onde un pequeno e regordecho frade cunha intelixencia privilexiada explora o país de punta a punta, combinando o saber tradicional recollido nunha lingua que ama e defende coa capacidade de análise científica dun home que está, culturalmente, xusto antes da Ilustración, un defensor da razón.
Hai un fragmento ben curioso, e descoñecido, da Viaxe a Galicia de 1745, do Padre Sarmiento. O noso frade pasa a noite no priorado bieito de Canduas, en Cabana de Bergantiños, e ao día seguinte, polo monte enfronte do lugar, observa uns grandes e estraños debuxos feitos na herba, nos claros do monte:
“Noté, al salir de nuestro priorato de Cándoas, y caminando por el monte, que está enfrente, que en los llanos, en que había hierbecita, se hallaban dibujadas en el suelo varias cruces y cruceros, muy grandes, pero que se habían hecho por pastores, o por otros, con la punta del cayado, o con otra cosa, haciendo surcos en el suelo, y recortando la hierba”.

Non sabemos a que dimensións se refire Sarmiento con “moi grandes”, aínda que a técnica parece similar á dos crop circles e o frade pontevedrés descríbeos como similares aos de deste debuxo que nos deixou figurado no manuscrito da Viaxe a Galicia. Quero pensar que non teñen as dimensións dos crop circles ingleses (iso merecería un adxectivo máis amplo por parte do frade, estou convencido) pero non deixa de ser intrigante esta práctica. Sarmiento especula -sen datos- con que fosen os “pastores” quen fixeran estes debuxos. Non o sei, claro. Pero non deixou de lembrarme, polo contexto do “monte” ao que se refire Sarmiento, máis que os crop circles (que sempre se ‘forman’ en estensos campos de cereal das chairas), incluso, a outra práctica tamén habitual nas Illas Británicas, a da figuración de símbolos nas ladeiras, como este home grande de Wilmington, nun fecundo condado para as figuras de ladeira como é Wiltshire:

Como se Sarmiento nos comentara aquí algún tipo de perdida práctica de marcación visual dun territorio, ubicada nesta antiga comarca costeira. Comentábao esta fin de semana e fareino máis nos vindeiros meses: o noso pasado é como subir a un mirador cheo de néboa, no que ás veces amósate cousas fascinantes por baixo das que non coñeces nada. Sabemos moito, pero canto máis sabemos, é impresionante as cousas que descubrimos que non sabemos.
Quen queira consultar o documento orixinal de Sarmiento, teno no interior do post.

uuuuh que nom se entere disto Friker Jiménez por deus, ou virá convencernos de que é cousa dumha conspiraçom entre o chupacabras o yeti e os extraterrestres!
hahaha! é unha curiosidade ben simpática. Pero hai que ler todos os textos do XVI-XVIII galegos que se poidan. A partir daquel momento a xente comeza a ter certa sensibilidade etnográfica e ata no último pleito da Real Audiencia poden aparecer cousas ben curiosas.
Mellor que non veña o friker jimenez, que se non xa me cheiro a típica tópica reportaxe de “Galicia, tierra del misterio, de las brujas y la Santa compaña, bla bla bla”.
Un clasiquísimo. Pero a clave do brevísimo texto é que Sarmiento distingue claramente o tema: as figuras están no monte, non nas leiras, e están en herba ou prado e non en finca de cereal. E esa é a diferencia cos crop circles británicos, que están claramente nas zonas de cultivo. Ten unha pinta de seren figuriñas feitas para ser vistas de lonxe que non poden con elas. A cuestión é saber se era un xogo de alguén ou se tal cousa era frecuente. Sería chulo saber máis desa práctica.
O director é Night Shyamalan nom? O de “Sinais”, digo.
Certo, lapsus indiae. :-)
Por certo, o homem esse que aparece na ladeira do monte deixou-me impressionado. Poderias dar máis informaçom sobre ele? Gracinhas!
Aquí tes moita información sobre estas curiosas figuras de ladeira:
http://en.wikipedia.org/wiki/Hill_figure
Gracinhas, mestre! :)
Permítome remitirvos ó impactante traballo, exposto en parte no recente congreso de Narón, do arqueólogo Pablo Novoa sobre os xeopetroglifos en certas serras de Galicia.
Novoa presentou evidencias da existencia de figuras, zoomorfas coma vacunos ou aves, de centos de metros feitas con aliñamentos de monolitos e que son visibles hoxe en día. Pode ademais que tamén as houbese en otras montañas de Galicia segundo informacións aportadas no mesmo congreso por outros asistentes.
Vaia ho!!. Agora xa che estou seguro de que estas figuras xeométricas das illas británicas teñenche moito que ver con Galicia, e o comercio trasatlántico e as interferencias culturais mútuas entre ámbolos dous territorios dende o neolítico , ¡e que todavía segue!. Vendo a primeira foto, xa che sei de onde sacaron os de Caixa Galicia o logo corporativo ¿ou sería ó revés, e os creadores desa figura visitaron moito galicia?.
Penso que tes razón, non é nun chan de millo precisamente onde Sarmiento atopa os debuxos, é no monte, entón o paralelismo coas figuras de Wiltshire encaixa mellor que o dos crop circles. Moitas grazas polos comentarios :)
Máis Fotos
http://static.panoramio.com/photos/original/3769866.jpg
http://maps.google.es/maps?f=q&hl=es&geocode=&q=cerne+abbas&sll=50.802029,-2.59346&sspn=0.207867,0.6427&ie=UTF8&ll=50.813721,-2.474874&spn=0.000812,0.002511&t=h&z=19
A do Cerne Abbas é criminal! Hai que dicir que o Homer que aparece ao carón nunha delas foi unha acción publicitaria recente bastante discutible, ao meu ver.
Os que dean chegado ata este fío de comentarios, voulles premiar cun secreto. Fíxense moito na súa figura. Retéñanna na súa memoria. E ata aquí podo falar por agora. :-)