Étoile, ou como a Guía Michelín monetiza o seu prestixio


As tres primeiras portadas de Étoile

Teño diante miña os tres primeiros e únicos números -ata o momento- dunha nova revista gastronómica francesa, Étoile. O campo das revistas e magazines como fenómeno editorial atráeme moitísimo, polas súas posibilidades de segmentar o público, de recorrer a formatos máis orixinais e repousados e coidar a calidade da edición. No caso de Étoile, editada polo grupo Glénat, o especialmente chamativo é que explota e desenvolve os contidos anuais da Guía Michelín de xeito bimensual. Porque coa Michelín acontecía unha cousa ben curiosa.

Quen teña consultado o libro vermello, saberá do parcas que son as descricións dos seus restaurantes. Esta escaseza narrativa beneficiou a moitos medios e profesionais da comunicación gastronómica alleos á Guía, que atopaban sustento e contidos na cobertura informativa dese imaxinario colectivo que crea a Guía nas sucesivas edicións, que sinala cun fardel de estrelas o plantel de grandezas gastronómicas dun país. Reportaxes, entrevistas, perfís…ao redor das novas estrelas e gurús que creaba o libro vermello. Accións comunicativas das que o grupo creador non vía un peso!

Por iso, o curioso é que Glénat non dera o paso ata agora de monetizar bimensualmente cunha publicación esta Guía anual, tendo todo para poder facelo. Pero entrou forte en maio co primeiro número, coincidindo coa campaña de verán. A revista Étoile, concebida claramente para un público maduro, aposta por unha concepción editorial sobria, baseada en reportaxes de viaxes, entrevistas e perfís (sempre abren a portada chefs do étoile-system), cunha fotografía elegante e pouco estridente, apelacións á tradición da alta gastronomía francesa (recetas históricas de grandes chefs) e rutas dos inspectores michelín, nas que se repasan territorios e lugares de bo comer. Étoile é moi francófila, posibelmente coma o seu público, pero quen di que Glénat non apostará tamén por abrir franquicia no mercado español?

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *