Last updated on 16 / Febreiro/ 2011

Ao longo destes últimos quince anos, os cibermedios de referencia -aqueles que ocupan unha posición destacada nos seus mercados, pero que sobre todo teñen influencia en marcar a axenda doutros medios, como nos ensinaba o profesor Héctor Borrat- foron creando, adaptando, inventando, superpoñendo sistemas de publicación na rede para adaptarse a un contexto sometido a ciclos de innovación moi curtos: Internet. Pero non todos reaccionaron igual ante un contexto continuamente cambiante; de feito, hai certo patrón cultural que diferencia aos cibermedios do ámbito latino (Le Monde, El País ou Clarín) fronte aos medios de raíz anglosaxona (The Guardian, The New York Times). Mentres os primeiros apostaron por unha innovación expansiva, centrada na apertura de niños de mercado, emprego de novas tecnoloxías, novos conceptos de deseño e sistemas de actualización innovadores, os segundos apostaron por concentrar os seus recursos en medios dunha estrutura (ollo, concepto diferente do tamaño total) moito máis reducida. Os medios anglosaxóns, nos seus procesos de innovación estrutural, son máis conservadores que os latinos; a súa innovación céntrase máis nos obxectos de contido que na expansión da arquitectura da información.
Expansión vs. Concentración
As consecuencias de cada un dos dous modelos son claras: mentres que os primeiros fixeron evolucionar o concepto de cibermedio de forma moi ampla, deixaron ao mesmo tempo numerosos cadáveres no camiños: actualización deficiente daqueles produtos que non funcionan demasiado ben, zombies que nos remiten a anteriores redeseños do cibermedio, buscadores que non localizan recursos. Os medios anglosaxóns, en certo xeito, aprenderon dos latinos, pero o seu conservadurismo formal lévalles a evolucionar de xeito lento como produto, pero ao mesmo tempo a consolidar o seu contido. Desde o punto de vista da arquitectura da información, o modelo de tres niveis de The Guardian (dous niveles de xerarquía de seccións, coma todos os cibermedios contemporáneos, máis un número amplio de temáticas nun terceiro nivel estruturado como tags) é unha auténtica catedral do racionalismo na construción dun medio.
Os índices como unha resposta aos cambios no ecosistema
Un exemplo: a estrutura de índices que El País amosou ao mundo cando se redeseñou como medio de pago no 2002. A idea de Mario Tascón fora unha xenialidade, non abondo recoñecida: de súpeto, o cibermedio obtiña novos usos, como base de datos documental, transformando a noción de hemeroteca ou arquivo dun medio de comunicación. El País ou Le Monde non foron capaces de facer evolucionar o deseño desta estrutura eficiente de amortización do contido, pero é interesante como a luva foi recollida por The Guardian e, sobre todo, por The New York Times. Os seus índices nacen no contexto da hexemonía de Google como buscador e o SEO como novo paradigma de construción de páxinas. Mentres El País e Le Monde teñen unha estrutura de índices bastante automática, The Guardian e The New York Times automatizan a indización da maior parte das etiquetas, pero reservan un certo número delas para a edición humana. Unha edición que converte cada páxina nun directorio de recursos que combina, sen o rubor de El País ou Le Monde, a información propia coa que figura noutros cibermedios, webs, blogs ou streams de Twitter. Os resultados son obvios: a superficie do cibermedio multiplícase na rede e, con esta ampliación, o número de casos acertados de localización a través de Google.
Nos últimos anos, a audiencia abandona as portadas e entra por novos filtros intermedios a cada punto concreto do sistema. Cada páxina é o cibermedio e a relevancia da portada desfaise. Así compréndese a nova función de cada páxina de noticias como unha landing page, unha páxina de aterraxe, e a aposta por determinadas solucións de deseño como os sumarios da portada nos footers das páxinas. Mentres a estrutura dos xéneros tradicionais parece non alterarse, as noticias fican envoltas nun contentor con numerosos elementos de navegación horizontal.
Os usuarios, ese problema
Sen embargo, os cibermedios non tiveron tanto éxito na integración dos usuarios. Unha análise pormenorizada dos cinco cibermedios de referencia nos que investiguei recentemente revelan a inconsistencia da estratexia de integración dos usuarios desde os anos 2000. Calquera mapa do sitio web de El País, Clarín, Le Monde, The New York Times ou The Guardian revelan un rumbo de zigzag, nos que os cibermedios debátense en crear sistemas abertos para os usuarios, nos que o cibermedio sexa esencialmente a hospedaxe, ou sistemas centrípetos, que tenten captar ao usuario cara o interior do sistema como unha rede social. Hosting de blogs? Sistemas como Times People, que só permiten vincular noticias internas do cibermedio? Login con Facebook? Ou mellor creamos a nosa propia rede social? Os cibermedios mantiveron e manteñen volumes de usuarios absolutamente considerables, pero foron incapaces de facer algo con esa maré constante de -non o esquenzamos- intelixencia. En que medida é demasiado tarde para iso?
Un modelo estrutural global
Quince anos de cibermedios permiten comprender certamente a evolución dos conceptos do que son os cibermedios na actualidade: o abraiante é que, alén das solucións formais de deseño que son diferentes en cada país, e que adoitan proceder da tradición cultural do mercado da prensa, os grandes cibermedios son, estruturalmente, no núcleo de contidos, o mesmo cibermedio. As súas estruturas, con maior ou menor grao de racionalización, son basicamente as mesmas, e xa non son xornais en strictu sensu. Coa división das portadas e portadiñas en estruturas gráficas de tres e dous niveis respectivamente, coa estrutura de índices e outras solucións, están mudándose en bases de datos de coñecemento diacrónico, aínda que carecen, polo xeral, da capacidade tecnolóxica de ir alén dos procesos de etiquetado e procesado deses datos.
Innovación en dispositivos, non en contidos
Sobre todo porque, nestes momentos, os procesos de innovación dos grandes cibermedios xa non se concentran nos niños de mercado, nos contidos e na súa amortización, senón en producir produtos para dispositivos. De todas as fórmulas tecnolóxicas de distribución da información, as únicas que comparten todos os cibermedios como produtos específicos, son os smartphones e as tablets. En que medida contribuirán os novos dispositivos móbiles ao futuro do xornalismo? Non é doado facer prediccións. O novo niño de consumidores son as marcas tecnolóxicas.
Este é un pequeno resumo dalgúns aspectos destacados da miña tese de doutoramento Deseño editorial e arquitectura da información nos cibermedios internacionais de referencia que se presentou en lectura pública o pasado venres 4 de febreiro na Facultade de CC. da Información da Universidade de Santiago de Compostela e que obtivo a cualificación de Sobresaínte Cum Laude.

Estou desexando ler esa tese (ou polo menos, as conclusións, se é que vai ser moi tocha). Parabéns doutor!.
(Unha nota marxinal: dise “stricto sensu”, e non “en strictu sensu”, sen preposición, por ser superflua, xa que a expresión vai en ablativo). A min tamén me pasa. O de “cum laude” si que esta ben… merecido!.