A carreira do tempo

Last updated on 3 / Maio/ 2010

O fotograma pertence a unha das secuencias máis celebradas de Bande à part, unha das películas máis famosas de Jean-Luc Godard, realizada en 1964. Os tres amigos tentan superar o record dun americano que percorreu o Louvre completo en 9 minutos e 45 segundos, unha tremenda marca. A carreira pode interpretarse de múltiples xeitos: desde os desafíos e as tolemias vitais da mocidade ata unha parodia descarada do consumo masivo da cultura.

En The Dreamers -que melancólico é Bernardo Bertolucci- hai unha homenaxe a esta escena, que resulta interesante comparar coa orixinal:

Esta escena sempre me impactou: a miña principal percepción no Louvre, no British Museum ou no Metropolitan, sempre foi a de desacougo. Estabas sentado diante do escriba sentado e percibías os claxones do tráfico de París da outra banda do cristal, alí onde remata a xornada laboral e os funcionarios do centro retornan aos seus distritos da periferia: é a percepción de que a memoria cultural da Humanidade -a memoria representada en obxectos, en fermosos obxectos que definen etapas históricas- é tremendamente fráxil, sensible e excepcional. Como as nosas propias vidas. E como unha carreira tola por estes corredores.

É como berrar nunha biblioteca. ¿A quen non lle gustaría botarse unha carreira polo Louvre?

One Comment

  1. 3 / Maio/ 2010

    E se facemos o camiño á inversa, escapando pola porta de entrada nas entrañas do arte romano, a sensación é aínda máis rara

    Unha pena que sexa imposible facelo, acabarías afogado entre multitudes de xaponeses e italianos :)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *