Last updated on 12 / Setembro/ 2010

Fotos: Sole. Mirade que fermosura de fotos!
O antigo ministro César Antonio Molina tivo sorte co seu último libro. Segundo el mesmo confesou, o máis vendido de toda a súa carreira de ensaísta e literato. Pode que o título influíra: Lugares onde se calma a dor. Un libro de viaxes literarias, de metaviaxes polo sur de Italia. Un texto e un paratexto, un diálogo entre os autores clásicos da romanidade, do medioevo, do século XIX e XX que describiron o sur de Italia. Non é un libro doado de ler. Pero quédome co seu título, como unha máxima. A procura deses espazos. A colina de Polisipo, no golfo de Nápoles, foi o sitio que describiron os antigos coma o Lugar onde se calma a dor.
Eu atopeino un pouco máis ao sur.





Superando a punta sur do Golfo de Nápoles, Sorrento e a illa de Capri, comeza unha imposible costa de elevados cantís brancos, un mar azul e inmenso que te devora e un verxel de froitales e viñedos caendo contra o mar. Por unha estrada cobregueante, sorteas furnas profundas ao fondo das cales se abren praias lañadas na pedra, cunha boca de mar como unha serpe que entra desde o litoral cara o interior e se volve -prodixio emocional- esmeralda segundo penetra entre as pedras calizas.
Ao final, está Amalfi [localización].

Estamos en Amalfi. Acabamos de tomar na praza do Duomo, acompañados de viño branco local, unha comida marabillosa e lixeira ante a calor. O Duomo, que fermosura no alto das escadas polas que corren nenos pequenos, os únicos resistentes á calor do mediodía. Bandas de paxaros cruzan entre as casas mariñeiras. Comemos ao carón da fonte: pasta con fabas, spaghetti marinara, e de postre uns xeados para soñar con eles e un babá -o curioso postre meridional, coma o panettone pero en pequeno- bébedo de ron. Trouxéronnolo con tanto coidado e amor -podían non telo feito- que nos emocionamos ante cousa tan humilde pero pola que aquela xente sentía tanto.


Vai moito sol. Nado de vagar, preguiceiro, na badía desta pequena república mariñeira medieval, medio grega e medio italiana. A paisaxe son os conventos, as casas dos mercaderes, a torre do Duomo, e un tapiz espeso e verde de limoeiros caendo contra o mar. Amalfi mantivo os seus fermosos e grosos limoeiros, creando un paraíso -xúrovolo- nas ladeiras, coas casiñas brancas e os vellos sentados á sombra. Floto na badía, pecho os ollos mentres aboio no mar, chegan as barquiñas e o porto envólveme. O aire quente que por veces refaixa entre as torres medievais que protexen o porto báixanme a fragancia das flores e dos limóns como nunca tal me pasou. Xúrovolo.
Son un tipo feliz e non agocho, por sorte, dores ocultas. Pero sentínme, aquí, coma os antigos, no meu outeiro de Polisipo. No lugar no que se calman todas as dores do corazón.
Fun, fumos eu e máis a miña moza, felices en Amalfi.

Vostede cre, querido amigo Gago, que nos agasallas con esas fotos, que hai algo máis fermoso no mundo que ese mar azul? Eu creo que non. O mar Tirreno (sobre todo se estás flotando sobre el) é o máis marabilloso do mundo.
En fin, que vou, nesta noite, subscribir esa frase súa do final cambiando Amalfi por Sorrento ou por Capri.
Temos a sorte de que é Sole a que nos agasalla con elas a todos.
O Tirreno ten as facultades da hipnose, da atracción. Ulises debeu mirar ao Tirreno, e non ás sereas. E a empatía co mar mellora cando chega unha brisa que te ofrece aire suave nunha temperatura alta.
Capri, Sorrento, tamén son dúas fermosas marabillas.
Supoño que coñeces Cinque Terre. Se non é así, xa sabes, pra a vindeira.
Fermosa prosa,Gago
Moitas grazas.
Gracias por lembrarme momentos nos que, tamen nos, fumos felices. E permitame, que so a efectos de inventario, e que como vostede dixo noutro lugar de este blog, utilizano outra xente, e eu mesmo, para as suas viaxes, pois comentarlles que esta costa require tempo. Non é para unha mañan ou tardiña. A estrada tipo local galega esta empetada,(falo de Xullo) e nos pobos maravillosos das fotos o asunto do aparcamento é farto dificil e carísimo. Ou iso é o que lembro daquela. E como queda dito, non é que paga a pena, e que é imprescindible.
Un saudo e quedo agardando outras reportaxes, para nos, con unha pinga de morriña.
Por certo, discordo con vostede. Decir que as fotos son fermosas é quedarse moi corto.
Saude
Sen dúbida o do empetado, aínda que no noso caso debo dicir que menos do que sospeitaba. En canto lle perdes o medo a aparcar en curva e en lugares inverosímiles, coma os italianos, ábrese un marabilloso mundo de caliñas verde esmeralda. :-) Pero, sen dúbida, esta costa en maio ou en setembro debe ser unha marabilla para pasear, moito máis que en agosto.
O aparcamento en Amalfi non me pareceu tan caro. De feito nos riamos: é bastante máis barato que na Praza de Galicia ou na de Vigo en Compostela. Outra cousa é que hai pouquísimo e hai que tomalo con moita calma.
Arume, coñezo as Cinque Terre. Fermosa costa tamén.
Quedo marabillada… as fotos falan por sí, pero coas palabras con que as acompañas case podo sentir o ar quente e a brisa que se achega traindo consigo o recendo dos limoeiros. [Xúrocho]
Alégrome moito, Zeltia, porque iso foi o que sentín alí.
Por se outras persoas están interesadas en viaxaren á “Costiera amalfitana”, fago unha recomendación: utiliza o transporte público. Tanto en Nápoles como na Campania en xeral funciona de marabilla, é barato, cómodo, frecuente, con amplos horarios, tes varios tipos de billetes en función das túas necesidades, e podes utilizar autobús, metro, tren e barco. Non enchades aquelas estreitas estradas de coches que pexan o paso (especialmente aos autobuses)… E non vos digo nada se, como nos pasou a nós agora a principios de setembro, vos sorprenden esas tormentas mediterráneas que acaban levando motos e coches ao mar!