Buscando o gran castelo dos Churruchaos na Capela Señorial dos Deza

Last updated on 2 / Maio/ 2008


A igrexa parroquial de Ansemil e a Capela Señorial dos Deza anexa a esta. Fotos: Sole

Anexa á fermosa e antiga igrexa monástica de Ansemil, no concello de Silleda, fundada entorno ao século IX ou X, atópase unha interesante curiosidade arquitectónica: a Capela Señorial dos Deza, do século XIV. Os Deza foron os condes máis poderosos de Galicia central -antes de Cuíña-, e dominaban as actuais terras da comarca do mesmo nome e máis alá. O seu nome familiar era ben curioso e sonoro: os Churruchaos. Os cabaleiros Churruchaos tomaron partido en todas as batallas nobiliares do noso convulso século XIV, e como ben resumiu un paisano da aldea de Ansemil, “o conto acabóuselles cando se lles foi a man e mataron ao Arcebispo de Santiago”.


De esquerda a dereita: Un canzorriño ráñase o pé, canzorro gótico da fachada da Capela, capitel románico do pórtico de Ansemil, anxo oferente da porta da Capela.


A Virxe do Leite, o sol e a lúa co año pascual e un ventanal gótico na Capela

Un xefe do clan, Diego Gómez de Deza ergueu esta curiosa xoia da arquitectura medieval, que é toda unha igrexa en miniatura, en 1341. Para facérmonos unha idea das súas dimensións: o seu interior non creo que supere os 20 metros cadrados de superficie. Con todo, hai tanta riqueza de motivos na estuaria, nos canzorriños e na simboloxía que dá para perder moito tempo nela. Supoño que a súa idea era facer un panteón familiar, ou algo así, pero no seu interior só está enterrado el. Nunha tumba tosca e parca, Diego González deixou un texto escrito que informa aos séculos futuros de quen xace aí, e un símbolo, o seu símbolo. Un castelo de pinta bastante ominosa, con tres altas torres, a central moito máis alta, e con tres ameas, mentres que as laterais só aparecen con dúas, e unhas curiosas liñas por abaixo. Ese, sen dúbida, debía ser o castelo onde residía o poder deste cabaleiro; en certo xeito, este castelo debía ser a súa identidade e proxecto. Lembroume a que na igrexa de Vilar de Donas, o baldaquino gótico do interior está coroado polo Castelo de Pambre, dos Condes da Ulloa, tamén motivo de orgullo familiar.

Para darnos conta da súa relevancia, no sepulcro a imaxe do castelo repítese dúas veces, gravado se cadra por dúas mans distintas: no sartego -máis elaborado- e na lauda -máis esquemático. O curioso, ao observar o símbolo, foi darme conta do seu elemento máis curioso e estraño. Esas liñas situadas por debaixo das torres. Liñas de auga, que reflicten un elemento que debía ser o máis característico desa fortaleza: estar ao carón do mar, ou dun río, ou algún tipo de curso de auga. No sartego, esas liñas son ondulantes. Na lauda son menos marcadas, pero están. Representar ese castelo sen auga ao seu carón debía ser facer desaparecer parte da identidade do lugar. É unha parvada, pero resultoume fascinante ver como no símbolo está integrado un elemento ambiental e como, no seu esquematismo, había un montón de detalles que debían estar reflectindo fielmente o orixinal, como esas estrañas portas das torres.

Busquei algo de información sobre que castelo podía ser -pensei que mesmo estaría a representar unha cidade, Pontevedra, moi vinculada aos Churruchaos, pero pérdome en toda a información.

¿Algún ilustrado ou ilustrada podería saber algo máis sobre esta ominosa e acuática fortaleza de Diego González de Deza? ¿Aínda existe?¿Onde está?

Localización en Capítulo 0 Mapas

18 Comments

  1. Xesús Fraga
    1 / Maio/ 2008

    Non coñezo ese caso en concreto, nin esa igrexa (motivo máis que suficiente para visitar este blog a cotío: todas esas descubertas do patrimonio), pero lembroume ao escudo de Betanzos. É unha torre fortificada sobre unha ponte que salva un río, que representa á que esta por riba do Mandeo, e que comunica a cidade con Pontedeume e o norte mariñán. A torre era unha das alcabalas que gravaban o paso de mercadurías, polo que ao final, máis ca un valor militar, representa o poder do comercio (aí seguen as feiras; a de hoxe foi unha das máis importantes do ano). A torre xa non está, pero si a ponte. Imaxino que habería máis (nalgunhas cidades as pontes estaban edificadas con vivendas e chegaban a ser barrios) e que podería remitir a esta imaxe. Moi interesante, en todo caso. Saúdos!

  2. 1 / Maio/ 2008

    Xesús, moi interesante, aínda que no caso do burgo de Betanzos a heráldica civil remitía a motivos civís, coma o comercio.

    Pola contra, este é o símbolo dunha familia aristócrata moi belicosa durante o XIV, e con seguridade fala de poder militar. Salvo que sexa Pontevedra, ou unha fortaleza en Pontevedra, cidade á que os Churruchaos estaban moi vinculados, cousa que tamén pensei.

  3. 1 / Maio/ 2008

    Atopo en http://castrodemontes.blogspot.com/2008/01/viii-desamortizacin-e-fuxida-das-pedras.html, a seguinte referencia: “escudo dos Churruchaos, di Benito Vicetto, citando a Molina: “Los Dezas o Xuarez de Deza son los Torrechanos, que de antes ansí se llamaban: los cuales fueron los que mataron al arzobispo de Santiago, que llamaron D. Suero… Tienen su suelo en la ciudad de Santiago; traen una torre por armas (sin duda aludiendo a las muchas que tenían para vigilar o defender sus feudos, de aquí, Torrochanos, o Torrechaos: chao suelo, vulgo Churruchaos)”

  4. 1 / Maio/ 2008

    …xa que logo, posíbelmente Pontevedra descartada. No artigo fálase dun castelo dos Churruchaos no Deza…

  5. 2 / Maio/ 2008

    Outra. Antonio López Ferreiro, historiador e coengo da Catedral de Santiago, publicou un folletón en 1905 titulado O niño de pombas no que adica un capítulo completo a Ansemil e a Capela dos Deza. Por certo, fala de que había máis laudas no chan, así que funcionou como panteón familiar:
    http://www.bvg.udc.es/paxina.jsp?id_obra=Onidepo+1&alias=Antonio+L%F3pez+Ferreiro&id_edicion=Onidepo+1002&formato=texto&pagina=10&cabecera=%3Ca+href%3D%22ficha_obra.jsp%3Fid%3DOnidepo+1%26alias%3DAntonio+L%F3pez+Ferreiro%22+class%3D%22nombreObraPaxina%22%3EO+ni%F1o+de+pombas%3C%2Fa%3E&maxpagina=13&minpagina=1

  6. 4 / Maio/ 2008

    Vou falar cun bo amigo meu e mandalo ver esta páxina para que nos bote unha man, é de Lalín e gústalle o tema…

  7. Fernando Santaló
    21 / Outubro/ 2008

    o castelo do deza esisteu e esta nesa mesma parroquia Ansemil cando os condes do deza entraron en batalla con obispo de Lugo chegaro o acordo deque os do deza botaban o castelo abaixo e o obispo retiraria as suas milicias os restos do castelo podense apreciar dende o sig pag nunha ladeira cerca da fervenza do toxa.ei de dicir que o titulo de conde do deza non acabou cos churruchaos senon cos caxide que foron os

  8. 21 / Outubro/ 2008

    Fernando, no sixpac o antigo castelo está na ladeira Este da fervenza?

  9. Fernando Santaló
    23 / Outubro/ 2008

    Si esta dun lado que da cara o pobo de Merza creo que enfrente do monte sanpaio (lugar noque ai un castro)pero son os resto do castelo xa que o castelo desfixose de forma boluntaria e moitas desas pedras colleronse para facer pazos na zona de Merza Bandeira… Perdoade por deixar o meu anterior comentario incompleto.como decia os caxide foron os últimos condes por desgraza este apelido esta estingido.con respecto o castelo non esperes a ver algo con forma senon pedras tiradas e loxicamente co paso do tempo e moi dificil de destinguilas

  10. 12 / Abril/ 2011

    http://www.manuelgago.org/blog/wp-content/uploads/deza_detalles.jpg

    Mire esa fiestra gótica deste post e agora ésta:

    http://farm5.static.flickr.com/4117/4919910960_3cab046409_z.jpg

    Disque esa fiestra gótica é o único resto da fortaleza dos Churruchaos en Noia. A praza do Tapal antes estaba pechada, era o patio privado da fortaleza. Estranounos que non nomeara a parte noiesa desta familia, nas súas liortas con Compostela. Xa sentimos non poder axudar máis nesta brétema medieval. ;)

  11. 12 / Abril/ 2011

    Eu inclínome máis polos Churruchaos do Deza e algunha fortificación que teñan por aló. Habería que ver ben de que falamos.

  12. 13 / Abril/ 2011

    “A mensaxe vosa indentificando os restos fortificados cunha ventá gótica, na praza do Tapal de Noia, é correcta e coñecida, ver referencias na cita 10 da páxina 16 de TORRES, VARAS E DEMOS.
    Doutra banda, Manuel Gago non nega esa posibilidade, simplemente pregunta…
    Outra cousa é que un castelo emblamático con tres torres poida ter relación cunha fortaleza concreta. Non é habitual, e haberia que ter máis datos.
    Torres e castelos son signos nobiliarios moi xeneralizados en toda Europa, ademáis diso as tres torres forman parte das armas da Coroa medieval de Castela e hoxe en dia do rei Juan Carlos I”.

    Esta é unha mensaxe de Carlos Barros, ao que lle consultamos, pois non entendemos ben a túa resposta. E seguimos sen saber ben de que falamos, supoñemos…

  13. helena
    12 / Outubro/ 2012

    Me gustaria hablar con uno de usteds sobre esta question de los condes de deza, si possible . Muchas gracias, Helena

  14. 27 / Maio/ 2013

    ¿e a opción da Fortaleza de Cira, que cumpre en importancia estratéxica, en que domina o río e que foi levantada por Bernardo Xoán de Deza? Supoño que foi descartado por algún dato obvio que se me escapa.

  15. Isaac González García
    29 / Marzo/ 2016

    Na igrexa de Santo Tomé de Caldas de Reis están colocadas as antigas fiestras da demolida torre de Dona Urraca. Na súa figura aparece algo semellante a un castelo de tres torres e unha linea ondulada debaixo. Seica, os Churruchaos, tamén tiñan propiedades pola zona. Se o desexas podo achegarche foto, por exemplo polo facebook.

  16. 29 / Marzo/ 2016

    Pois moi agradecido!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *