Con estupor vexo os tres videoclips de Coida Galicia, unha campaña publicitaria en activo da Consellería de Medio Ambiente. Se non os viches, bótalles unha ollada, a ver que te parecen. Embaixo dou a miña opinión.
No interior do post dou a miña opinión ao respecto.
Para min, esta campaña é un auténtico despropósito. Para comezar, imos ver se pillo a mensaxe destes vídeos destinados a unha audiencia galega:
1) Galicia mola.
2) Os galegos somos guais.
3) No futuro seguiremos sendo guais. Como es guai, vas coidala como levas facendo ata agora.
Xa que un estima que o Goberno está facendo un considerable gasto económico nunha campaña publicitaria multimedia, suponse que esa campaña ten un obxectivo, non? Cal é o desta? Intúo que ese problema pode ser o feísmo, pero non se menciona por ningures (primeiro erro). Por que?
Ás veces as campañas institucionais son tan mornas, tan edulcoradas, teñen tanto medo de crear polémica, que se convirten nun desperdicio económico. Detrás desta campaña hai, seguramente, moito diso. Imos facer algo contra o feísmo pero non podemos dicir que en Galicia hai feísmo, porque iso afecta á imaxe do país ou alguén pode dicir que insultamos aos propios cidadáns. Chicos, hai que ser positivos, eh?. Xa me estou imaxinando as xuntanzas de traballo.
O segundo gran erro é o seguinte, e é de máis calado antropolóxico. Que é “bonito” ou que é “feo”? Mirastes algunha vez a sección esa de “Chapuzas gallegas” de La Voz de Galicia? Se escoitades falar aos autores das “chapuzas” que ás veces entrevistan, eles están orgullosos do seu traballo, porque para eles, moitas veces, non entran na categoría de “bonito” ou “feo”, senón na de útil/inútil, problema/solución, problema / reciclaxe, etc. O problema é máis complexo: ten que ver coa transición social entre o rural/urbano, con problemáticas de identidade, con valores de consumo e obviamente, coa ausencia de referencias, entre outras cousas. É un problema antropolóxico e sociolóxico de primeira orde. E publicitariamente debera ser abordado doutro xeito.
Porque cando moita xente pensa nunha “Galicia bonita que hai que coidar” pensa en que hai que facer o seguinte:
a) Ladeiras cheas de eucalipto rendindo cartos, cando antes estaban a xestas e toxos e non había quen as limpara.
b) Chalés en primeira liña de praia, porque agora se pode por fin chegar co coche ata a beira do mar e, ademáis, hai “ambiente” no verán, que aquí eramos catro gatos.
c) Edificio de pisos modernos que se cargan catro casas vellas que non eran máis que un niño de humidade e ratos.
d) Autoestradas e pontes fendendo a costa, como está a pasar no norte da ría de Muros e Noia, a zona ata agora con mellor capital paisaxístico das Rías Baixas (aínda que xa non se considere tal). Por fin Galicia vaise modernizando, que antes esas carreteiriñas…!
e) Paseos marítimos que irrompen con grandes estruturas de madeira en zonas costeiras virxes e miradores que destrozan cumios de montes con fermosas formacións graníticas. Eran pedras. Desas sóbrannos!
f) Merendeiros e grellas no alto da Moa do Pindo. Non hai nada mellor que facer un churrasco no monte!
g) Pero mira que bonito quedou Sanxenxo nos últimos anos!
Son algúns exemplos. Estou canso de discutir con persoas aos que todo o anterior lles parece “bonito”, e que son a importantísima parte do segmento social que fomenta ou tolera que pouco a pouco vaiamos soterrando os recursos paisaxísticos do país. A campaña edulcorada, ambigua, etérea da Consellería de Medio Ambiente vale para todos: vale para os que pensan como os puntos anteriores e tamén para os que pensamos ao revés; ou sexa, non vale para ninguén. É unha campaña feita desde unha concepción moi concreta de como debe ser Galicia, pero que non se atreve a materializala, que non ensina cales son os problemas, que non aprende a solucionalos e identificalos. Moi importante: IDENTIFICALOS.
