Cucina & Vino: deliciosa cociña nunha praciña de Ibla

Había calor. Había tanta calor que se fundían as gárgolas, as flores de ieso, os balcóns barrocos de Ibla, en Sicilia. A viliña, o penón ragusiano, estaba adurmiñada pola calor. Segundo a excelente guía Gambero Rosso -que foi unha magnífica conselleira durante toda a viaxe, logo hai quen di que as guías de viaxe están mortas-, chegamos ata este localiño, unha sorte de trattoria local: o restaurante Cucina & Vino [localización].

Nunha coqueta praciña degustamos, acompañados cun monovarietal de grillo, un Contempo 2008, unha deliciosa comida que daban gañas de recuncar nada máis rematar; chegounos mentres desfrutabamos dunha estupenda caponatta -como me aficionei eu a este peperete de entremés en Sicilia.


Ravioli la zucca e la pancetta ragusana,


Gli spaghetti e i ricci di mare

De segundo tomamos un filete de peixe espada e eu degustei un larpeiro coello con olivas, unha especialidade de Ragusa que é unha delicia para os amantes dos estofados coma nós. Comiamos adormecidos pola calor. Non se movía un can. As mesas -todas tardías coma nós, coma se nos conxuraramos para irromperlle no restaurante ás dúas e media, hora xa serodia para un local siciliano- adurmiñabamos entre as penetrantes esencias da cociña insular. O viño quentábase en canto se servía nas copas. As notas etílicas destes brancos nacidos na calor mediterránea agudizaban a sensación de sopor pracenteiro.

Non lembro exactamente a conta, pero a cousa debeu andar entre 25 euros por cabeza. Un gran sitio para disfrutar de cociña tradicional siciliana.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *