O volcán Etna: un dos lugares con máis vida do planeta

Last updated on 23 / Setembro/ 2010


Fotos: Sole

En barco, cruzamos polo estreito de Messina a Sicilia. Durante a nosa estadía no Leste da illa, preto de Catania, todos os días, ao erguerme, o primeiro que facía era ollar para aló enriba. Logo miraba ao mar, que é onde por instinto tendo a mirar sempre, pero antes ao volcán. A primeira hora da mañá, o Etna estaba despexado e limpo contra un céo que aínda alborexaba. Pero ao solpor, descubríame a min mesmo botándolle unha última ollada. Ao serán, aquel cumio limpo do mencer xa estaba, sempre, cuberto de nubes, como se tramara ou conspirara algo.

O Vesubio está durmido, pero o Etna está vivo e espabilado de vez. Cada dez anos corresponde unha erupción, e a fisonomía do volcán se transforma. Cando subes ata el -non te compensa contratar unha excursión, se vas con coche de alugueiro podes chegar ata o refuxio- de súpeto te das conta de que na paisaxe hai algo raro. E tan raro. Unha lingua negra penetra polo medio da campiña verde. Nada medra, polo momento, nela, e só parecen salvarse os cumios de algúns outeiros. Corresponde á erupción do 2008, hai nada, cando unha lingua de lava esvarou monte abaixo e fixo cousas coma esta. Ao velo desde a estrada ficamos pasmos:

A lava devorou casas, viñedos, campos, escorregando sinuosa e rápida desde un cono volcánico aberto a 3000 metros de altura ex novo no 2008. A montaña, tremenda, non encaixa nos tópicos dos filmes. Non hai que ver aos volcáns como montañas agudas cun cráter central que de cando en vez cuspe cinza e lava. A montaña é un espacio polimorfo, que pode abrirse e formar novos cráteres onde lles pete. A montaña é unha masa bulbosa que forma montañas en cuestión de días.

Deste último cráter xorde o vapor quente. A sensación máis tremenda é que este monstro xeolóxico continúa quente. En canto enterras a man nesta pedra lixeira e ruidosa un calor seco éntrache polas articulacións. En canto te achegas demasiado o xofre percíbese na pituitaria. A sensación cando te adentras nas chairas solitarias que preceden ao último cráter, ao máis alto, é marciana. Con andar lento, afundido nas pedras, camiñas a máis de tres mil metros de altura cun sol cegador. Ao teu redor xorden as columnas de vapor. Se cadra poderíaste converter en vítima dalgunha sorte de espellismo gaseoso. É o sitio de Europa no que podes estar máis próximo ás condicións primixenias nas que xurdiu a vida na Terra.

O Etna é moi fermoso, indescriptiblemente fermoso. Case non vive vexetación no espazo, pero un descubre a propia latencia do planeta aquí, ao que xa non volves a ollar, en certo xeito, igual: está vivo, aquí percibes que a xeoloxía é parte da mecánica da vida. Desde que volvín do Etna, teño no meu escritorio dous manuais de xeoloxía en pdf que abro con frecuencia ao chou; nos minerais está unha medida do tempo e de nós mesmos que só comezas a comprender aquí. Podería volver a este lugar dinámico e atroz miles de veces.

Notas prácticas: Podes chegar á base do volcán perfectamente en coche. É o refuxio Sapienza. Lémbrate de pagar o parking co estraño sistema de tarxetas (que podes mercar nas caravanas). Desde aí podes subir en funicular ata os 3000 metros. Se queres subir ata o cráter central, a 3300 metros, podes contratar un guía (sae sobre 30 euros ou así, e ides un pelotón), que te leva ata ata aló e despois te baixa por outra ladeira. Pero tamén podes ir pola túa conta. E non é tan difícil. Desde a base do funicular, nas ruínas do antigo refuxio da Torre do Filósofo, parte unha pista que te levaría tamén ata o alto do cráter, e mesmo podes facer atallos polo cono do volcan se tes peito abondo. Iso si, se vas pola túa conta, coidadiño: aínda que en Sicilia faga bo tempo no verán, non deixas de estar a máis de 3000 metros.

3 Comments

  1. DANINLAND
    22 / Setembro/ 2010

    Impresionantes imaxes.

  2. 22 / Setembro/ 2010

    As fotos recordanme cando estiven alí. Coincideu cun dos despertares do Etna. O funicular non funcionaba, pois unha das torres caera pola actividade. Cheiraba a xofre moitísimo, e sobre Catania chovía cinza. O que máis me sorprendeu foi ver a cima xeada pola neve e a luz que manaba do crater. Aínda teño algunha pedra collida alí gardada na casa. E, por certo, o viño branco da zona do Etna estaba moi bo…. ;D

  3. 23 / Setembro/ 2010

    Grandísimos viños! Estou a preparar un post con eles.

    Confeso que cando vin as fotos do Etna xeado entráronme unhas gañas tremendas de facerlle unha escalada ata o cumio no inverno.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *