Last updated on 15 / Maio/ 2010
Internet veulle ao viño estupendamente. Nos últimos anos, a rede nos está a unir e facer coñecer a todos os amantes do viño. Hai moito talento nas persoas que escriben de viño na rede. E agora pode ser o momento de facelo público!
-¿E se facemos algo cos blogs? -díxome un día Luis Paadín, o director do III Concurso de Viños do Noroeste, que se celebrará en Ponferrada o 8 e o 9 de xuño deste ano.
¿Que podiamos facer? ¿E se probamos, durante quince días, todas aquelas persoas amantes do viño que queiran, a crear un mosaico colectivo sobre a nosa paixón polo viño e a súa cultura, con textos que fagamos cada un nos nosos blogs? ¿E se probamos a crear un concurso con iso? Anímaste a escribir no teu blog sobre viño?
Decidimos crear o I Premio Vinos y Blogs, encaixado dentro das actividades do III Concurso de Viños do Noroeste, que organiza o Concello de Ponferrada, e que na súa terceira edición xa é un prestixioso certame de viños. Pode participar calquera blog creado antes de febreiro de 2010 e non precisa ser un blog especializado en gastronomía ou enoloxía. Aquí podes consultar as bases. Podes escribir en calquera lingua oficial da Península Ibérica e só precisas, para inscribirte, enviarnos un correo. Consulta toda a información aquí. Simplemente debes publicar no teu blog ese post no que contes a túa experiencia persoal no mundo do viño dentro do prazo especificado (e avisarnos).
O premio está moi ben: participar como catador, xunto a un plantel de 30 especialistas, no proceso de selección dos viños máis singulares de Castela e León, Galicia, Asturias, País Vasco e Portugal (nas zonas ao norte do Douro) e recibir, ademáis, unha colección de viños singulares da D.O. Bierzo. Todos os gastos de desprazamento, hospedaxe e manutención do gañador para asistir á cata en Ponferrada estarán pagados pola organización (dentro da Península Ibérica). E Ponferrada non é mal sitio para comer e beber, verdade? ;)
Co concurso queremos fomentar a escritura de calidade sobre viño na blogosfera. Pero non precisas ser un Peñín, un Robert Parker ou un Oz Clarke para transmitir emoción, diversión e coñecemento sobre o mundo do viño, nin sequera necesitas ser un experto curtido en mil catas. Queremos que nos contes a túa relación persoal co mundo do viño, e pode ser o que queiras (lembranzas, visións, experiencias…), queremos que o fagas con agarimo e con paixón. Trátase de facer un proxecto entre todos. Segundo nos vaian chegando as inscricións, iremos publicando as ligazóns a todos os textos presentados e publicados, tecendo un mosaico diverso de ideas, sensacións e palabras ao redor do viño.
Tes de prazo ata o 30 de maio.

Mal sitio? Abofé que é un dos mellores do universo mundo. Déixeme aconsellar o Tres Portiñas para esa visita.
Eu pensara que se me captara a retranca, que tentei asentar cun emoticono final de chiscadela de ollo, Arume…. Claro que en Ponferrada se come de marabilla. O Bierzo é unha delicia gastronómica todo el!
Si, si, vin a retranca. Eu suliñei a retranca. Isto de interné é un sinvivir.