Última actualización o 27 / Xullo/ 2008

Presentación de Emigrantes
Estamos en Logroño, nunha casa chea de libros na que ás veces aparecen persoas.
Os volumes saen por todas partes: soportan os baixos das mesas, están metidos nas fisgas das camas, enchen estanterías do WC, inundan as paredes da cociña. Hai casas que deberan ter un mirador para admirar todo o que teñen no seu interior, como esta, dedicada toda ela ás historias e ao propio pracer de ler. Nesta estantería, á miña dereita, está a deliciosa Historia da Lectura, de Alberto Manguel, marcada no capítulo da “Historia da Lectura na Cama”. Diante miña teño esa novela gráfica marabillosa que é Emigrantes, de Shaun Tan, unha narración dos éxodos de principios do século XX, cara un país imaxinario de desbordante presenza, suma de múltiples fantasías. Á miña dereita está a Poética del Café, de Martí Monterde, os Espejos, de Eduardo Galeano, o Firmin, de Sam Savage, os Exploradores del abismo, de Vila-Matas, as Memorias de um Pinga-Amor, de Groucho Marx, a Entrevista coa Cultura, de César Coca, os Diálogos entre Gilles Deleuze e Claire Parnet, O poeta nu, de Jorge de Sousa Braga, e sobre a mesiña, os últimos números de Bloc e Texturas.
Durmimos rodeados dunha nube tolerante de palabras, de discursos en múltiples direccións que fan acrobacias sobre as nosas cabezas nesta biblioteca-dormitorio. É reconfortante, como un cuarto de xoguetes da infancia.
-Non te movas moito, a ver se nos sepulta toda a cultura occidental -escoito ao meu carón.
Antes de durmir, descubro unha vitrina chea de xoguetes dos anos 20. Pequenos aeroplanos, triciclos, fords-t.

Sé o primeiro en comentar