É certo que a sutileza e a ambigüidade é unha característica da mensaxe publicitaria. Como vedes no último comercial de Freixenet, a crise nunca se menciona directamente: simplemente Shakira pide que “volva saír o sol”.
Pero a crise non é o obxectivo da campaña, senón vender cava. Pero imaxinádesvos á DXT facendo unha campaña de tráfico así?
Os galegos conducimos estupendamente. Os galegos levamos conducindo estupendamente desde hai décadas porque nos gustan os noso coches. E pensamos no futuro seguir conducindo estupendamente, disfrutando da estrada e do vento na cara, demostrándolle ao mundo que somos uns grandes condutores.
Pois esta campaña Coida Galicia é así. Algo inútil.

Pois mira que sería ben bonita a campaña mantendo a locución pero trocando as imaxes por outras, coma o “murallón” de Lugo, a autovía polos Ancares, a térmica de As Pontes, a celulosa de Pontevedra… Que ben lle irían a esas imaxes o “coida cada recanto de esta terra” do final do anuncio!
Puxéchemos “a huevo”, Sr. Gago.
Onte á noite, convelecente dun catarro, empecei a ler un libriño-opúsculo que me pasou Lucía. Delicioso e cunha traducción bastante poética, quedei absorto, e só o lóxico cansanzo me fixo deixalo.
Trátase do “O eloxio da sombra” do xaponés Junichiro Tanizaki, escrito a primeiros dos anos 30 do s.XX no Xapón imperial. Atopei este enlace ó texto.
http://www.ddooss.org/libros/Junichiro_Tanizaki.pdf
O texto propiamente dito empeza no cuarto párrafo. Con leres as primeiras 20 liñas xa o flipas. ¡¡Escrito hai 80 anos!!, e nós aquí todavía con estes “pelos”. A imaxe que che ven é a de como resolvemos as nosas “chapuzas” e o que comentas das explicacións antropolóxicas e os problemas de identidade.
Coido que é unha idea macanuda para regalo dos próximos Reis, que o do PDF estache moi ben para o momento, pero telo nas mans ben encuadernadiño gusta moito máis.
Saúdos.
Iste é outro exemplo do que chamei esconxuros en “espadas que brilaban..”
A Xunta, neste caso, enuncia cripticamente sen iren mais aló unha cuestión que pon medo e pra esconxurar o medo difuso que lle mete a administración abordar o problema, quen desenvolve a campaña faino tamén con medo do ente público non vaia ser que xa non volva coller outro contrato.
Fálase, sen nomealo, daquelo que pon espanto coa esperanza de…que desapareza ou que?
É como quen cantarexa pra espantar o medo que lle pon a escuridade ou así.
Tamen é un exemplo singular de psicoloxía inversa dirixido a unha sociedade á cal alguen ten por intrínsecamente infantil.
Saudos
O Miguel Losada
No blogue “a pedra do encanto” tamén saca Bea Comendador un “opúsculo” dos anos 20 sobre Vilagarcía con motivo dos carnavais.
Dame que non tod@s temos a mesma sensibilidade cara a nosa contorna, o outro día estando en Melón, un concello ourensá certamente incrible unha muller animávanos a pedir que lle sacaran uns “cubertos” (alpendres) que eran “moi feos” preciosos e singulares diríamos nós, ao lado da súa casa que nós cando entramos na aldea démoslle por unanimidade a denominación de “casa horrorosa” e que -paradoxicamente- nos veu estupenda para situar os elementos que tiñamos que rexistrar… non sei que querencia lle temos ao cemento/ladrillos/ ou peor bloques! plásticos colgados nos arredores, bañeiras-bebedeiros, metálicos de cama-cancela…arcolitros, ou horrores tales como un peto de ánimas que nin vos conto (oxalá soupera subir fotos que algunha son para mexar e non botar ghota!)
Contra o mal gusto é necesaria a educación pero paréceme a min que…
E con respecto á campaña, totalmente dacordo. Pero tampouco se pode esperar moito máis dunha campaña institucional, sexa feita esta con gobernos de calquera cor.
