As técnicas retóricas de Al Gore en Unha verdade inconvinte

gore_verdade.jpg
Fotograma de An Inconvenient Truth (2006)

Aínda que tiña na casa desde hai tempo An Inconvenient Truth, a película documental protagonizada polo ex Vicepresidente dos Estados Unidos Al Gore, non foi ata onte, despois de que os amigos me agasallaran co libro da película, cando me sentei a vela con calma. O que non sabía era que a película, en realidade, era a gravación dunha conferencia. Non falo, por suposto, da típica gravación aburrida cun plano frontal do ponente nun podio, claro. Tratábase dunha conferencia pensada para ser gravada, cunha esmerada realización. Pero o que non me sorprendeu foi a análise da existencia do cambio climático e as súas graves consecuencias para o planeta -estou máis que convencido diso-, senón que estaba a ver unha obra mestra da retórica argumental.

Al Gore é un sofista contemporáneo. Ata o 2006 repetira esta conferencia, en versións curtas ou longas, máis de 1000 veces. Ten os argumentos, as pausas e as cadencias perfectamente ensaiadas. E fai un uso intelixentísimo das tantas veces mal empregadas diapositivas. Cantas veces un powerpoint non ten sido un refuxio de tímidos, que se aferran de xeito literal a elas e repiten como loros o que toda a audiencia pode ler! Pola contra, Gore domina o uso do powerpoint (en realidade, emprega o Keynote de Mac, que é mil veces mellor, pero para entendermos) cunha destreza que teño visto en moi poucas ocasións. Traballa con el en dous ritmos. A veces reclama á audiencia a súa atención á enorme pantalla horizontal que está ao fondo do estrado, outras veces, co seu mando remoto, controla o fondo como se fose un VJ, mentres desgrana oralmente un argumento. Argumentos orais e diapositivas están tan imbricados que non se poden disociar. O slide serve como un metrónomo, para marcar o ritmo da argumentación. Da técnica argumentativa de Al Gore tirei algunhas leccións que xa tiña visto antes noutros mestres da retórica persuasiva pero que non conceptualizara demasiado:

  • Provoca un primeiro golpe de atención: efectivo, pero amábel. Cautiva á audiencia cunha imaxe. As únicas fotos completas do Planeta Terra
  • Combina experiencias persoais con razoamentos teóricos
  • Reduce os factores de complexidade das grandes cuestións, ben a través de técnicas de infografía, ben despezando o argumento en múltiples argumentos e recollendo de xeito encadeado, nos últimos, as teses anteriores .
  • Relacionado co anterior, emprega gráficos de evolución progresiva, distribuídos en varias etapas, reservando o dato decisivo cara o final e preparando á audiencia para el
  • Aproxímate á audiencia a través de acontecementos próximos ou o tratamento do seu propio territorio
  • Trata ás fontes favorábeis como amigos, coñecidos ou mentores. A implicación persoal é moi relevante para defender a tese
  • Identifica dun inimigo ou adversario claro (o goberno Bush)
  • En problemas moi coñecidos polo público, é moi importante referirse á argumentación dos adversarios e desmontala, aínda que sen dedicarlle demasiado tempo.
  • Remata cunha mensaxe optimista e deposita parte da responsabilidade na audiencia

4 Comments

  1. 2 / Xullo/ 2007

    Impresionante verdade? Certo é que a ninguén nos sorprende o do cambio climático. Persoalmente estou acojonado. O documental é impresionante. Ata que o vin non cria que unha persoa como Gore estivese tan involucrada nestos temas. Sempre o vin como o o gañador vencido dunhas eleccións, nada máis. Agora decátome de que hai políticos que polo menos se preocupan de temas tan importantes coma este, que nos involucra e concerne a todos. A de cousas que se poden relacionar co puto cambio climático…
    Un saúdo
    Serafín Alonso
    La ciudad de las tres T

  2. 2 / Xullo/ 2007

    Gore estivo involucrado desde moito antes, efectivamente, en temas medio ambientais (o documental parece reiterar que non é un recén chegado; unha reflexión sobre a capacidade real da política está en que mesmo estando na vicepresidencia do goberno máis poderoso do mundo, a túa capacidade de cambiar as cousas é limitada.

  3. 3 / Xullo/ 2007

    Estou dacordo manolo. Eche o que hai…

  4. 5 / Xullo/ 2007

    Interesante análise da súa retórica, é tan boa que cando ves o vídeo non reparas nesa habilidade estudada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *