Last updated on 9 / Decembro/ 2010

A medio camiño entre o cañí e o popular, o taperío madrileño tradicional goza dunha enorme saúde no centro. Cheiro a fritanga que nos recorda que estamos indo ao sur, con pratiños que piden esta cervexa con pouco corpo que se bebe como auga mineral. Desde a nosa atalaia da fin de semana na Carrera de los Jerónimos, enfrontámonos á Noite en Branco que pechaba o Día do Libro entregados á noble arta da tapa. Establecementos que rondan todos os 150 anos de historia, coa súa combinación de azulexos e marcos de madeira que lle outorgan ese aire ottocento tan chulo.


Fotos: Sole
Os visitantes deberán probar, na rúa Preciados, os buñuelos de bacallau que sirven na Casa Labra; neste local fundouse o PSOE, pero hoxendía é memorable por estes bocados que se toman de pé na ateigada barra ou na pequena terraza fronte ao Corte Inglés.




Outra referencia madrileña por antonomasia son as bravas. As patacas bravas degústanse, por exemplo, en Las Bravas, á entrada do valleinclanesco Calexón do Gato, onde teñen patentado un preve abundante en pementón. Están ricas.

Pero é a Noite das Letras. Este ano, o goberno de Esperanza Aguirre meteulle un tixeiretazo tremendo ao orzamento da Noite en Branco, pero os madrileños, que son uns cidadáns lectores que rebentan as estatísticas de lectura do Estado por enriba, están todos nas rúas, percorrendo as librarías que abren con música, conferencias, receitais e viño. Non hai diñeiro público pero a iniciativa privada e colectiva permitiu que estas rúas do barrio das letras fervan de palabras. E na man da estatua de Federico García Lorca, na miña querida Praza de Santa Ana, chántanlle flores e os guías voluntarios que describen o Madrid literario rinden corte.

Merco emocionado, a miña primeira edición antiga. Das Comedias Bárbaras, o ciclo teatral co que Valle Inclán conseguiu alucinarme cando era máis pequeno e non comprendía moitos versos, e tamén me abraia agora que os entendo de máis, merco esta Águila de Blasón, na súa primeira e preciosista edición de Opera Omnia, e que no seu tempo, ano 1922, custaba vinte reás nestas librarías literarias. Xa está en casa. E pode que as outras dúas partes desta bronca triloxía cheguen en breve.


Na Cava Baja, está o famoso Casa Lucio, e enfronte, a Taberna máis informal que montaron. Alí non podemos resistirnos a probarlle eses famosos ovos rotos que glosa toda a corte madrileña. Pois son: uns ovos rotos, nin máis nin menos, e tirando a aceitosos (12 euros/ración). Ben os comemos para aturar a noite, chea de xentes pola rúa.


No Círculo de Bellas Artes a cultura non durme. A lectura ininterrumpida do Quixote continúa nunha das prantas superiores. Xente de toda condición, facendo cola, agarda con paciencia a súa quenda para ler un pequeno parágrafo. Unha sobria escenografía concentra todo o mérito na propia obra de Cervantes.
E mentres, abaixo, tres escritores se entregan a unha improvisación literaria. Mentres un DJ lle pega á música, eles sucédense na improvisación da lectura en directo ante un público que presta toda a atención. Non é escritura automática, pero si unha interesante fusión coa disciplina das performance que dá lugar a explicacións e ideas.
Unha noite máxica, sen dúbida.

Emocionante este paseo polo meu Madrid preferido, unha cidade por outra parte moi querida para min.
As bacaladillas do Labra son obrigadas en cada visita, así como un paseo pola Dolores (ao final de Lope de Vega, ou os callos na Fragua de Vulcano, que creo é o da foto anterior ás bravas.
Fantásticas noites de Madrid. Que nostalxia!!
Gago,tes un erro no texto,cando falas dunha ración de ovos a 12 euros…(juá,juá ).Era noite de luar? Un saúdo
Non o pillo, Violeta, desculpas. Paréceche cara? Ten en conta que é a Cava Baja, ou sexa, centro centro.
A todo isto, non ceamos en Lucio, pero si vimos os prezos da carta na porta. E parecéronme prezos bastante normais, desa orde, para todos os pratos, moi tradicionais. Eu pensaba que o gharito era ben máis caro tendo en conta a caste de xente que pasa por alí.