Last updated on 19 / Abril/ 2011

Fotos: Sole


Cando chegas a Mantua desde Bologna a primeira impresión é que estás a ver unha acuarela, un espazo irreal; o fondo dun cadro do Quinquecento. A estrada entra na cidade polo Lago di Mezzo, camiñando aérea sobre a superficie da auga. Enfronte rebotan as cúpulas, as torres medievais, os arcos renacentistas dos pazos dos Gonzaga, que son realmente boa parte da cidade. Esta pequena cidade, encaixada entre lagos e ríos, é como un territorio imaxinario, que nacera da mente dalgún urbanista renacentista.






O seu interior non é para menos. Outra vez a percepción de que estás nunha ilusión. Especialmente nun lugar que hai que ver sen falta, e ben vale os dous euros que se pagan por entrar nel: o Teatro Bibiena, unha marabilla de finais do XVIII que en si mesmo tamén parece unha ilusión dos sentidos.
Os Gonzaga foron importantes mecenas do Renacemento, e a cidade convertiuse nun espello da delicadeza artística. Nas súas prazas e rúas hai centos de secretos e detalles que te levarían a perderte por horas ollando as chiscadelas de elegancia. Mantua é tan fermosa e pouco coñecida que mírala sen rubor.
Paseamos polas rúas de Mantua, e as sombras das almeas dos palazzos do século XV proxéctanse na chaira. Nun momento determinado, sentímonos a penas trazos pintados ao óleo nunha fantasía agradable destinada a un salón aristócrata.

Gracia polas fotos dende o lago pois xa non me lembraba. A verdade é que a teño mezclada na menoria con Padova, outra xoia.