O valor dunha terraza

Última actualización o 14 / Abril/ 2011

Unha noite saín da redacción do xornal no que traballaba e camiñei polas rúas, bastante baleiras para ser un martes de xullo. Preguntoiro arriba, uns peregrinos de acento andaluz paráronme polo camiño: “Oye, y para tomar unas copillas por aquí?”. O que me fixeramáis graza era ese “y”, que poderiamos interpretar como “todo isto da catedral e tal está moi ben, pero agora imos ao serio”. Propúxenlles que me seguiran –eu quedara cuns amigos- e leveinos ás terrazas de San Paio de Antealtares. “¿Pero dónde estaba toda esta gente?”, exclamou sorprendido un dos peregríns cando entramos pola Vía Sacra e de súpeto abríronse as dúas prazas onde se amorean os xenuinos composteláns nas moderadamente calorosas noites do verán.

E aí está a clave do terraceo compostelán. Nada que ver con esas noites populosas das terrazas madrileñas en azoteas cool, ou, se nos poñemos, das que beirean o río en Allariz, ou a Praza da Peregrina en Pontevedra. Na cidade vella, o ver e o ser visto –a función clásica do terraceo peninsular- está subordinado a outras cousas. En canto abre a primavera e se vai achegando o verán, o terraceo picholeiro perfílase como unha operación de camuflaxe, de avantaxe competitiva, de obter uns metros cadrados de gloria nun recanto ignoto. Os terracistas composteláns son expertos en ventos e correntes, en rebecas que se agradecen con esa xiadiña inclemente mesmo das noites máis cálidas. E non esquenzamos esa sutil operación de travestismo que son as chaquetas masculinas coxunturais sobre os ombreiros das mulleres, un clásico do atrezzo feminino veraneiro na cidade.

A situación agrávase porque o compostelanita residente podería dispor da superficie gloriosa da Quintana para explaiarse no terraceo e beneficiarse da calor acumulada polo día nas lousas cal unha calefacción de tarifa noturna, pero fronte a iso, prefire arrecuncharse nos labirintos algo frescos de Antealtares, Algalias, Salsepodes, a Troia ou Agros, na busca da súa propia identidade, que está diluida na zona cero do turismo, ao redor da Catedral. O motivo deste comportamento pode estar nesa fascinante capacidade compostelana de distinguir nativos entre as masas de xente que visitan a vella cidade. Obsérvase cando tomas unha cervexa na terraza do Casino ou no Suso; sabes que comezas a ser picholeiro cando es quen de distinguir coñecidos no medio do marasmo humano e convertes a masa turística en parte da paisaxe, como as igrexas ou as tendas de quincallada. Ademáis, saír de terrazas en Compostela, no verán ou na primavera, sempre ten unha compoñente melancólica: nesta cidade na que todos somos doutro sitio, a tertulia debe por forza incluír saudosas referencias a que estás aquí pero en realidade, neste momento, o que che gustaría sería estar alí (e alí pode ser a praia de Agueira e Portosín, o río Arnoia, os chiringuitos de Samil ou Portonovo). Sensacións de desdobramento metafísico algo masoquistas que farían as delicias de Fernando Pessoa.

Só hai un lugar que garda as esencias urbanas do secreto do terraceo compostelán: a Praza Roxa. Hai que ir sentar aló ao rematar as compras na tardiña. A pequena vida urbana de Compostela apréciase alí sobre todo na primavera. Aquí baixan os grupos de estudantes a ver que cae. Un amigo recomendoume de aquela:

-Leva gafas de sol.
-Pero se a esa hora xa non pega -contesteille.

El, rápido, demostrou máis esencia compostelana ca min. En Santiago as terrazas non son para ver e deixarse ver. Son para ver e facer que non ves.

As Crónicas Mundanas son unha colección de artigos sobre Santiago de Compostela e a vida a través da súa hostelería. Publícanse bimestralmente na revista da Asociación de Hostelería de Santiago de Compostela.

3 Comentarios

  1. 12 / Abril/ 2011

    Que recordos do terraceo compostelán…! Que ganiñas dun gintonic na praza de San Paio… De revivir eses soños dunha noite de verán, rodeado de fadas e de trasnos. E, sobre todo, de compartir leria e parola con tan bos conversadores como vostede e outros que ben sabemos. Non hai nada que aprecie máis que unha boa conversa nun curruncho especial.
    Quen sabe! Se cadra, mesmo sen querelo, aínda estea a tempo de acabar aí. Daquela xa falaremos. Aínda que, ben mirado, a luguesa Praza do Campo tampouco lle ten moito que envexar: en ningures sabe o viño como á beira da fonte de San Vicente e entre os soportais do lugar.

  2. 12 / Abril/ 2011

    Por suposto que falaremos, Faragunde! Será un pracer tomarse uns gintonics con vostede en San Paio! Aínda que de aquela eu pegáballe máis ao ron cola. :-)

  3. Miguel Losada
    12 / Abril/ 2011

    Pois se de “terrazas”, Compostela, e morriña se fala, eu acóllome a sagrado nas do San Clemente.

    Nos 80 e cuns camareiros superprofesionais, dos que inda recordo os nomes, aquelo era unha verdadeira escola de picholeiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *