Última actualización o 21 / Agosto/ 2008
A pesca remátase, e os antigos portos convértense en territorio da náutica de recreo. Fotos: Sole
En Douarnenez, ao abrigo das suradas pola Pointe du Raz, está a Bretaña mariñeira, esa que estaba buscando. Sopla o aire fresco, salgado e mariño, inzado de argazo, e todo este céo é unha nube de gaivotas e carráns sobre os tellados que chían ao serán, cando estes pesqueiros volven da baixura. Vense aló detrás, por fóra da Illa de Tristán, vinculada ao amante medieval e aos corsarios da Idade Moderna. Aquí, en Douarnenez, as casiñas pobres, pequenas, nas rúas reviradas e anárquicas, está un mundo que quero, e que se vai. Viña eu un pouco mosqueado de tanto clube náutico, e tanto iate e embarcación de lecer nos supostos “típicos portos mariñeiros”. Como está a pasar en Galicia, toda Bretaña é un clube náutico parisino de mariñeiros de luva branca e fin de semana.
Aquí, en Douarnenez, o mundo segue a ser esa pesca e ese mar, pero isto se acaba, aínda que os nosos políticos responsabilicen aos franceses dos nosos fracasos diplomáticos en materia pesqueira e suxiran que a gran beneficiada da política pesqueira da Unión é Francia. Dá igual a dose de autoengano que nos queiramos aplicar, non é así, meus: os grandes vencedores están noutros caladoiros, asiáticos e americanos, con soldos máis baratos e prezos máis baixos.
Os vellos barcos bretóns van varando na banda deserta da ría mentres os iates, como as pombas, invaden o porto novo, abren novos pantaláns, e dan lustre ao paseo marítimo, pero non conseguen disimular a identidade mariñeira, salgada, cheirenta, graxenta, de gasoil e piche, desta vila. Da outra banda do paseo, sobreviven as casas dos armadores e as ruinosas mansións dos antigos donos das fábricas de salgazón, que se viñan a esta banda para evitar os cheiros das fábricas. Si, moita sardiña entrou aquí, no XIX, e aínda segue a entrar algunha, sabrosa e carnosa, que te serven nas tascas do lugar con certo orgullo. Aínda hai algunha fábrica de conservas na vila, disque a máis antiga do mundo, a Connétable, e as mulleres limpan a man, con coidado, estas sardiñas que logo circularán polas tendas de delicatessen.

Douarnenez: estas casiñas de pescadores, pintadas con pintura plástica, azul brillante, e branco, como tantas que teño visto en Palmeira, na Pobra do Caramiñal ou Ribeira. Nunha delas, os tramallos, aínda con argazo, mollan a porta. Lembro, medio nunha bruma da memoria, que o meu avó faloume deste porto, e doutro de Irlanda; recalaron nun pesqueiro medio errante fuxido da miseria da posguerra, e os seus vínculos coa poboación local, a falta dunha lingua común, eran os partidos de fútbol na praia durante estas enormes mareas baixas. Un vello fuma en pipa e outro un ducados negro, mentres miran o mar, que hoxe está calmo e gris. Planean as gaivotas. Avisa coa bocina un barco que chega a ese porto de lonxas de cemento e carteis esfarrapados que avisan das festas da vila do lado. Unha escultura grisallenta dunha muller e uns nenos faise sombra nos ollos para explorar o horizonte. Cheira a mar, xa o dixen. Como me gusta Douarnenez.
No porto vello hai unha serie de tascas onde poder degustar o peixe local a prezos moi xeitosos.

A foto encantame, pode ser a porta de calquer veciño, Palmeira,Escarabote,Cabo de cruz,…..
Neses tempos a impronta que mais nos pegou, foi a pintura dos barcos, en fin….algo se transmite.