Retratos e encontros, de Gay Talese: o outro Novo Xornalismo

Non coñecía a obra de Gay Talese. Pero cando lin a segunda das reportaxes compiladas en Retratos y Encuentros, o seu último libro, dinme conta de que este home, Gay Talese, estaba noutra dimensión con respecto a escritores como Tom Wolfe ou Norman Mailer. Gústame mil veces máis que estes dous últimos, aos que sempre xulguei como un tanto insoportables, e moito máis próximo a Truman Capote. Retratos y Encuentros vai exactamente diso. Unha antoloxía de textos de Gay Talese baseados na estrutura de perfil a xente famosa, pero non só. A primeira reportaxe analiza Nova York desde a perspectiva dos gatos de rúa (brillante). O texto de Frank Sinatra é basicamente magnífico, o retrato dun poderoso e famoso cantante no seu apoxeo de fama e no inicio da súa decadencia física. Textos longos e profundos sobre persoeiros da vida pública.

Talese é coñecido polo seu traballo nese ámbito de definición tan revirada, a ‘non-ficción’. Que é a non-ficción? É a ‘realidade’? Podemos falar moito disto, pero nos textos de Talese descubres que é o mellor que achegou o Novo Xornalismo ao ídem: as técnicas literarias permiten compoñer esceas de dentro para fóra, constrúen o que nos falta moitas veces nos textos xornalísticos: o ‘ambiente’, o ‘detalle’, a ‘perspicacia’ ou mesmo o que reivindica Talese: a curiosidade. O xornalismo sempre se constrúe en base a feitos notorios; nos textos de Talese, os perfís nacen dos pequenos acenos dos protagonistas.

Recomendo vivamente botarlle unha ollada a estas entrevistas en vídeo ao escritor que hai na súa páxina oficial.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *