Last updated on 12 / Maio/ 2007




Unha mostra das páxinas da publicación I+C. Oportunidades e desafíos para a cultura galega en Internet
I+C. Oportunidades e desafíos para a cultura galega en Internet é unha publicación que explora a situación actual da Internet en Galicia e as posibilidades que ten a cultura galega -a creación, o desfrute, a industria, a distribución- actualmente na rede, así como explora os planos dos sectores culturais galegos na Internet dos inmediatos vindeiros dous ou tres anos. Neste pequeno libriño de 52 páxinas en formato arrevistado colaboraron un bo número de autores e autoras, e pódense escoitar un gran número de voces máis. Podes consultalas neste índice. No deseño editorial quixemos empregar diferentes formatos narrativos: desde os artigos de reflexión ata estudos de caso, reportaxes, entrevistas e antoloxías de creación cultural na rede. A publicación está editada por Cristina Mouriño e por min mesmo.
Cómpre destacar o notábel traballo de dirección de arte do deseñador de Aguiño (Ribeira) afincado en Barcelona Marcos Varela, que fanzineou o deseño aproximándoo ás publicacións underground e creando un fermoso obxecto editorial, que queres preservar na túa casa.
Trátase dunha produción conxunta do Consello da Cultura Galega, a Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade de Información da Consellería de Innovación e Industria e da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia, co gallo da coincidencia do Día de Internet e do Día das Letras Galegas no 17 de maio. Presentámolo onte no Cultur.gal, o Salón do Libro e da Industria Cultural que se celebra en Pontevedra.
Descarga en PDF:
I+C. Oportunidades e desafíos para a cultura galega en Internet

baixeino onte e ainda non tiven tempo de lelo completo. Pero o que fun vendo pareceume fabuloso! haberá algunha edición sobre a cultura galega fora de Galicia?
Pois sería unha grande idea, Torredebabel. Un monográfico dedicado, precisamente, a noción de creación / construción cultural galega no exterior. Nese caso, xa non só deberiamos falar de Internet, senón entendelo nun sentido máis amplo e noutros ámbitos.