Last updated on 8 / Abril/ 2010

Foxo na zona arqueolóxica dos castros de Neixón. Foto: Xurxo Ayán
No ano 2004 o equipo de arqueólogos que estaba a traballar no castro de Neixón comezou a escavar un sector do foxo que rodeaba ao Castro Grande. Comezaron a atoparse cun patrón sorprendente. O foxo fora cuberto, tapado de novo, relativamente pouco tempo despois de ser feito. É dicir, non era un foxo defensivo, cando menos tal e como se agardaría. E cada certo tramo, aparecían depósitos con pezas cerámicas valiosas, importadas do Mediterráneo, boas pezas, de uso ritual, escachadas pola rotura, ás veces enteiras, ás veces mesmo machados. Eses depósitos, esas concentracións de obxectos repetíanse a cada pouco e estaban separados entre si con certa regularidade. Era como se a xente que andaba por alí collera a vaixela de Sargadelos, a máis cara da casa, e a escachara botándoa contra o fondo do foxo cada tantos metros.
Non fora a primeira vez que aparecían achados así nos castros galegos. Ata Neixón, interpretáranse como vertedoiros de lixo castrexo. Entrementres, nas Illas Británicas -xa saben, ese lugar tan distante e distinto á realidade galega da época- xa sabían de que se trataba desde había moito tempo, porque o seu achado era habitual nos castros da Idade do Ferro aló: tratábase de depósitos rituais, unha sorte de depósitos votivos que rodeaban castros e recintos. Neixón puña unha nova luz -e ao mesmo tempo moitísimas preguntas sen responder- no panorama da Idade do Ferro galega. Ese foxo, cuberto xa na mesma Idade do Ferro, se cadra era máis unha protección máxica que unha defensa real para determinados recintos. Case por primeira vez, identificabamos claramente unha práctica cultural e simbólica dos nosos devanceiros do tempo dos castros, tan parcos en amosarnos a súa cultura e cosmovisión e en deixar trazos deles.
A semana pasada, Xurxo Ayán, o arqueólogo que escavou aqueles foxos, tomou a fotografía que podedes ver ao principio do post. Eu engadinlle unhas flechas que permiten identificar un cambio evidente na coloración da terra. Esa alteración de cor marca a existencia dun foxo, dun foxo similar aos que se poden observar nas zonas excavadas da zona arqueolóxica de Neixón. O problema é que este foxo está aínda máis ao norte. Este foxo está na zona de ampliación do Centro Arqueolóxico do Barbanza. A remoción de terras que vedes diante del foi feita polas excavadoras que están facendo a obra. Aínda que houbo un control arqueolóxico da zona previa á excavación, por algún motivo non se realizou unha excavación sistemática deste foxo. ¿Contería pezas cerámicas e obxectos de igual valor científico que os anteriores? ¿Continuaría abrindo fascinantes perspectivas para comprender a cultura castrexa? Non o sabemos. Pero, para min, sen coñecer os motivos da decisión que levou a arrasar ese resto arqueolóxico sen unha excavación completa e sistemática, o máis preocupante non é iso.
O máis preocupante é o plástico negro que oculta esa pequena alteración, esa pequena mancha de terra.

E así nos vai. “¡Tapa, tapa! ¡que se vai ver o que hai embaixo!” Cando unha actuación arqueolóxica trata de tapar o que hai debaixo da terra é que algo non vai ben.
Amigo Lorcho, ou mellor dito, amigo Templado de Cambre. Estás feito un auténtico cabreado da transición, xa pareces arqueólogo… Un saúdo