Si, demasiado edulcorada e sen mensaxe claro. Tenche moitísima máis mensaxe e cun obxectivo bastante definido o de “vivamos como galego” (con todo o etéreo que eso pode ser) de Gadis. Tampouco fan falla campañas impactantes de “accidentes” como os da DXT.
Pero a cousa tenche tamén maís dimensións, en canto a que se “concretan” os obxectivos, moita xente poderia empezar a pensar, e con razóns, que son as mesmas administracións as que non cumplen co que din.
E se o “bonito” e que hai que “coidar” é o que aparece nas imaxes, imos listos: os eucaliptos de fondo no primeiro video baixando a Capelada pola vertente da ría de Ortigueira; as paredes repicadas (o sumum do ilóxico) das casas de Combarro; e finalmente a fervenza máis famosa de Galicia, e coido que tamén a máis contaminada.
Puro desatino. Pero quedan moi ben os que a mandaron facer. Todo cara á galería coma sempre.
¡Ala!, xa queda escrita outra “sabana” das miñas.
Saúdos. E feliz fin de ano.
Aí das no clavo, Artabris. Hai un problema de percepción clarísimo, nestes momentos, en diferentes sectores da sociedade galega. Un problema de gusto clarísimo, pero tamén de falta de referencias. O gusto é opinable, por suposto, pero ata certo punto. Web con fondo negro e letras lila quedan obxectivamente mal, pero é preciso explicalo. Hai xente que aínda cho porfía. :-)
Poño un caso do Barbanza. Hai anos, os primeiros que comezaron a restaurar casas eran os médicos, avogados madrileños, etc. Comezaron a repicar as casas para que se vise que eran de pedra. A primeira reacción de moita xente foi de sorpresa. Pero logo sumáronse as “casas de turismo rural”. Pero posteriormente, ralentizouse o proceso de destrución de casas vellas e a clase media local empezou a emprender proxectos de restauración. O panorama hoxe en Boiro, Rianxo ou a Pobra do Caramiñal, con ser difícil, retrasou algo o proceso de destrución de casas tradicionais. E débese á creación dun novo modelo social do gusto. É de ‘xente ben’ ter unha casa repicada en pedra (que curiosamente, non era un estilo tradicional).
Estes días, nalgún que outro rato de ocio, dedícome a “percorrer” a Inglaterra rural e costeira no Google Earth.
Realmente, non podo sentir outra cousa que non sexa envexa.
Envexa de ver aquelas paisaxes tan coidades. De ver que calquera granxa, casa de campo, nave, almacén, pobo… procura integrarse na paisaxe e non soe distorsionar coa tipoloxía de vivendas tradicionais da zona. De que a xente coida os seus xardíns, as súas vivendas, de que non so buscan que estea “bonita por dentro”…
Isto mesmo sucede en Francia, en Holanda, en Bélxica, ata en Portugal… e, loxicamente, un non pode evitar comparar…
Realmente o problema é de percepción? Temos os galegos uns gustos tan diferentes das xentes doutros países?
Penso que unha grande parte de culpa tena o arraigado que está na nosa mentalidade o tema do aforro e o economizar todo o que se poida. Sobre todo na dos nosos maiores, posiblemente derivado de ter vivido outros tempos máis duros, pero que parece que se transmitira xeneticamente ós máis novos: se podo facer unha maceta do cubo dunha lavadora, teño claro que non vou comprar unha; se podo deixar a “ladrillo vista” o pendello, para que vou gastar en recebalo?; se a casa vella de pedra, ou o muíño que está no río están caendo a cachos, non paga a pena meter cartos neles. Tírase e faise unha de bloque, e o muíño que o coma a maleza…!
E non me fai falta ir lonxe para comprobalo: é curioso como, na miña propia casa, cada vez que meus pais viaxan ó estranxeiro, veñen “admirados de cómo teñen este ou aquel país”. Iso si: non copian absolutamente nadiña para aquí. A mentalidade forrico-chambona entra de novo en modo “on” tan pronto aterrizan no aeroporto ou cruzan a fronteira.
Vale que a nosa economía non é comparable a doutros países, pero hai maneiras e maneiras de facer as cousas. Igual que hai maneiras de facer rendible economicamente o monte, de construír autoestradas, portos deportivos, casas preto da costa e espacios de lecer na natureza “sen que se note”. (Sorpréndeme, por exemplo, a cantidade de portos deportivos marítimos e fluviais que hai en Inglaterra, perfectamente integrados na paisaxe).
¿E que tal a publicidade de ?
” ..Agora é cando , Galicia é onde..” ou
“.. A minería forma parte de tí ..”
Xosé, das outra clave, efectivamente. O modo on/off de moita xente, á que lle encanta ver estes países ben coidados pero non conciben o mesmo para aquí, que cando lle dis que na Bretaña as normas urbanísticas impiden facer edificios altos nas aldeas costeiras alí lles parece ben e aquí é imposible. Meus pais falaban dunha parella de amigos que nunha viaxe a Praga e a Karlovy-Vary, a única foto que sacaran en toda a viaxe era dun horror de cemento de escaleira que querían copiar para reproducir aquí.
A miña argumentación sempre é económica: póñolles o caso de vilas que souberon facelo ben e que agora teñen unha fonte de recursos de pouco mantemento e que non se gasta: eles mesmos. No ámbito da paisaxe houbo tres décadas nas que vivimos como un novo rico despilfarrador. Eu tento levar o asunto ao terreo dos cartos, que é onde hai que xogalo. E aí é cando te das conta de que o problema é outro, é máis profundo.
Eu creo que temos remedio, pero con campañas así machacamos oportunidades.
Eu son mais escéptico.
Póñovos un exemplo: Cando alá polos 90 eu vivín na Bretaña Francesa, estiven nun pobo chamado Dinan no que hai una rúa empedrada de casiñas dunha planta, pequenas tendas… Ben pois cando reparei nas plantas que adornaban as entradas vin que eran, en moitos casos, toxos e xestas brancas ( Como as nosas, mais elí valian 500 pelas nunha floristería).
Cando conto eso eiquí sempre mo toman como chiste. Calquera cousa que diga ou dixera xa non é verdade senón contos do Miguel.
A diferenza de visión do mundo nestes eidos é enorme.
Saudos
A min a que máis me impactou nos últimos tempos é a da “minaría”, eu vin o cartaz nun valado publicitario perto da praza de españa en Vigo e quedei intrigadísimo. O caso é que non estamos sensibilizados coa minería, e iso que o meu sogro ven de gastyar case 3 kilos das vellas pesetas en meterlle parnchas de granito ao chalé para que pareza de cantería. Eis o link da empresa que fixo a campaña http://www.briefinggalego.com/campana-mineria-gallega
MundiNova ha realizado una campaña para la Xunta de Galicia para la sensibilización de la población frente a la minería.
Vendo os anuncios, de inmediato o primeiro que me veu a cabeza foi a futurible e ( moi posible) macropiscifactoría no Cabo Touriñán; ou no caso da fervenza do Toxa ( que sae no anuncio) mágoa que non rodarán o anuncio dende o miradoiro do alto, fronte o comezo da caída, xa que moi tristemente agora a enorme ponte de cemento do ave é indisociable da paisaxe da fervenza.Cómo se pode destrozar unha paisaxe de tal maneira?
Coído que a campaña nace para enmascarar a falta de políticas territorias atinadas coa preservación da paisaxe e conservación da biodiversidade, as portas da aprobación de varios plans e proxectos que darán moito que falar no primeiro semestre do 2011, o supor unha ocupación territorial moi agresiva e destructiva dos valores que, precisamente, a campaña pretende poñer en valor. Por unha banda, o plano acuícola, xa na grella de saída, que por exemplo, ademais do citado caso de Touriñán, traerá consigo a ocupación de fermosos emprazamentos:un complexo de 200/300 mil m2 sobre os coídos de Camelle no camiño que vai a Mordomo, ou igual para a praia de Arou no seu treito que vai ata as Lobeiras de Arou.Poderemos imaxinar tamén, en poucos anos, como coidar a paisaxe do Cabo da Nasa en Cee/Corcubión, sen dúbida a mellor vista do Pindo ( fora do Pindo) e do Carrumeiro e o faro das Illas Lobeiras, tendo á marxe dereita outro caso como o de Touriñán.
