Last updated on 7 / Setembro/ 2007
Levamos moitos veráns indo por aí tirando de cámping. É xenial: permíteche facer unha viaxe longa gastando moi pouco no máis caro -o aloxamento-, e así redistribuír o diñeiro das vacacións de forma máis pracenteira. Pero no prezo do camping están incluída unha serie de incomodidades prácticas que explican o prezo e que te amosan o acomodada que é a nosa vida cotián. E xa non me refiro ás que te imaxinas a priori de durmir nunha tenda, senón ás sorpresas do día a día. Os italianos son moi amantes de sorprender nos campings -creo que é común a todas as nacións-, así que preparamos unha guía de conceptos para levar mellor a viaxe.
AVANCE: Non, por moito que te flipe tanto como a min a tenda esa de Decathlon que se monta en 60 segundos, non vale para nada nun trebón. E no verán hai moitos trebóns. Por 80 euros tes tendas con máis corpo e cun avance que te permite gañar en espazo para gardar cousas en caso de diluvio e xogares con calma á brisca no caso de choiva eterna.
BOMBONIÑA: Como custan bastante pouco, tendemos a mercar un camión de simpáticas bomboniñas de Campingaz “por se se nos acaban”. As pobres pasan os días bamboleando no maleteiro e caendo nos pés cando quitamos o papel hixiénico, e permítennos protagonizar marabillosas escenas de Mister Bean cando queremos recolocar as cousas no maleteiro. E non, señores, para dúas persoas, dúas bomboniñas van perfectas. E se se acaban, no resto do mundo tamén as venden.
CAGA-DUCHA: Dise dese tipo de construción hixiénica na que converxen as augas maiores internas, as menores internas e as superiores externas. Habitualmente consisten en dous agarres rasposos para os pés no chan, un escuro e tenebroso buraco central, un agarrador para un brazo e unha ducha/mangueira regulábel en altura. Inspirado nas innovadoras técnicas de xestión de masas humanas deseñadas en Centro Europa nos anos 40, os caga-duchas teñen unha especial capacidade para propagarse nos campings nos que entra e, coma os eucaliptos, tende a fagocitar aqueloutros cuartos de funcións hixiénicas especializadas. Para evitalos, consultar a entrada Inspección previa.
CHANCLA: Salvo que queiras sacarlle partido á crecente fungomanía de outono, son indispensables para ir ás duchas. Pero, ollo, hai dous tipos de chanclas. Para conseguir que non se produza un psicótico desprendemento de chancla que derive en que a túa pranta se pouse sobre a reixiña e o teu tacto sinta as caricias dos paramecios, as máis axeitadas son as que teñen o “enganchador” entre os dedos.
CITRONELLA: As velas de Citronella son a túa única salvación contra os mosquitos. Hainas por todas partes, pero lévaas de aquí, que facémolas máis gordas e baratas. Prenden unha lapa que faría palidecer á Torre de Hércules e conseguen crear un escudo protector contra os mosquitos. Pero eles están aí, a dous metros. En canto aventuras unha man fóra de escudo percibes a súa densa malla de zunidos e morres do medo. Ver: Mosquitos.
COCHE: Caixa forte. O número de aperturas das súas portas por hora permite medir diariamente o noso nivel de Alzheimer.
COLCHÓN: O colchón de camping está de moda e é xenial. Úsao, non por iso deixarás de ser menos machote ou aventureira. Iso si, non merques un deses con motorciño de inchado incluído: son un tongo, móllanse e amólanse con facilidade. Usa mellor dos de inflar.
ELECTRICIDADE: Ese servizo que sempre te esqueces de pedir no camping e que motiva que fagas delongadas tertulias na porta dos báteres mentres carga o condenado móbil.
FICHIÑA: Pequeno disco de metal que tes que introducir nunha caixa para conseguir que a ducha bote auga, nalgúns campings italianos. Mércase en recepción e ninguén te avisa do sistema: adoitas darte conta cando xa estás en pelotas na ducha e co xel na man.
GOOGLE EARTH: O auténtico detector de mentiras e falsas verdades na web. Explora os campings previamente desde Google Earth para comprobar que non hai unha siderurxia nin un aeroporto ao carón do camping. Tamén está ben para comprobar a proximidade á praia ou ao lago. Hai que detectar, en plan espía da Guerra Fría, se hai algún tipo de camiño de conexión. Se non a ves, o máis posible é que para a praia haxa que andar inexplicablemente trinta minutos baixo o sol bordeando unha finca ou algo así.
ITALIANO: A frase “aquí débese comer ben porque está cheo de xente de aquí” non se pode aplicar nos campings italianos que están ateigados de familias romanas ou milanesas. Principalmente, porque o italiano precisa moitos menos metros cadrados que ti para sobrevivir; en concreto, precisa os menos metros cadrados posibles. Adoran a acumulación humana ata o límite de facer enormes ceas colectivas nos vieiros do campamento nas que as mammas sacan perolas enormes de pasta. Parece divertido, pero é que a ti vaiche tocar ao carón dun grupo de adolescentes holandeses amantes da cervexa.
