Restaurante Sudestada: praceres á mesa de Corto Maltés

Last updated on 30 / Abril/ 2010

En todas as culturas os puntos cardinais representan valores, van máis alá do seu propio sentido. Na nosa, o Norte representa o frío, o progreso, a brétema, a comida abundante; o Sur é a calidez, o sol, a ledicia vital, a vida de rúa. E logo está o Sudeste. O Sudeste pasou de ser un inferno tropical ao país imaxinario de Corto Maltés.

O sudeste -Cambodia, Tailandia, China, Vietnam, Indonesia, Birmania…-, un territorio de montañas boscosas e verticais xurdindo do mar e de pequenos sampáns percorrendo augas de pouca profundidade. Pero sobre todo é un territorio imaxinario, de ollos grandes e rasgados e de bailes esquemáticos e barrocos e deuses con colmillos e budas inzados de flores devotas.


Servizo de mesa preparado deste xeito cando chegas. Fotos: Sole

Esta semana viaxei con sabores ao país imaxinario de Corto Maltés. Foi en Sudestada [T.: 915334154/ localización], unha das grandes sensacións gastronómicas de Madrid. Tras un cambio de local, agora Sudestada está ubicada nun local que segue a ser pequeno e discreto. Peta todas as fins de semana. Se queres ir venres ou sábado pola noite debes chamar un mes antes. Pero é toda unha experiencia.

Rexentado por tres arxentinos, Félix Gehle, en sala, Pablo Giudice, xerente pero que tamén está en sala e Estanis Carenzo como responsable de cociña, o restaurante ofrece unha interpretación da cociña asiática que recrea ese sudeste imaxinario. O menú é unha gran opción por 38 euros, e se sirve ao centro, como un antigo banquete. Comezas cunha sopa de miso e un nem cua, uns roliños vietnamitas de cangrexo e porco, que sirves con soia, verduras e mollas nun delicioso caldo. Sigues cuns clásicos dumplings de Singapur, recheos de porco e verduras, o com rang vietnamita, as espectaculares sate kambing, as brochetas maceradas de año procedentes de Indonesia ou o curri vermello de carrilleira de vaca, que hai que esfiañar antes de comer, os encurtidos levados á mesa. Unha auténtica delicia que remata frescamente con postres de té verde ou de mango, e que se agradecen despois dunha boa insuflada de curry.

Basicamente, é un festival. Un auténtico festival para quen queira vivir unha experiencia gastronómica diversa e feliz, proporcionada, que pode acompañar de bos cócteis, espumantes, cervexas (a xaponesa ou a Alhambra, a esta comida viríalle moi ben Estrella Galicia, pero non teñen) ou unha pequena pero boa selección de brancos ou tintos. Eu recomendo cervexa para o menú: vai ser moito máis satisfactoria (aínda que te bebas tres).

Sudestada é unha auténtica marabilla que non nos defraudou en absoluto. Un lugar ao que volvería cada dous ou tres meses para ver que novo teñen de contar estes arxentinos. Sudestada é un lugar para ser felices co pracer da gastronomía, así de claro, a uns prezos moi razoables. Con viño -falarei del noutro post- a cousa saiunos en 50 euros por persoa. Váleos ben validos.

3 Comments

  1. 30 / Abril/ 2010

    ¡Que pintaza! e inda por riba asequible. Ben merece a pena incluilo nos plans, previa visita á capital.

  2. 4 / Maio/ 2010

    Comín hai un par de anos, supoño que sería no local antigo. A experiencia foi deliciosa, moito sabor. Recordo que había un ministro ceando. Creo que tiñan por entonces outro local en bos Aires.

    Saúdos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *