A fotografía é unha obra mestra cando é capaz de levarte máis alá, á historia que subxace detrás do representado. A retrospectiva galega de Cristina García Rodero exposta no CGAC co título de Transtempo cumpre esa función: son obras mestras da fotografía, obras turbulentas, dramáticas e intensas, especialmente as das décadas dos 70 e os 80. A Galicia que retrata Rodero nas súas fotografías está mil veces representada e fotografada: é a Galicia indíxena á que tanta querencia teñen os fotógrafos e que hoxe xa non é doada de atopar. Pero no indixenismo que retrata Rodero hai unha diferencia con moita da outra fotografía etnográfica: o instante decisivo, a composición -que importante é a composición e o encadre- e unha presenza diferente da muller. Vai moito máis alá da señora enrugada co pano á cabeza e relata unha visión pouco coñecida da muller campesiña: un relato de amores, resignacións, rebeldías, confidencias, conformismos. A exposición non deixa indiferente a ninguén, e como todas as grandes coleccións, está aberta a miles de lecturas posibles. Imprescindible, en serio.

Be First to Comment