Last updated on 30 / Agosto/ 2007

Aquí estou, practicando o ravenismo. Ou a arte de mirar sen parar teitos de mosaicos na cidade de Rávena e rematar dunha vez coas cervicais maltratadas no inverno.
Sempre quixen ir a este lugar: ubicada no Leste de Italia, próxima a Venecia, en antigas terras de fronteira no límite da península italiana. A cidade, en si mesma, non ten demasiado encanto. Ruelas anchas, rectas, que seguen o trazado orixinal case ao milímetro desta que foi capital do decadente Imperio Romano occidental cando xa estaba todo o peixe vendido e os bárbaros saqueaban Roma. Casiñas baixas, unha sensación de letargo prolongado.
Logo chegou a caída do Imperio, as vacilacións históricas e a reconquista da cidade e dos seus territorios por parte do emperador bizantino Xustiniano, no século VI. Xustiniano afianzou a Rávena como o seu posto destacado en Italia, pola súa proximidade e polo porto militar que construíra Augusto, moi preto, en Classe, cinco séculos antes. Rávena ten algo único: o século VI. Na pobreza material deste século, Rávenna custodia unha serie de mosaicos xurdidos ao abeiro do florecente poder das frangullas decadentes do Imperio Romano.
Pero para min, o fascinante de Rávena é ese século VI. Esa terra de ninguén. Algo que xa non é Imperio Romano, que tampouco é Idade Media, pero no que se está conformando un futuro do que nós coñecemos todo pero que, nese momento, aínda non está decidido. Rávena é como un intre conxelado no tempo da gran narración histórica de Europa. Sabemos de onde viñan. E sabemos que ía pasar despois. E o que collemos é, xusto, o fundido-encadeado entre épocas. A arte da cidade é a nosa intérprete, diáfana, mesmo para non especialistas, para comprender a este tempo suspendido na Historia. Recoñecemos os detalles: a inspiración no pagá Neptuno, o naturalismo dos mosaicos das vilas campestres, o Cristo representado como un patricio novo e rico, completamente rasurado; está o vello, pero o cristianismo comeza a construír o seu propio código visual. Na Basílica de San Vitale fórzanse os límites do que a propia técnica do mosaico pode dar de si.

Basílica de San Vitale. Fotos: Sole
San Vitale foi unha enorme obra de propaganda levada a cabo polo emperador bizantino Xustiniano para difundir a súa identidade e maxestuosidade nunha Italia caótica. Todos eses mosaicos falan do gusto incipiente de Bizancio por esta técnica artística, pero están feitos desde a tradición local, cos saber dos artesáns italianos. E nel contense un dos relatos de poder máis interesantes que se poden atopar na arte. O Mosaico de Xustiniano e a súa corte.

Todo, todo neste mosaico conta algo. Fixádevos na figura do emperador, no centro, presidindo. Pero observemos o pequeno axuste de contas local: escrito no mosaico aparece o nome de Maximianus. Era o bispo de Rávena e o texto indica quen deles é. Observemos en detalle.

Falta pouco para que desapareza o retrato individualizado, o suxeito con riscos propios, da arte europea. Pero aquí aínda está, e co realismo que caracterizaba á retratística romana! Maximiano é o cura da dereita de todo, e deixounos para a posteridade, aparte da súa vanidade, unhas tremendas faccións de intrigante. Entre o bispo e o emperador, está Xuliano Argentarius que, coma o seu propio nome indica, era quen tiña a pasta. O banqueiro que financiou a construción da basílica. E, á dereita do emperador, temos outra figura interesantísima, o Xeneral Belisario, conquistador de Rávena. Militares, banqueiros, cregos, emperadores…século VI, todos os séculos

Sen embargo, neste mosaico hai algo máis: se os retratos e a análise psicolóxica dos poderosos nos leva case ata a República romana, cincocentos anos atrás, a multitude de soldados da esquerda nos traslada á plena Idade Media. Soldados anónimos, de rostros xenéricos, en multitude. Lembra miniaturas medievais que teñas visto, pensa nas Cantigas de Santa María. Esa multitude está aí, case sete séculos despois. E esta debe ser unha das primeiras veces na Historia, así que se lle perdoa ese pequeno fallo de coherencia que ten: hai máis cabezas que pés. Perdoarémosllo por ser a primeira vez. ;-)

Mira que paseime un bo rato, como ben dis, mirando para os teitos, alucinando en cores (e que cores) pero o detalle dos tres pes ten o seu mérito.
En canto a cidade, tes razón, non vale moito pero según me informei foi polo bombardeos dos aliados. Non hai mal que por ben non veña, os nazis non cuadraban en semellante maravilla. De tódolos xeitos, eu poria a ciudade como IMPRESCINDIBLE.