Historias de Roma, de Enric González: relatos en superposición

Last updated on 2 / Xullo/ 2010

“Por razones que prefiero no entender, la autoridad competente de mi periódico (como, por otra parte, todo el resto de la prensa española) sentía la necesidad compulsiva de mantener el mismo rumbo informativo que The New York Times, aunque un día después. Mi labor, en muchas ocasiones, era la de simple amanuense”. Así explica Enric González o fastío co que rematou a súa tarefa como delegado de El País en Washington, durante a última Guerra de Irak. As perspectivas podían ser moi diversas. Pero tocou Roma. “¿Se pueden aprender la humanidad, la belleza, el tiempo? No, no lo creo. Pero si hay un lugar para intentarlo, ese lugar es Roma”, afirma o xornalista.

Hai non moito falei de Historias de Nueva York, o anterior libro de Enric González, que xa colleu o saudable costume de redactar pequenos libriños-crónica das cidades nas que exerce as súas corresponsalías. Se aquel non me acabara de convencer, o seu novo libro, que lin nun voo Santiago-Barcelona, enganchoume. Tocábame un e outro a fibra de dúas urbes nas que me teño perdido varias veces, sempre con paixón. Pero Historias de Roma, se cadra polo surrealismo inherente á vida do sur de Italia e á súa monumental burocracia, provocou que en varias ocasións tivera que reprimir a gargallada e algunhas veces tamén unha expresión elocuente de máis de fascinio.

O libro podería sepultarnos en Historia, e tería material a eito -lembro unha entrevista que lle vin unha vez á arquitecta Zaha Hadid na que falaba de Roma como unha “estrutura de capas superpostas” (fascinoume a definición)- pero nos evita ese convencionalismo; agora ben, o libro é como un gabinete de curiosidades no que aparecen pés de estatua, virxes con candeas, cafés, elefantes con obelisco, esquerdistas italianos que son “homes permanentemente cabreados cos políticos de esquerda”, filofascistas e berlusconis. A ollada do outro sobre unha cidade case sempre é unha ollada convencional: pero trala lectura do libro un ten a impresión de que González, un home con oficio, tivo a prudencia de non ambicionar o retrato definitivo desta complexa trama urbana do Lacio; foi máis pillo, e o que nos ofrece é a penas un humilde, pero intenso, relampo sobre a negrume da cidade eterna.

Hai unha recomendación de Enric González neste libro -que non é propiamente de viaxes- que algún día tentarei cumprir: se un día en Roma comeza a nevar, bule ata o Panteón para ver como as folerpas se introducen polo lucernario aberto, caendo en espirais cara o interior do misterioso templo.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *