Goliardo Caíño 2006: chegan os tintos do mar (e son fantásticos)

Probei o outro día no restaurante El Mercadito esta marabilla que, se tes posibilidade, non te podes perder. O Goliardo Caíño 2006, da adega Forja del Salnés. É un tinto do mar, feito con uvas de caíño, esa variedade antiga e tradicional do país, nun viñedo inmediato á ría. O caíño é esa uva de difícil coidado que foi base de tantos viños que probamos en cunca, nas xerras dos nosos avós ou doutros veciños nas aldeas da costa. O monocultivo de albariño no Salnés levou con el todas estas variedades que son o noso grande patrimonio vinícola: quedaran relegadas ao profundo da memoria (non é un mal sitio, con todo, cando volven tamén nos chegan alá dentro). Agora, neste interesante proxecto que é a Forja del Salnés, o mago Raúl Pérez trae o caíño á modernidade, respectando toda a súa esencia. En copa, o Goliardo Caíño é moi fino, ten moi pouca estrutura, parece un pinot noir: estamos tan acostumados aos viños concentrados que nos impuxo a moda de Parker que inconscientemente, agardamos pouco dun caldo que non teña unha estrutura tánica concentrada.

Pero o Goliardo caíño non: bébelo e é tan diferente, está tan ben construído, que inmediatamente te namoras del, mentres sabes que estás bebendo con sorpresa a túa propia memoria da Ría. Xunto á froita vermella, o que máis sorprende é ese gusto balsámico, a eucalipto das Rías Baixas, que te acompaña todo o camiño. A variedade, antiga, está alí actualizada, preparada para paladares modernos que queren fuxir da tiranía Parker e mirar como o Océano pode dar bos tintos. Unha auténtica xoia.

Xa teño moitas gañas de probar o outro tinto da Forja del Salnés, o Goliardo Loureiro, pero seica coma con este, hai moi poucas botellas. A ver se dou con algunha.

7 Comments

  1. 4 / Maio/ 2008

    Antonio, interesantísimo, a verdade é que parece que se trata dun dos proxectos máis frescos que hai no Salnés. Despois de ler esa nota de cata, agora si que teo que conseguir esa Loureiro como sexa.

  2. sampedro
    5 / Maio/ 2008

    E onde se pode mercar este viño?

  3. 5 / Maio/ 2008

    sampedro, eu encargareinas na tenda Valladares, en Santiago, esta semana, a ver se mas localiza. Contáronme que a produción é moi reducida.

  4. sampedro
    6 / Maio/ 2008

    supoño que se poderá acudir a adega directamente.

  5. sampedro
    6 / Maio/ 2008

    Por certo, xa sei que é de mal gusto falar de cartos, pero alguén sabe o prezo?

  6. 6 / Maio/ 2008

    Sampedro, para nada é de mal gusto. Non debe ser barato, se cadra sobre os 15 euros, porque en restaurante estaba nos 26.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *