
Un non sabe moi ben onde te comeza a cautivar O Desafío, pero supoño que é no curioso punto de vista que a película establece sobre o poder. Un crepuscular Richard Nixon, dimitido coma Presidente tralo escándalo do Watergate, que confía na entrevista que lle vai facer o británico David Frost, ata agora un banal presentador de teleshows, para restituirse e relanzar a súa carreira política. Teño coñecido a algún que outro líder político, empregar astutas capacidades de gato bandullo arriba baixo a camuflaxe dunha apacíbel vellez e retiro. Cautivan máis as técnicas de manipulación, un tanto toscas pero eficaces, de Nixon, que noquean unha e outra vez a Frost, máis que a conversión gradual deste presentador, unha personaxe que me resultou un tanto opaca de máis ao longo do filme.
Aínda así, a película é un magnífico exemplo de cinema de ideas; a orixe teatral do texto percíbese en todo momento; a película ten a austeridade de espazos dos bós traballos cinematográficos dos 40 ou 50, e iso agradécese a día de hoxe. Unha película moi interesante para ver xornalistas, alumnos de xornalistas, e quen estea intrigado polo poder. Aquí vai o trailer:

Non está mal, mais agardaba algo máis tras ver o trailer, máis protagonismo de Frost e menos de Nixon, lenta de máis para o meu gusto.
Por certo… non saberás cal é a canción que soa (creo que é dos Bee Gees) no trailer antes de Baba O’Riley ;)