
Solpor no Camping des Chevrets. Fotos: Sole
Como moitos sabedes, as nosas vacacións sempre son en camping, unha alternativa ideal para gastar moi pouco en aloxamentos e dispor dunha praia a tres pasos da tenda, cousa que ás veces, en hoteis, é case imposíbel. Na Bretaña estivemos en dous campings fantásticos a pé de praia a prezos que un non o cre: o camping Saint Jacques, na península (presq’ile de ) que pecha o golfo de Morbihan, no concello de Sarzeau. O camping non era nada doutro mundo, pero ten saída á praia, os servizos normais e custaba 13 euros noite (!!!!!).
Para explorar a zona de Saint-Malo, escollimos o Camping des Chevrets, sen dúbida un dos grandes descubrimentos en campings que temos visto nos últimos anos. Ubicado no concello de Saint Coulumb, o camping daba á praia des Chevrets e á ría do porto de Rótheneuf. A praia é fermosa, con dous illotes que, coas espectaculares mareas baixas da zona, que baixan un montón de metros, quedan case ao descuberto e son un paraíso de marisco e peixe. Os solpores, espectaculares coma os da foto, case irreais, agárdanse con sidra, pinchos e boa conversa na terraza do mar do camping, mentres bulen os coellos bravos que viven nas encostas do emprazamento. O camping está situado á entrada do itsmo areoso que hoxe une co continente á illa Bernard, unha pequena ínsua con fermosísimos cantís que dan ao Océano e que son un fermoso lugar para pasear. O des Chevrets sae en 23 euros noite.
Desde o camping des Chevrets hai unhas vistas espectaculares da praia e dos illotes. Se queres disfrutalas, tes que pedir na reserva que che dean algunha das prazas ubicadas entre a 544 á 555 (incluídas). Pensa tamén que son un pouco as máis expostas ao mar.
As localizacións dos campings están no mapa da Bretaña.

Sé o primeiro en comentar