A ampliación eólica, en numeros de incremento de aeroxeradores e apertura de novos accesos desproporcionados, superando con moito a capacidade de carga visual das nosas serras. Tocaralle por exemplo a Serra do Suído, e coidado co Macizo Central e proximidades de Trevinca que teñen todas as papeletas. Algúns proxectos eólicos viran acompañados de proxectos industriais asociados, chamados minicentrais. Adeus a Lei de conservación dos ríos, no que xa se pretenden rescatar uns 30 proxectos de centrais: Por exemplo no Oitaven,candidato a ampliación da rede natura 2000 e do que xa se caeu.
Nestes momentos, Gallicia leva 1 mes incumprindo un dos aspectos máis relevantes da Directiva de Hábitas, pola que se regula a Rede natura 2000, e para o que tivo un prazo de seis anos pra darlle cumprimento. Cos cartos que custa unha campaña publicitaria deste tipo, financiariase o Plan de Conservación dos Espazos da Rede natura 2000, co que protexer entre outros a nosa paisaxe, e alguns cantos plans de conservación de especies ameazadas. Nestes momentos a Xunta, xoga cos tempos e está forzando moito, pretendendo aprobar anteriormente determinados plans, programas e proxectos ( coma os vistos) a efectos de que non queden condicionados “letalmente” ante a posibilidade de que coincidiran con novos espazos da ampliación da Rede Natura 2000 ( Galicia co % máis baixo de todo Estado) ou dos usos que se establezan neles.
Por certo, poideron escoller para un anuncio a estampa dos contedores “modernos” colocados no Faro de Fisterra, ao lado das conchas chinesas, o primeiro co que o viaxeiro se atopa nada máis chegar ao cabo.
Parabens polo post.( e disculpas pola extensión) Saúdos
Martiño, de desculpas nada. Moi agradecido pola túa intervención e todos os datos que apuntas.
O tema medio ambiental, o tema da protección da nosa paisaxe, a defensa non só de valores ecolóxicos, senón tamén económicos, de primeira orde, non depende de ideoloxías nin de partidos; hoxe por hoxe, depende sobre todo do sentido común. Iso é o que falta.
A ría de Ortigueira, esa que sae no primeiro vídeo, non é onde os plans urbanísticos prevén construir 65.000 vivendas en 10 anos??? (a unha ducia de casas por habitante censado).
Combarro non é esa fermosa vila mariñeira, situada fronte a unha fedorenta fábrica de cheirulosa, e onde un mastodóntico porto deportivo acaba de esfolar para sempre a súa máis fermosa perspectiva?
O río Toxa que sae na fervenza do terceiro vídeo, non é ese triste regato emparedado entre unha canteira descomunal e a vía do ave que nunca chega?
Eu tamén preciso unha explicación para a campaña de Sanidade actual: “Fai un uso responsable dela”. Que temos que entender? Que a xente vai ao médico porque lle gusta? Que só hai que ir cando esteas a morrer? Que a tomemos “con moderación” como a cervexa ou as bebidas espirituosas?
En canto á súa entrada -magnífica- e esta campaña chapuceira, matoume con
“a) Ladeiras cheas de eucalipto rendindo cartos, cando antes estaban a xestas e toxos e non había quen as limpara”.
Por desgraza, ese pensamento é o máis extendido aquí por onde vivo eu, na Mariña lucense. Para atopar agora unha fraga distinta á conformada por “ocálitros”, como lles chaman os paisanos, hai que andar moito, e espabilado. A Mariña, entre o cemento e o eucalipto, estase a voltar da cor gris de Alcoa.