Valdeorras 09: godellos para alegrar o verán

Last updated on 24 / Maio/ 2010

O xoves presentouse en Compostela a anada 2009 dos viños de Valdeorras. Como parte da campaña do verán, os viticultores da Rúa, Carballeda, Larouco, O Barco, O Bolo, Petín, Rubiá e Vilamartín presentaron a súa escolma de brancos e tintos. Estas datas sempre son controvertidas para os amantes dos viños: con curiosidade por ver que deu de si o ano 2009, pero coa certeza de que o viño “aínda non está”. Embotellado nalgúns casos hai un mes, noutros mesmo hai catro ou cinco días, o viño “non está feito” nalgúns casos; as dinámicas e as evolucións, segundo a elaboración, as alturas ou as terras cambian moito mesmo dentro da propia Valdeorras. En xeral, a miña percepción é que estes viños comezan a redondear aló polo outono, cando levan catro ou cinco meses en botella; antes, moitos deles, aínda teñen certas aristas, apuntan de xeito agudo, e un ten que facer exercicios de imaxinación para tentar ver a súa imaxinación.

A climatoloxía de Valdeorras no 2009 foi endiañada, como en todas partes. Moi mal tempo ata o 15 de agosto, e a partir de aí subidón, ata o punto de que algúns viticultores me comentaron que tiveron que parar as vendimas polas tardes, baixo un sol de xustiza de 38º, ante o risco de caer como moscas nos viñedos de insolación. O godello evolucionou sen problemas, pero os tintos, comenta algún especialista, ficaron nalgúns casos algo máis “verdes”.

Nos tintos para min sobrancearon, este ano 2009 cun nivelón tremendo, os da adega Coroa, tanto o de elaboración tradicional, con notas potentes de melocotón, coma o excepcional Coroa sobre lías 2009, con notas de loureiro ou especiadas, e do que só hai 2500 botellas. Consigan este se poden porque lles vai encantar. Nunha liña similar está o Quinta da Peza 2009, que tamén me gustou moito. Os Godeval, pola contra, teñen un ritmo máis lento: o 2008 está agora no seu momento, sen dúbida, e é un viño seductor, delicioso, mentres que ao 2009 aínda lle falta algo de acougo.

Levaron ben tamén o 2009 o Galgueira, que é un valor seguro de viño untuoso e amplo en boca. O Bioca 2009, o Memoria de Ventura 2009, o Erebo 2009 ou unha novidade: o Hacienda Ucediño 09, feito por unha parelliña que está empezando coa súa adega e que tamén tiña un punto chulo. En envellecidos en barrica o Pedrazais 2007 está agora nun gran nivel, con certos toques que me recordaron algúns viños alemáns, e a adega Pagos de Galir ten tamén un branco en barrica 2007 no que a madeira está presente de forma, se cadra, excesiva, pero que ten un padal moi, moi agradable.

En tintos pouco puiden ver: falo demasiado e o tempo corre. Re-probei A Costiña 2008, ese estupendo brancellao do que vos falei o ano pasado, e está nun momento fenomenal. E tamén algunha garnacha, como a que fixo Adega da Pinguela a partir de cepas moi vellas: un viño encorpado, que dirían os portugueses, pero doado e saboroso de beber. Por certo, que o seu mencía, o Ventura 2008, é un bo exemplo dun mencía da terra do que disfrutar en compaña de amigos. E Lagar do Cigur 2008 pareceume un delicioso exemplo dun mencía con seis meses de barrica no que o viticultor trata con moito respecto o varietal, non deixando que a madeira o devor.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *