Imposible Nápoles

Última actualización o 2 / Setembro/ 2010


Fotos: Sole

A primeira vez que baixas en Nápoles da Estación e te metes na Praza Garibaldi, a reacción institiva é comprobar onde tes a carteira e activar un par de sentidos máis que non tes. Para un galego, pasan demasiadas cousas ao mesmo tempo, e demasiado rápidas. Hai cousas que non axudan: a suciedade estrema que se acumula na rúa, onda os tenderetes, onde xente de moitas nacionalidades se move con rapidez e un trebón de motos e coches atravesa as rúas por onde podes.

Cando subes por Alessandro Poerio a cousa non mellora. Unha montaña -literal- de lixo enche os recantos, preto das tendas dos orientais. Un vendedor de triquiladas tende as súas cordas cargadas de obxectos luminosos dunha banda a outra da rúa, obrigando a agacharte para pasares por embaixo. E máis cousas rápidas. Cando entras pola angosta Via dei Tribunali, a luz de súpeto descende. Os edificios, moitos deles palazzos do XVIII divididos internamente en labirínticos cuartillos nos que habitan familias quilométricas de napolitanos, suben en altura como rañaceos e bloquean o paso da luz.

Da Via dei Tribunali parten lateralmente vici angostos, estreitos e sen iluminación, tapada non só polas dimensións dos palazzos, senón polos metros e metros de roupa tendida, atada en cordas que se pasan dunha banda á outra da rúa -hai que supoñer alianzas veciñais para atarse cordas os uns aos outros. E aquí a turbamulta veciñal se intensifica. A familia no canto de estar nos raquíticos apartamentos salta á rúa, atravesa nunha ou noutra dirección. Familias enteiras van en vespa sen casco -o casco é de covardes en Nápoles. O máis pequeniño, case un bebé, diante de todo. Ségueno o seu irmán de sete anos, os dous de pé, o pai sentado detrás termando do manillar e a muller atrás. Arriba e abaixo, como unha colmea, mentres os berros entre casas se sucende enriba, os nenos pasan en bicicleta e os vellos espreitan sentados nas portas. De súpeto escóitase un rebumbio transmitido de cadeira a cadeira de vello rúa abaixo, e as motos, que viñan en dirección prohibida, detéñense a mirar para o fondo:

Aparece un coche da policía e dun momento para outro as motos desaparecen. Súbense pola aceira esquivando transeúntes, métense dentro das casas, aparcan nas escaleiras, as familias sobre vespa esvaran sobre vicos escuros e mínimos nos que brillan capeliñas de santos antes de que chegue a pasma. Non pasa nada, están protexidos: máis enriba en Tribunali, todos pasan a man por diante dunha descolorida caliveira recuberta de metal e musitan unha pregaria.

Noutra volta, mozos en sotana -que mozos son os curas napolitanos- xogan con nenos en bicicleta, as pombas aterran sobre as redes que sosteñen os balcóns ruinosos das casas e grupos de homes ociosos -canto home ocioso hai na Campania, sentado na porta do bar- apelotónase coma no Magreb diante de establecementos de fritanga napolitana. Cheira a especias, a salsa de pomodoro, a arroz fritido. Pasa un vello arrastrando un carro e ofrecendo caralladas. Un home mete unha Harley nunha capela dezaoitesca e apárcaa entre o púlpito e un fermosísimo belén artesán. Os gatos entran e saen con liberdade nunha igrexa fechada desde hai anos por un buraco feito na porta.

A sensación de prevención, entrementres, empeza a transformarse pola de diversión e fascinación. É o intensísimo mundo que se move ao noso redor o que nos desconcerta, pero non é máis que a sociedade volta do revés. Como se todo o mundo decidira pasarse ao exterior para esconxurar esta pesada calor.

Gustame este caos imposible.

10 Comentarios

  1. 27 / Agosto/ 2010

    Cando estiven por alí vin unha escena curiosa:

    Un coche meteuse por unha rúa estreita, dunha única dirección. Ao chegar á metade da rúa viu que un pouco máis adiante había catro homes botando a partida nunha mesa no medio e medio da rúa. Acto seguido, meteu marcha atrás e desandou os 20 metros que levaba avanzado. A sombra da Camorra é alongada.

  2. arume dos piñeiros
    27 / Agosto/ 2010

    Cando estiven aló a primeira vez tiven eu a mesma sensación. Voltarei este ano en inverno a ver se se repite. Creo que non hai tampouco unha densidade de beleza tan grande en moitos sitios.

  3. 27 / Agosto/ 2010

    Coincido, Arume. É un caos fermosamente belo.

  4. 27 / Agosto/ 2010

    Estiven o verán pasado unha semana en Napoli. A primeira sensación ao chegar (chegamos en tren e o primeiro que atopamos foi a Praza Garibaldi) foi un shock total, tal e como o describes. Sen embargo, co paso dos días e despois dun intenso exercicio de asumir aquela realidade, a cidade comeza a marabillar. Atopas unha cidade viva, intensa e emocionante.

    O que máis me chamou a atención, aparte do intenso tráfico, é que alí todo mundo vende algo, en calquera esquina, sobre calquera soporte e a calquera hora. Os negocios e intercambios de mercadorías fanse tamén na rúa. Tal actividade mercantil xera unha cantidade descomunal de lixo, que se vai acumulando durante o día en montañas que medran e medran, e que desaparecen pola noite. Non me quero imaxinar como estaba esta cidade cando foi a famosa folga de recollida de lixo hai uns anos.

    Os edificios son asombrosos, moitos dos séculos XVIII e XIX. Eu ía pola rúa imaxinándoma limpa e cunha canta toneladas de pintura nas fachadas, e resultaba unha paisaxe fascinante, aínda que máis fascinante resultaba observar a caótica e intensa vida da xente.

    Grazas por estes últimos artigos, que fanme recordar a estupenda viaxe do verán pasado. Supoño que tocaralle un a Pompeia.

  5. Uxio Villar
    27 / Agosto/ 2010

    Estiven só unhas horas de paso cara a Pompeia, pero a verdade é que sí me deixou esa sensación da que falades. De feito, quedei con ganas de máis. Outra vez será.

  6. Brigantium
    27 / Agosto/ 2010

    Esa sensación é moi parecida en moitas cidades italianas, incluso do norte. Recordo no 2.003 o descenso do ferry en Genova, iamos coller de cara as Cinque Terre (Monterroso al Mare) e a marabunta de motos que se nos veu enriba do coche foi todo un shock, tardei uns minutos en adaptarme e tratar de incorporarme no carril, e mentres tanto pitadas e demais.

  7. Gomorra
    31 / Agosto/ 2010

    A famosa folga de lixo non era tal. A Camorra gaña diñeiro co lixo. As empresas industriais do norte danlle o lixo que producen, á Camorra e estes o trasportan a Napoles por un prezo razoable. A Mafia é un cancro, un Polbo que non te deixa escapar, un organismo onde se benefician todos.

  8. alvarez
    2 / Setembro/ 2010

    bo artigo e amais, coincido con el. Na seman que pasamos ali, xa fai uns anos, ainda hoxe volta nas conversacions como comparación de calqueira cousa. Non creo que volvamos porque o mundo é demasiado extenso pero dende logo, para o malo e para o bo, non vin nada nin tan siqueira parecido, e iso que polo que leo ninguen dos que aqui comentaron foi en coche e moveuse nese medio, ¡iso si que foi sexo duro e sen contemplacions!
    Saude.

  9. 2 / Setembro/ 2010

    Álvarez, grandísima esa metáfora hardcore! :-) Aínda nos estamos a rir.

    Enténdoo perfectamente, ademáis, pero eu non me atrevín a metelo. Paramos en Pompeia precisamente por iso. E coa Circumvesuviana, a patitas por Nápoles.

    Quedáronme gañas de volver e moito por explorar aló.

  10. alvarez
    4 / Setembro/ 2010

    E que ahi moito que ver pero so pódese ir na carriña, meus. As ruinas das mansions pompeianas escondidas entre melocotoneiros, o lago do Averno achantado entre camiños privados, os crates ainda vivos con fumarolas apestantes e cun camping dentro, a península amalfitana con Minori, Positano, Sorrento, Salermo. Paestum no superlativo…..Demasiada beleza xunto a tanta porqueria, timo, desidia e abandono.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *