Un día con Leopoldo María Panero

Last updated on 1 / Maio/ 2007

panero.jpg
O poeta Leopoldo María Panero.

Fumo mucho. Demasiado.
Fumo para frotar el tiempo y a veces oigo la radio,
y oigo pasar la vida como quien pone la radio.
Fumo mucho. En el cenicero hay
ideas y poemas y voces
de amigos que no tengo. Y tengo
la boca llena de sangre,
y sangre que sale de las grietas de mi cráneo
y toda mi alma sabe a sangre,
sangre fresca no sé si de cerdo o de hombre que soy,
en toda mi alma acuchillada por mujeres y niños
que se mueven ingenuos, torpes, en
esta vida que ya sé. [ ]

La canción del croupier del Missisipi. Last River Together, 1980

Durante a universidade, Leopoldo María Panero molaba por varios motivos: a) Era maldito. b) Estaba tolo. c) Tiña unha voz turbia e rebelde. d) Púñano en longuísimas entrevistas dos programas culturais trala fronteira da medianoite, co cal podías velo en compañía noturna, que era a máis divertida. e) Cada verso que pronunciaba era como un salto ao abismo. Agora vexo o documental de 20” que se entrega co libro disco e DVD de homenaxe ao poeta, feito por Bunbury, Carlos Ann, José María Ponce e Bruno Galindo e podo comprender mellor a unha personaxe que tanto ten cultivado o malditismo. Bunbury e Carlos Ann pasean con Panero. Gimferrer chamoulle o adolescente permanente. Non sei se simplificalo tanto. Véxolle detalles absolutos, que antes non comprendía. Unha gramática e vocabulario oral esmerados, con ese español neutro froito dunha educación cara de clase alta, pero coa dicción pastosa que indica que por alí pasa algo raro; unha intensa egolatría, ese desinterese absoluto polos compañeiros de rodaxe. El tómase os seus tempos, pavoneando. Esa astucia da personaxe construída, do cruce de ficción e realidade. A lucidez, o verso e a barbaridade. Bunbury, condescendente Bunbury, nada cómodo no papel de entrevistador, faille unha pregunta tan de encher un oco de silencio molesto que ata resulta ruborizante:

-¿E o Premio Nobel para cando?
-Non o sei. Gañárono dúas veces dous dobles meus -responde Panero todo serio.
-¿Ti cres que cho darán algún día?
-A ver se o ano que vén. Levo dous anos agardándoo en van.

Gústame Panero, aínda que xa non me crea tan claramente o rollo maldito, aínda que este tolo lúcido o perciba máis ególatra, máis cercado en si mesmo. Porque na universidade, un podía crer que Panero era o máis poeta, o que máis se achegara ao límite. Hoxe dubídoo moito. Pero non quedan moitos coma el. Especie literaria en estado puro. A penas desgastado polas mesas redondas, poéticas de podio e reflexións sobre o estado do sector.

Aquí vai o documental. Gasta uns minutos. Aviso: como di Joffa H., non é nada cómodo de ver.

3 Comments

  1. joffah
    1 / Maio/ 2007

    fíxoseme moi incómodo de ver; ían camiñando polas rúas desa cidade como se sempre houbera unha esquina ou un muro entre eles tres ou catro.
    teño a sensación de que nin bunbury nin o outro son interlocutores válidos para un home coa cabeza amoblada dese xeito. eles suben polo primeiro piso, e el ven de volta, embalado, dende a última planta.
    ten eses momentos: 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7… pigeonsjustlikethat. e o de atrás movendo a cabeza como dicindo… como dicindo… “acabo de escoitar algo grande… que aínda non entendo”.

  2. 1 / Maio/ 2007

    Coincido contigo. Bunbury e Ann non son as persoas axeitadas para tratar con Panero nesta reportaxe. Iso acentúa certa sensación dramática e triste no documental, do tolo solitario e, se cadra, xenial, que segue ficando só malia estar acompañado por persoas que se supón que o respectan.

    Aínda así, non debe ser nada doado ser o interlocutor de Panero, máis que nada porque Panero non debe aceptar doadamente unha compañía de iguais, e porque ti como interlocutor non podes chegar ata onde está el, nun lugar moi distante, aínda que tome unha cocacola ao teu carón.

  3. 1 / Maio/ 2007

    Non tan duro como ler alguns poemas dalguns nalguns lugares.Ou ese final de clarividencias etc.
    Tiña eu unha sensación no retrogusto que sabia archivada e coñecida máis non atopada ou recoñecida … era esa, a conexión norteamericana. En fin coma nalguns viños, non esta de máis esperar 18 anos para degustar unha cata completa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *