
Nicolas Edmé Restif de la Bretonne foi un libertino de vida moi alegre que, entre outros méritos, foi o primeiro fetichista de zapatos que saíu do armario. En 1781, Restif editou un estrañísimo libro belamente gravado: Découverte Australe par un Homme Volant, ou Le Dédale Français. O protagonista é Victorin, un entomólogo que investiga as ás dos insectos para crear unha máquina voadora que lle permita retirarse a un distante lugar onde poder vivir o amor prohibido coa súa amante Christine. Finalmente, atopa un túnel nunha montaña que lle leva ao arquipélago de Megapatagon, na austral Terra do Fogo, que vén sendo unha Francia ao revés, cunha capital que se chama Sirap e unha lingua que é a francesa, pero ao revés.
En Megapatagon, os homes son híbridos con animais. Hai o home rá, o home serpe, o home paxaro ou o home can, na liña das fantasías xenéticas que abundaban a finais do XVIII. Estes fermosos gravados están dispoñíbeis en Gallica, o banco de datos multimedia da Biblioteca Nacional de Francia, e son unha fermosura para ver. Desgrazadamente, non hai ningunha copia en liña do texto. Vía a marabillosa BibliOdissey.

Be First to Comment