Moito teño disfrutado desta serie: Bored to Death. Unha xoia de HBO ideada por Jonathan Ames e protagonizada por un escritor neoiorquino xudeu non moi exitoso e pseudodetective que protagoniza delirantes aventuras de novela negra na Nova York actual en compaña de dous amigos aínda máis estrafalarios: o director dunha revista social de éxito nunha madurez un tanto canalla e un debuxante de cómics friki con problemas de personalidade. Os curtos episodios son unha escalada de surrealismo intelixente nos que non faltan as drogas, o alcol, as situacións imposibles e os baixos fondos da clase media, canda esa diversidade social e fauna urbana que fan tan peculiares sempre as series sobre Nova York. Nada, unha serie para pasar uns ratos fantásticos de desconexión.

Non me chamara moito a atención esta serie hai un tempo cando vira o seu episodio piloto. Parecérame un tanto insípida, a pesar de que a idea de partida era interesante. Con todo, para surrealismo e humor realmente fóra do horizonte do esperábel, eu recomendaríache dúas: a fabulosa Arrested Development (na verdade que é xenial) e a totalmente irreverente e suburbana Colgados en Filadelfia(It’s always sunny in Philadelphia).
Ten razón David, o piloto non foi o mellor capitulo pero anímese e continue porque Manuel acerta co seu comentario. E a segunda tempada é o acabouse. Pena que non continue.
Saude