Last updated on 10 / Novembro/ 2010

Durante as pasadas vacacións en Sicilia (imos ben atrasados, pero a verdade é que hai tantas cousas que contar…) bebimos moitos viños italianos. Trouxemos moitos tamén no coche. Sorprendéronme un montón os brancos. A xulgar pola calor enorme, pola sequedade do aire, agardaba viños que foran unha explosión de aromas e un padal curto, alcólico, un visto e non visto, como acontece noutros brancos mediterráneos que saben empoleirarse entre as cellas coma un galo e comezar a cantar. A miña sorpresa foi outra. Aqueles viños mesmo, por momentos, parecían frescos. Nun restaurante, chegoume o condenado deja vú que me andaba rondando a cabeza varios días.
-Son os viños do meu avó!
A acidez atlántica e anárquica dos viños do Barbanza conectábase, de xeito surrealista, cos viños das mediterráneas ribeiras da benaventurada illa de Sicilia.
-Son os viños do meu avó!
Viños ácidos, dun sabor que variaba moito entre copa e copa. Decateime dunha percepción que case tiñamos abandonada nos viños comerciais en Galicia: os viños plurivarietais, feitos con varias variedade que se combinan. Os últimos trinta anos fabricaron comercialmente as variedades: temos o albariño, a treixadura, o godello. E, ás veces, combinamos estas. O albariño coa loureiro, a treixadura co albariño, a godello coa dona branca, etc. Pero as variedades “menores” só achegan un pequeno toque ao coupage, dun 10% máximo na mestura. Construímos a visibilidade exterior dos viños galegos ao redor dun varietal. Claro, agora chegan as lamentacións: os malvados provenzais, neozelandeses, arxentinos, os malvados do mundo todos, quérennos roubar o albariño!
En Sicilia os brancos seguen o tradicional destino do plurivarietal. Non creo que detrás da decisión estea un afán conservacionista, non. Supoño que as combinacións plurivarietais conseguen aportar frescura a estes caldos, e a frescura, nos calorosos e fermosos días sicilianos, a frescura é alegría. Pero tamén conseguen, coma no Douro portugués, no que os tintos continúan a facerse, principalmente, con anárquicas combinacións das cepas vellas, tintos distintos, se cadra algo imprevisibles, que randean no aparato comercial con certa inestabilidade, pero que levan o selo indistinto da terra na que foron cultivados.
Bebemos estes viños sicilianos baixo parras, nas sombras destas vellas casas, cabo do delicioso piélago (sempre me gustou esa palabra); estes viños penetrantes, algo imperfectos desde o punto de vista dos estándares do viño máis comercial, teñen un sabor inmediato da terra de cultivo, cando os collemos aquí. Son viños adaptados, na súa elaboración, á terra quente que os cría. Os nosos son máis redondos, ao meu ver, máis perfectos: pero estes viños tamén teñen un encanto especial e distinguible.
Gustaríame que en Galicia volveramos a querer o mundo dos plurivarietais, a confeccionar coupages máis atrevidos e sen medo, que non dependeramos dun varietal no que ás veces investimos unha chea de diñeiro en promocionar para que outros recollan os froitos. Non era, por suposto, facelo nos tempos dos avós que hoxendía, así que os resultados por forza tamén habían ser distintos. Os viños cobrarían un novo sentido, e o seu consumo tería o aceno, aínda máis claro, dos homes que o elaboran. Nun mercado global como o actual, hai que construír máis o concepto do terroir de Galicia; iso é o único que non se pode copiar (por agora).

Unha refexion muy importante.Valdeorras xira oredor do GODELLO pero non o dunha marca senon dun varietal.Temos que facer así porque decir GODELLO é decir VALDEORRAS,se non se fixera así hoxe seguro que GODELLO SERIA MAIS GALLEGO QUE VALDEORRES.
O noso avó xa facia mixtura de uvas e de distintas parcelas,e tamen elaboraba por separado algunhas parcelas facaendo despois un coupage ,unhas aportaban unha graduacion outras unha acidez e esa cobinacion era un resultado normalmente espectacular,claro que eran outros tenpos e o que se fai hoxe seria imposibel.
Un saludo
Eu tiven un sogro que tiña unhas viñas das ribeiras do Cabe. Eran pouquiñas, pero había tres ou catro variedades diferentes, nunca souben con certeza cales, pero mencía, sobre todo. Dábanlle para facer dous pipotiños dun tinto moi fresco, lixeiro, pero saboroso e longo, feito. El decía que sabía ben porque como o trasegaba nunha casiña que antigamente facía ás veces de capela, saía o viño xa bendecido.
Dígoo porque hai unha tradición plurivarietal en Galicia que conviña non desprezar. Quizais sexa máis doado construír unha imaxe arredor dun único tipo de uva, e de feito, pode funcionar moi ben, como sucede en Borgoña. Os plurivarietais introducen caos e incertidumes nun panorama que aínda estamos a debuxar. Emporiso, desas mesturas seguro que poden saír grandes cousas.
No fondo trátrase de volver os inicios, unha vez probadas as diferentes “modas”. Meu aboo plantaba as cepas tal como lle parecía a él que iba obter o viño. Eiquí mencía, eiquí bastardo, eiquí garnacha; o que saía era o que se bebía. Con sorpresa comprobéi que unha adega que está a ter un gran éxito incluso de “Parker points”, ten arrendadas algunhas das viñas( cas mesmas cepas) que fai mais de 50 anos faían viño. No fondo, o clima e a terra son a mellor varietal. Por iso penso que non debe haber medo a que os australianos nos leven o albariño ou a treixadura. Xa o dice a canción: o sair de Galicia, non sabe o mesmo!.