Last updated on 2 / Maio/ 2010

O certo é que a polémica mantida sobre a veracidade dos datos nos famosos documentais de Michael Moore –Bowling for Columbine ou Fahrenheit 9/11, por exemplo- máis ou menos deixou de existir. Xa todo o mundo asume que este tipo de longametraxes non son exactamente documentais no sentido xornalístico do termo. Non tentan buscar a verdade a partir do contraste de información, senón que son máis ben longas de tese, de partido, destinadas a defender unha idea. Ler estas películas desde este punto de vista axúdanos a descodificar mellor o que imos ver.
Así pasa con The Cove. Esta longametraxe documental, gañadora dos Óscar, debe ser lida de tal xeito. Coma un alegato a favor do conservacionismo dos mamíferos mariños. A súa tese é que, a efectos proteccionistas, os golfiños deberan ser considerados tan cetáceos coma os seus irmáns maiores, as baleas e outras especies similares. Para facelo, The Cove recurre a argumentos emocionais, científicos, e ás veces forzando a máquina algo, como parece apreciarse na afirmación da toxicidade da carne de golfiño. Nela hai moito de perspectiva occidental, por suposto. Hai unha frase memorable que lles di un xaponés: “Nós comemos golfiños como vostedes comen vacas”. Por suposto, ten trampa. Os golfiños non se poden criar en establos. Pero ponnos sobre alerta ao redor dos tópicos alimentarios.
Agora ben, posto isto sobre a mesa, a película é basicamente magnífica. E todo aspirante a realizador documental debera vela. A un documental de denuncia se lle constrúe unha trama de thriller de acción e espionaxe, conseguindo unha narrativa vibrante que te engancha, cun equipo especializado, na liña dun Ocean’s Twelve ou The Italian Job. É tan sorprendente iso que te desconcerta e te atrapa. O ocultismo do goberno local da cidade de Taiji, que agocha unha cala onde se perpetra anualmente unha matanza de golfiños, o seguimento da secreta, engade ao documental o inimigo preciso, case tanxible, que nos axuda a tomar partido. E, por suposto, é un magnífico traballo para observar como o realizador te persuade da beleza e intelixencia do animal e da nosa interacción con el. É moi difícil non tomar partido.
O relato das vicisitudes deste equipo no Xapón e a figura do activista líder, o señor Ric O’Barry, é o protagonista que todo xornalista desexaría para unha historia. Foi o antigo entrenador das femias golfiñas que interpretaron a Flipper e desencadearon a paixón popular polos golfiños e a efervescencia do negocio dos acuarios. Tras un shock persoal, O’Barry percorre o mundo ceibando golfiños en cautividade. Un membro do equipo pregúntalle nun momento: “Cantas veces estiveches na cadea, Ric?”. E o vello responde: “¿este ano?”.
Se estás interesado no conservacionismo, ou fas documentais, esta película é un paso obrigado.
Eis o trailer:


Be First to Comment