Última actualización o 20 / Decembro/ 2011

O Meson Don Miguel, na Pobra do Caramiñal [T: 981832105 / localización] é un dos sitios da miña vila, a Pobra do Caramiñal, nos que mellor se come, nunha vila na que non se come nada mal cando menos en cinco ou seis sitios. Xa saben que non lles adoito falar dos restaurantes da miña vila, e é por un motivo obvio: adoito xantar na casa dos meus pais cando vou por alá e na casa do ferreiro…
Produto tradicional, pero excelente, aquí no Don Miguel: no outono, este home recupera a tradición pacega e fidalga desta vila -o propio restaurante está ás beiras da fermosa e renacentista Torre de Bermúdez, un pazo de sereas que no seu tempo estivo á beira do mar mesmo- e alegra aos comensais con peciñas de caza guisadas con consistencia. Nós, pola contra, fumos en febreiro un día que tiñamos un compromiso que pedía marisco. E non se crean vostedes que hai moitos sitios, no inverno barbanzón, onde comer un marisco de calidade. En Don Miguel habíao. Dímonos unha boa homenaxe de produto de proximidade: ameixas dos Raposiños, con esa cor tan branquiña no interior que eu lembro de cando as ían coller a miña avoa e a miña nai, zamburiñas tamén da zona, unha boa centola e, para rematar, este impresionante arroz con chocos.

Este é prato de aquí, da Ría, e da Pobra, ata máis non poder. Para min o arroz con chocos, con ese cheiro dozón da tinta, é un dos colmos da gastronomía das rías, algo que me fai sentir feliz. Un arroz espeso e solto, pero con ese vizoso caldo negro que se convirte nun aroma de toda unha vida. Basicamente, excepcional.
Os amigos saloucaron de pracer.
-Don Miguel é de confianza -ese foi o termo empregado por Tucho Plaza unhas horas antes, canda algún pobrense que tamén nos botou unha man por Ribeira ata dar cun sitio na Pobra con marisco fresco. Entre os dous sentiran ardor patriótico por atopar un sitio de marisco fiable (fiable para a esixencia dun barbanzano, que é altísima en termos de gastronomía mariña).
Non sei agora mesmo o que nos cobrou, pero o Don Miguel non é un restaurante barato, especialmente se se consumen estas marabillas da ría. Pero tamén lles digo unha cousa: a calidade, no mar, págase, e iso hai que telo moi claro. E aquí calidade e seriedade haina, así que o prezo é xusto. Próbeno, que paga a pena. E así aproveitan para visitar a miña viliña e concello, que está chea de recantos interesantes.

Este non mo perdo, A Pobra é a miña segunda casa pero nuca fun quen de dar con bos sitios para xantar cecais poruqe cando me achego como ca familia.
Saúdos
O comentario solo lle falta o olor,si algun sitio e bo pa comer na Pueba ese e o Don Miguel