As chamadas telefónicas, de Roberto Bolaño: escuras historias de transterrados solitarios

Last updated on 29 / Maio/ 2007

chamadas.jpg
O escritor chileno Roberto Bolaño

“Primero hay que vaciar la botella, dijo, luego el alma. Me encogí de hombros. Aunque yo, añadió, como es natural, no creo en el alma. Pero la cuestión fundamental es el tiempo, ¿verdad? ¿Tienes tiempo para escuchar mi historia?

Así fala Rogelio Estrada, un transterrado. Por suposto, transterrado non existe como palabra, aínda que si como concepto. É a palabra que me invento para explicarme o libro de relatos Las llamadas telefónicas, de Roberto Bolaño. Que Bolaño foi do mellor que apareceu na literatura en español na segunda metade do século XX non o poño en dúbida, así o creo. Pertence a ese caste de escritores que son quen de crear un universo recoñecíbel, inquedante, unha fantasía do real. Trátase do universo dos transterrados de Sudamérica: exiliados políticos das ditaduras do Cono Sur, emigrantes de letras, erráticos seres solitarios que viven nunha Barcelona que parece un escenario case desértico entre estes uns que se atopan entre si. Transterrados, si.

As personaxes de Bolaño, en Las llamadas telefónicas son escritores, lectores, hampóns, mulleres sen destino. A ironía do escritor non aspira á vinganza sobre a súa microsociedade de letras, como se aprecia en moitos autores contemporáneos. Máis ben é bastante cínica: no primeiro relato, Sensini, o veterano escritor do mesmo nome ensina a un novo escritor -inspiración biográfica- como ir tirando gañando concursos literarios de provincias: intercambian convocatorias por correo electrónico. En Una aventura literaria, outro escritor búrlase na súa obra da prepotencia e pedantería dun recoñecido intelectual, e descubre estupefacto como este gaba en todos os medios a devandita obra. Noutra, o escritor Henri Simon Leprince asume que hai algo nel que provoca o rexeite innato do resto dos escritores, que provoca a súa desaparición no conxunto colectivo, que avergoña aos que axuda a fuxir desde a súa militancia na Resistance francesa. O máis inquietante, terrorífico, Detectives: é o diálogo pacífico e evocador de dous policías activos participantes da represión pinochetista tralo Golpe de Estado sobre o reencontro cun colega do instituto na cadea. Outros, sen embargo, desmerecen o propio libro, baixan o nivel . O último relato, Vida de Anne Moore, é coma o último alento do cabo dunha vela. Pasa con outros, tamén, que un non entende como caen no medio dalgunha intensidade, aínda que iso fai ao libro máis humano e, en certo xeito, máis aberto, como a maior parte dos finais das súas historias.

O próximo: 2066.

One Comment

  1. Espíritu de Belano
    5 / Xuño/ 2007

    Querrás decir 2666.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *