Muerte entre los viñedos: unha novela negra con pouco corpo

alaux.jpg
Os xornalistas Jean Pierre Alaux e Nöel Balen

A miña libreira tardou mes e medio en localizar un exemplar de Muerte entre los viñedos, a novela negra de trasfondo enolóxico e ambientación en Burdeos e Sauternes escrita a catro mans polos xornalistas Jean-Pierre Alaux e Nöel Balen. Antes, polo camiño, xa esculcaramos as profundidades da FNAC e os recantos da Casa do Libro, sen fortuna. ¿Que tiña a Morte entre os Viñedos para tumbar unha primeira edición en ben pouco tempo?

Por dicilo claramente, nada.

O libro é unha suposta investigación sobre a morte dunha parella de velliños nunha viliña próxima ao castelo de Yquem, onde se fai o viño doce máis muerte_vinhedos.jpgacreditado do mundo. Os protagonistas son un influínte enólogo de sona mundial, Benjamin Cooker -trasunto do real Robert Parker- e o seu axudante Virgile Lansien. Ata aquí ben: o resto é unha sucesión de lugares comúns e falta de pericia á hora de montar unha trama tan complexa como esta. Aos detectives, as pistas cáenlle do céo como se foran tesouros. Digamos que conseguen resolver a investigación co punteiro do pé en todas as ocasións, nun exemplo -para min saudoso- de impericia literaria en grado novato máximo. O que non se lle pode negar a Alaux e Balen, sen embargo, é un certeiro olfato editorial. En pleno auxe do enogeekismo, os dous xornalistas franceses acertaron coa elección da temática e algúns toques de pinrel de recreación da boa vida: un par de restaurantes de boa sona, o recrearse nos grandes pagos e chateaux de todo o perímetro de Burdeos, o xogar con marcas que un, con sorte, pode coñecer -coma o impresionante viño do Château Lagrezette, algo máis distante desta zona, en Cahors. Ou sexa, que resulta una mágoa que os escritores non fixeran mellor un roteiro de vida e viaxes, máis que unha de detectives.

Este libro é, esencialmente, un título, e de aí o olfato do editor. Todas as novas revistas de viño e gastronomía, que están a xurdir como setas, fan o resto. Señoras, señores amantes confesos do viño, prepárense para o vindeiro Nadal.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *