Last updated on 13 / Maio/ 2010

O chan galego, tan devorador de restos orgánicos, fai unha salvedade cando se trata da area das praias. Aquí as tornas se invirten: o tempo papa os metais pero preserva mellor os anacos da vida. Mortos antigos mesmo aparecen con sandalias e roupa, ás veces. Algún arqueólogo galego ten visto a mesma prodixiosa escena que conta C.W. Ceram no seu clásico Deuses, tumbas e sabios; a dos arqueólogos que exhuman unha tumba dun príncipe aqueo, e no momento no que abren a lousa descubren, abraidos, o rostro, aínda xoven, do morto; a visión só dura un segundo, e logo todo se desvanece no contacto co aire.
Grazas á area se conserva o que vedes aquí, un documento excepcional do pasado de Galicia. Si, é un esquelete, pero non calquera esquelete. É do periodo romano ou altomedieval (non o podo confirmar agora mesmo). Fixádevos ben nel.
Foi localizado na tumba 21 do castro da Lanzada, nos anos 60. E ten unha postura estraña. Boca abaixo, coas mans ás costas, xuntas. Esas mans estaban atadas.
Este home foi executado.
O seu cráneo e -creo- a gorxa, conservan os sinais da execución.
A seguinte pregunta é obvia. ¿Quen o executou?¿Por que?¿Pódese saber?
A Lanzada é un dos xacementos máis importantes de Galicia en moitos sentidos. Nunha secuencia temporal de máis de mil anos, alí aparece un castro estraño, que non tiña murallas, unha gran poboación ao redor desas praíñas que exercían de portos. Aquí se atoparon numerosas evidencias do comercio entre Galicia, a Europa Atlántica e o Mediterráneo, e tamén da posible redistribución dos luxosos materiais cartaxineses cara o interior de Galicia, a través das rías. Rafael Rodríguez defíneo, con humor e moi graficamente, coma o “Corte Inglés da Antigüidade”. Os arqueólogos sospeitan que aquí houbo o establecemento fenicio estable máis ao norte do mundo coñecido, na súa época. Pero hai máis: este xacemento comezou a finais da Idade do Bronce e chegou ata o final do Imperio Romano ou a Alta Idade Media; alí tamén se ergueu un castelo para loitar contra a ameaza normanda na época do bispo compostelán Sisnado, e hoxe permanece un anaco de torre e a capela románica. Alí resistiu no século XV o último grupo de irmandiños, ata a súa execución final, como conta maxistralmente Xoán Bernárdez Vilar en Un home de Vilameán. Anatomía dunha revolución. Baixo a area aparecen ás veces os ósos dos mortos soterrados na necrópole, e nos 9000 metros cadrados de xacemento, hai unha densidade de estratos arqueolóxicos superpostos inusual en Galicia. En culturagalega.org tes unha detallada reportaxe.
Este verán, iniciarase un ambicioso proxecto de investigación para exhumar este pasado, estudar o xa excavado alí ao longo do século XX e abrir novas áreas para botar unha ollada a un pasado que aquí está cheo de pistas, así como a preparalo para a súa musealización. Dirixido por Rafael Rodríguez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra, co apoio dos arqueólogos do CSIC -enmárcase dentro do proxecto Pousadas da Deputación de Pontevedra-, poderás seguir a diario en videoblog -cun caderno de bitácora a pé de excavación-, as crónicas da excavación e te contarán o que alí se vaia atopando e, se te achegas ata o castro este verán, daráseche cumprida e transparente información do que alí vaia aparecendo. O equipo de arqueólogos quere apostar por unha arqueoloxía social, na que o visitante forme parte fundamental do proxecto.
Pero supoño que estarás coma min. Ese esquelete. Executado. ¿Hai máis coma el? ¿Por que o mataron? ¿Poderá a escavación contarnos algo sobre isto? ¿Que poderemos aprender de apaixoantes épocas do pasado nun contexto tan rico como o da Lanzada?
Eu só digo unha cousa: quedádevos con el.
A foto do executado figura na seguinte referencia bibliográfica:
Blanco Freijeiro, M Fusté Ara e García Alén en Cuadernos de Estudios Gallegos, Tomo XXII (1967), paxs 129-155. Tumba 21 A Lanzada

Cecáis sexa un dos derradeiros irmandiños que defendeu a torre…:)
Da conservación na area podo dar fe. A menos dun Km, no comezo do areal da Lanzada, atopei soterrado unha ENORME escápula de balea ou rorcual… e tiña que ser moi antigo pois non acadei novas de varamentos dun becho semellante pola contorna(por certo, se alguén sabe algo…).
A verdade é que toda esa zona, incluíndo O Grove, debe ser un tesouro de historias, non eran parvos os fenicios, non…
Tamén nunha antiga xunqueira de Vilagarcía, un amigo mariñeiro atopou nunhas obras de cimentación, unhas vértebras da balea que varou nas Sinas de Vilanova a principios do século XX.
É unha magoa o andazo crónico de “recheitis” que sofrimos…
Saúdos
Mira ti eles. E xa che estaban pola Lanzada ¡¡antes de que existise A Lanzada!!. ¡Eso si que che é ter visión de futuro do negocio turístico!.
Seguro que levamos algunha sorpresiña, cando rematen as excavacións. E ¿imanixas que che houbera cartos para facer prospeccións no que hoxe é o istmo de area? ¡Quen sabe se alí non atopariamos algún barquiño, ou outras cousas interesantes!
Saúdos.
Antón, si, por desgraza o dos recheos é certo. Eu teño a teoría de que na ría de Arousa, por exemplo, un recheo con paseo marítimo garantiza unha lexislatura. :-)
lapatianco, sen dúbida. Confiemos no que poida aparecer na Lanzada. En teoría, bastantes zonas do castro foron excavadas ao longo do século XX (e hai fotos marabillosas de carros de bois axudando nas tarefas de excavación), pero seica as excavaciós, en moitos tramos, non pasaron do nivel “republicano”, romano, co cal podemos ver os fundamentos da Idade do Ferro e mesmo a do Bronce, que son moi interesantes.
A ver que sae!
fantástica noticia…alédome de que dunha vez se poña fin a tanto tempo de abandono. Saúdos e apertas
Para Antón do Corsario: eu dedicábame hai 10-15 anos a estudar cetáceos varados nas costas do Grove e Sanxenxo, e pódoche asegurar que golfiños moitos e cachalotes e baleas, unha ou dous por ano. Desde aquela xa non che sei datos, pero sei que seguen producíndose varamentos.