Last updated on 8 / Novembro/ 2010

Fotos: Sole
Un sempre ten a idea do barroco como unha arte esaxerada e opulenta nacida dun contexto histórico determinado: unha arte chea de teatralidade e efectismo, un intento (algo vano) de impresionar ás xentes. Fronte á fachada barroca da catedral de Santiago -eu sempre o digo- boto de menos a que debeu ser fermosa fachada románica do edificio. O barroco galego, ou o italiano, ou o austriaco, ou o portugués, é o estilo artístico menos do meu gosto.
Por iso hai que viaxar, para abrir horizontes. Chegamos ao cornecho do sureste de Italia. Alí concéntrase un movemento moi especial: o dunha serie de cidades asoladas polos terremotos no século XVII que foron reconstruídas de acordo con esquemas barrocos e que hoxe forman un conxunto Patrimonio da Humanidade. E, ai amigos, este barroco é distinto. Cheo de humor nas súas gárgolas, limpo, luminoso, non tremendo nin terrible, garda o mellor das esencias dunha arte construída para xogar e divertir -cando xa todo o mundo é consciente de que a arte é arte, e polo tanto, unha forma moi peculiar de contar o mundo-.



Ragusa, cuadriculada, na parte superior, convenceume menos, pero hai que deixarse caer ata o penón que foi lugar orixinario da cidade, Ibla. Hai un momento no que ves un mar de tellados e os campanarios nacendo entre este mundo irregular. Este barrio aínda conserva as trazas da súa orixe medieval, pero un paseo por este trazado urbano, reconstruído na súa integridade na época barroca, é delicioso. Aquí o barroco é luminoso, a prolongación natural da arte renacentista. Sobre este inmenso céo azul de Sicilia, sobre estes outeiros de olivares e chaparrais, os tons rosados, ocres do barroco de Ibla constitúen un pantone de beleza. Ibla é unha auténtica marabilla, algo digno de ver, un lugar para pasear. Ningún monumento é sobresaínte, pero a harmonía está presente como unha cualidade urbana, como se viñera de serie. E aí onde está a súa riqueza.




Se ides a Ibla, procurade a súa maior sorpresa: as gárgolas dos balcóns. Toda Ibla está chea de pequenas historias baixo as balconadas: damiselas, cegos, ladróns, feos, príncipes, nenos. Unha sociedade caricaturizada que convirten este lugar nun fermoso e elegante espazo.

Cando lin Ragusa pensaba que ías falar de Dubrovnik, pero miro que ésta é igualmente preciosa. Fantástica viaxe, pero teño que disentir nunha frase, porque eu gosto do noso barroco.
O barroco compostelán é un espectáculo ao que nos afacemos dende nenos. Por iso, moitas veces non apreciamos o xenio daqueles canteiros que fixeron unha marabilla teatral, chea de telóns, de máscaras e de mentiras. O que pasa é que somos uns morriñentos, e temos saudades daquilo que xa non podemos ver. Eu tamén sinto a tentación de pensar cómo sería a Quintana derrubando o muro que impide ver todos eses volumes escalonados da cabeceira románica, rubindo ata o ciborio como unha montaña. Pero iso non quita que recoñeza a universal mestría de Casas e Novoa no Obradoiro, con toda esa ascensión de liñas ondulantes e colunas salomónicas que obrigan a dobrar o pescozo e a mirar ao alto, ou a de Andrade na torre da Berenguela, con ese zigurat de templetes cada vez máis etéreos, absurdos, fantásticos, de onde colgan acios de froitas como nunha tarta de pedra. Compostela é un tesouro universal. Unha pérola preciosa, “barroca”.
Eu renego do barroco no que ten de ideoloxía, unha demagoxia nociva para cativar a un pobo iletrado no fundamentalismo dogmático dos bispos de Trento. Pero canto máis o coñezo, máis recoñezo que os galegos fixemos do barroco unha arte máis nosa que quizais ningunha outra: unha arte lúdica, trampulleira, delirante, afeita a un modo de pensar coma o noso, poliédrico e indeciso a forza de reflexivo. Unha arte que os nosos canteiros reinterpretaron a cachón nas espadainas das súas capeliñas, nos cruceiros, nos balaústres das solainas pacegas… porque aquela arte encirrou neles unha implacable busca da beleza nas pequenas cousas.
Ogalla algún día este pobo volva a ter canteiros coma aqueles, capaces de facer vivir ás pedras do país con formas amorosas e dondas, e con ese sentido innato da beleza. Perdímolo nalgún momento, e dende entón andamos cegos, correndo desbarrancados cara á destrución do que fumos.
Fermosa reflexión, Padín, téñome que enmendar un pouco. Segue sen gustarme a estética do barroco, pero encántame ese sentido que lle das á arte popular.
mira que falar así do barroco un home de boa mesa coma ti, aí tes o arco da sacristía de Sobrado para consolarte: anguías, salmóns, polos, petadas de pan trigo, alcachofas?, troitas, peras, acios, mazás, xamóns,… esa sería outra boa? idea para as gartrofestas, e se lle metes a Berenguela, piñas, repolos…
http://www.flickr.com/photos/55674412@N08/5152634174/
A boa mesa tamén está no románico, David :-). En todo caso, a min gústame máis este barroco luminoso, aberto e de horizontes claros de Sicilia, que queredes que lle faga. Supoño que o barroco galego fica demasiado próximo ás galiñas, porcos e carros de trigo que deberon pagar os meus vellos para levantalo.