Last updated on 13 / Novembro/ 2010

Fotos: Sole
No delicioso libro A History of Sicily (Finley, Smith e Duggan) nárrase en detalle a historia da colonización grega da illa de Sicilia, e o proceso político polo cal un grupo de colonizadores deriva en tiranos célebres como Dionisio de Siracusa: toda unha lección que se repetirá ao longo dos séculos. Contra o século VIII a.C., os conflitos sociais, políticos e demográficos da Grecia antiga provocaron a saída en masa dos colonizadores, que percorreron as costas mediterráneas. En Sicilia os gregos atoparon un novo mundo, unha terra de promisión: o desenvolvemento das polis na illa, a unha rápida velocidade, só é explicable ante espíritos dispostos a deixar atrás as rémoras do pasado e a un contexto no que todo debía ser construído. Paseamos por Siracusa. Estamos sentados nun delicioso café, ao carón da fonte de Aretusa. Parte do que entendemos como Grecia debe ser procurado aquí: da literatura, do pensamento ou da ciencia.

O sol é tan pracenteiro, o mar é tan azul, a badía siracusana, ausente de turistas é tan fermosa que non podo menos que deixar de pensar nos expatriados. Os xudeus no seu éxodo, os galegos na diáspora cubana onde se pariu prensas, himnos e institucións, o Tánxer dos intelectuais europeos do século XX: a expatria ás veces é o espazo máis fértil de creación, porque se acaba creando desde a memoria. Siracusa é unha das cidades máis deliciosas de Sicilia. Os turistas visitan unicamente as grandes obras públicas gregas: o teatro, o anfiteatro, a famosa Orella de Dionisos, pero non se achegan ata esta fermosa e plácida cidade con mercados evocadores. O mar, aquí (sei que soa raro) é como máis plano.





A auga da fonte Aretusa, que vemos manar igual que a viron os antigos, chega ata el. Hai que pasear por estas mariñas, deixarse embaucar, sentirse un expatriado grego. En canto te introducen polas ruelas, aparecen os pazos -algúns en ruínas- dezaoitescos do Gatopardo, do grande Giuseppe Tomasi di Lampedusa, habitados por colonias de gatos. Siracusa é puro engado: vive morneando a sesta ao sol.




Na antiga canteira coñecemos a famosa Orella de Dionisos, que leva fascinando aos viaxeiros occidentais desde antes dos tempos de Goethe. Unha especie de estraña furna, coma un templo consagrado noutro mundo distinto ao noso, onde a lenda turística di que Dionisos matou a 7.000 atenienses. Isto -que non sabemos que é- é sen dúbida unha das grandes obras da Antigüidade. As voces esvaran por ela e, desde o chan, a sensación é de vertixe ao mirares para arriba. Por iso as dimensións son doutro mundo.
Siracusa, a penas explorada no seu casco urbano polos turistas, é unha das máis personais, fermosas cidades da illa de Sicilia, en pleno proceso de respectuosa restauración. Sentados nun anaco de muralla grega, cos pés pendurando sobre o mar, ao carón da sombra de Arquímedes, por un momento tamén sentín o que significa ser expatriado.

obrigado polas fotos e a narración. Que envidia de viaxe!.
Saude
por certo, levo anos con Sicilia como destino e as suas reportaxes fanme de novo voltar a intentalo. ¿Nunha semaniña colleselle o aire ou é pouco de mais?
Saude
Álvarez, nunha semana hai que darlle mecha pero pódese facer. Nós atopámonos con bastante xente que lle dedicaba unha semana. Substancialmente, eu dedicaría dous días a Palermo e a súa zona (visita lóstrego a Agrigento?) e tres á zona de Siracusa, Taormina, Catania…Pero se podes ir dez días a visita será espléndida.
moito obrigado