Alxibes e cabalos no castro de Garfián

Last updated on 18 / Abril/ 2020

Garfián é unha aldea de Beariz que, en si mesma, é unha pequeniña xoia abandonada da arquitectura popular de Terra de Montes. Un castro e unha impoñente necrópole megalítica vixian a aldea desde o alto do seu monte. Co espectacular campo de mámoas de Garfián acontece algo curioso se se mira a través dos satélites de Google Maps:

…o que máis destaca é o buraco de violación no centro dos túmulos!

O castro queda preto de alí. É un laberinto de toxeiras, xestas e todo tipo de silvas que fai imposíbel velo na distancia, así que segue mellor a posición que te indico en Capítulo 0 Mapas (sube polo cortalumes do cruce onde está o indicador do Roteiro de Garfián). O castro ten unha impoñente muralla só por un dos lados (como acontece con estes castros da Galicia central, algún día alguén me terá que esplicar por que). Hai que gabear por este alto e toxoso parapeto para conseguir acceder ao interior. Entre a maleza, un achado moi curioso:



Os surcos do cabalo grande están tintados dixitalmente para que apreciedes a forma. Fotos: Sole

Un estraño alxibe aberto na pedra -que aínda acumula augas-, e nun dos lados desta cisterna , nós distinguimos no frío e chuvioso solpor tres cabalos a diferentes tamaños, que parecían correr en perspectiva cara estas augas. Nestas cousas sempre é o mesmo: non sabemos se o alxibe e os petroglifos son contemporáneos e teñen un sentido común, ou se se trata dunha superposición temporal que separa, en miles de anos, uns usos e outros destas pedras. Pero no habitual silenzo da cultura castrexa, no alto da Terra de Montes, eses cabaliños corren polo campo ata o alxibe.

Por certo, preto de alí, no enigmático recinto de Corneda, tamén hai outro destes alxibes pouco documentados no mundo castrexo.

5 Comments

  1. 15 / Decembro/ 2008

    Moi interesante, algun día terei que ir a ver estas cousas que ofreces por eiqui…inda que fai un tempo o facia, ata que un día buscando unha mamoa por a zoa de silleda ( non lembro ben por onde) os paisanos dixeronnos que a levara a parcelaría…o estrano e que parecian ata contentos con elo…ca carraxe, fai tempo que non ando a procura destas cousas. Saúdos

  2. breogam
    15 / Decembro/ 2008

    É umha magoa que este concelho, como tantos outros, nom manteha limpos os restos arqueológicos que posue, nótase um certo interese porque tanto este castro como o de Magros ou as mámoas estam sinalizados mais logo quando chegas é difícil ter umha boa perspectiva. Segue avante moi bom trabalho.

  3. 15 / Decembro/ 2008

    O problema é que a creación de sendeiros e roteiros, así como as “postas en valor”, obedecen a partidas orzamentarias, moitas veces, que se conceden externamente (Xunta, Unión Europea, organismos paralelos) para o traballo concreto de creación dese espazo, pero non hai partidas externas para o mantemento e xestión e algúns concellos esquecen incluír este mantemento nunha planificación anual do seu orzamento.

    Honestamente, penso que debería haber un rexistro xeral de carácter autonómico/estatal europeo de roteiros e sendeiros que obrigara aos concellos ao mantemento daqueles roteiros que creen. Vou investigar como está o tema e farei un post sobre isto nas vindeiras semanas.

  4. breogam
    15 / Decembro/ 2008

    No concelho da lama tinham dous destes sendeiros subvencionados pola uniom europeia, se nom me lembro mal um era o que discurría a carom dum foxo dos lobos, estabam incluidos numha guía e desaparecerom dela tralo seu abandono por parte do concelho, estaría bem interesante ese post, saude.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *