Estes días estou enganchado a unha interesante aplicación para iPhone: The Atavist. Trátase dun modelo de xornalismo de calidade para móbiles moi interesante.
Descargas unha aplicación gratuíta baseada nun software CMS que en breve estará dispoñible para a súa descarga e que centraliza a lectura de historias periodísticas estilo gran reportaxe e adaptadas, cunha interface, para ser lidas en dispositivos móbiles. O negocio está en vender as reportaxes individuais, a menos de catro dólares, que teñen un concepto multimedia. Unha excelente redacción, versión en audio, xeolocalización dos escenarios da reportaxe (concepto que deben mellorar), liñas do tempo, glosarios, e, por riba de todo, historias atractivas. Eu lin Before the Swarm, a menos de tres euros, unha boa historia sobre entomólogos (e si, interesante) que ler no camiño para os supermercados, cousa que nunca agardaría facer, e menos nunha historia de formigas.
Non sei que tal lles irá en termos comerciais. Agardo que ben, pero non o sei: o vídeo de presentación ten menos de 5000 visualizacións, o cal non é moito. En todo caso, se tedes oportunidade, probádea: é un camiño de novo, e de calidade, para un xornalismo coidado e ben editado. E iso non se ve moitas veces.

Be First to Comment