
Quédome con este fotograma do vídeo no que Zahi Hawass, o director do Consello Superior de Antigüidades de Exipto -é un dos tipos con máis poder nun país que ten no pasado unha das súas principais fontes de recursos económicos- explica como están a escavar o misterioso túnel que parte da cámara funeraria do faraón Seti I no Val dos Reis. Quédome con estas mans crispadas cara a audiencia e este ton teatralizado. Antes, vouvos falar algo do túnel de Seti I. Desde o seu descubrimento en 1817, xa houbo dúas tentativas serias de desvelar o misterio e descender ata o final do túnel, pero fracasaron.
Agora Zahi Hawass que, curiosamente, dirixe todas as escavacións interesantes do Exipto actual, volve tentalo. Se alguén se pregunta como obtén os fondos económicos para facelo, se cadra a resposta estea nese fotograma que capturei do vídeo aí enriba, nesas mans que buscan asustar ou sorprender, ou mesmo cautivar ao espectador. Hawass especula -que raro que os arqueólogos especulen- co que pode haber ao final dese túnel. E menciona un dos paneis da cámara real, no que se ve un túnel que descende e, ao final, unhas serpes de apariencia aterradora. Podería ser o que están escavando. Por iso pon as mans de medo Hawass. Aquí está o vídeo (ligado directamente ao punto no que Hawass fala das serpes).
Deume a risa. Zahi Hawass vén sendo o equivalente ao noso Director Xeral de Patrimonio. Imaxínome a Felipe Arias -o anterior- ou a José Manuel Rey Pichel -o actual- crispando as súas mans na CRTVG e adoptando esa voz misteriosa para convencer aos espectadores da relevancia misteriosa dunha sauna castrexa. Imposible, por suposto. Son culturas profesionais moi opostas. Se cadra, Hawass precise, nese vídeo, vender o proxecto a quen o poida pagar, precise teatralizar a idea do Exipto misterioso e máxico que a tantos turistas atrae ano tras ano ao país e que pode seducir a empresas patrocinadoras. Hai quen critica a Hawass por facer pervivir esa imaxe do Exipto faraónico e polo seu xeito de facer as cousas, e creo que con parte de razón.
Sen embargo, ao escoitalo faime pensar en como se nos transmite a cultura do patrimonio e en como o fan os seus representantes públicos. Defínese, desde hai moitas lexislaturas, pola circunspección aburrida, gris e burocrática dos nosos Directores de Patrimonio. Pero ollo, tampouco quero defender esa filosofía barata que se nos está a impoñer que busca confundir a cultura co turismo -as dúas son disciplinas complementarias, pero diferentes-, e que espectaculariza por espectacularizar. Non creo que os dedos crispados de Hawass encaixen nun representante das políticas do Patrimonio do estilo europeo. Pero, que queren que lle diga, gustaríame ver algo da sangue -se cadra o entusiasmo, se cadra o xeito de crear un discurso- de Hawass nos nosos responsábeis de Patrimonio e mesmo nos nosos arqueólogos.

Poenso moito no asunto este do que falas hoxe. Non sei se o problema é que Hawass banalice o discurso dos arqueólogos, ou é que deba adaptar o discurso a un público estupidizado. Penso que moitos arqueólogos deberan baixar do poleiro onde están subidos, pero non renunciar a facer unha pedagoxía digna.
Decía unha canción vella coma min que “en el rollo está la solución”.
Sen dúbida. Por iso me quedei con esa sensación ao ver o vídeo.