INSPECCIÓN PREVIA: Acción con sentidiño antes de aceptar un camping. Consiste en a) ¿Ten sombra a praza? SI; logo b) ¿Ten auga e baños preto? c) Cantas capas de merda ten o chan do baño? Menos de 3; logo d) Ten o baño caga-duchas? NON; logo e) ¿Onde está o viveiro de mosquitos?, etc.
LESTE: A dirección cara a que tes que orientar a cabeceira da tenda, en relación á sombra das árbores. Debe estar orientada de tal xeito que a sombra da árbore rote entre sete e nove da mañá por enriba do espazo entre a túa cabeza e o embigo. :P
MOSQUITO: Dise dun ser a medias mitolóxico e a medias real con propensión a manifestarse entre as oito e as once da noite nos paraxes de singular beleza europea. En Italia aliméntanos con pienso, así que acadan unhas dimensións dignas de tributarlles unha festa de exaltación gastronómica. Unha vella coreana avisounos en Venecia, ao ver as nosas pernas convertidas en bulbos: “lávense con xablón Lagalto (adaptación para público galego). A eses fillos de puta gústalles o Johnson’s”. Sabiduría oriental. Ver: Citronella.
NATURISMO: Se non tes problemas en pórte en pelotas, o naturismo é mellor. Pecha os ollos: nin adolescentes, nin nenos, nin marujas, nin ruidoso turismo español. Os cámpings, ademais, están mellor e teñen mercados con moito vexetal fresco, e tal.
OFICINA DE TURISMO: Asúmeo: es un guiri. Para o local, es tan guiri como esa sueca coa cara pelada. Vai á oficina de turismo. Cóntalle as túas penas…e pídelle a lista de aloxamentos (que ten os prezos ao carón).
TURISMO RURAL: O descubrimento deste ano. Resulta que bastantes agriturismi (casas de turismo rural) italianas reservan espazo para unha ou dúas prazas de camping. E está xenial. Custan sobre 10 euros/persoa, non cobran polo coche e podes usar todos os servizos da casa (cociña, piscina, salóns, baño grande e impecábel…) a eses prezos de risa. E o dono sempre te pode convidar a viño!
UNS MÍNIMOS: Márcalle un límite á túa dignidade antes de aceptar quedar nun camping, e así aforraraste disgustos. Tamén que che digo que os disgustos elimínanse complemante se eliminas os mínimos. Pero de verdade, eh?
WEB: Dise do lugar electrónico no que os propietarios do camping manifestan os artistas que levan dentro. Ademais son un bo punto de partida para rememorar a Internet dos 90. Se estás buscando un camping con praia, hai varios puntos importantes: o primeiro é que se o camping dá directamente á praia vas sabelo perfectamente. Varias fotos amosarán visualmente esa proximidade e conexión: nunha foto verase a praia en primeiro plano e as tendas atrás, ou viceversa. Sospeita dos campings que poñen fotos de postal da costa “desde o alto” ou desde a distancia, porque o camping case seguro que está no medio do monte. Sospeita moitísimo. Ver tamén: Google Earth.
WOK. A túa solución á pasta para cando volvas esfameado de patear unha cidade. O wok resiste calquera cousa que lle botes, faina rápido e case non consume aceite. É un pouco aparatoso de levar pero paga a pena.

Utilísima e divertida guía campingueira, terémolo en conta.
Por certo… teño unha Quechua 60seg… e a primeira vez que a utilicei deu lugar a unha situación Mr. Beanniana desas das que falas, xa que, para montala, efectivamente unha gozada, tírala ó aire e flap!, listo, o caso é desmontala, plegala de novo para metela na funda… menos de 60 minutos non tardei en facelo, e acabei desesperado.
Asegurarse que sexa unha boa arbore, ca dirección leste, pois xa se sabe quen a bon arbol se arrima boa sombra lle cobixa….:-)
Ekis, aínda non descubriches a utilidade das quechua 60 segundos como papaventos? :)
Reflex, aplicando esa máxima as mellores árbores umbrizas son os plátanos canadenses. Danme moita confianza nun camping.
…subscribo as directrices que sinalas nesta anotación e ainda engadiría: unha esterilla nunca está de máis (agora que os colchóns parece que lles destinarion outra vida, pódense utilizar de marabilla para sentar por fora de xeito cómodo e limpo); bolsas de plástico (sempre que sexa necesaria unha, non a atoparás e o primeiro feito é asignar unha bolsa de basura nada máis chegar); saco de durmir cómodo (tampouco escatimes, coma coa tenda e aproveita a funda para facer almofada cunha chaqueta ou camiseta suxa); nunca deixes aberta a mosquiteira máis de 10 segundos sen motivo aparente (ou terás unha fantástica xungla no interior, que che dará unha noite inesquecible); unha linterna (ou o gran substituto dos últimos anos… un mobil con fondo blanco);…
A observación sobre a tendencia dos italiáns a ocupar pouco espacio e non ter en conta a distancia co do lado vale tamén para as praias. E a inclinación a formar unha grande familia tamén é visible nas praias. Nunca vira eu unha aglomeración semellante, mesmo con jaimas, moi de moda nos areais italiáns.