
A sala nobre do Restaurante João Vaz do Palace Hotel de Buçaco
Non deben quedar en Europa máis de dez restaurantes coma o João Vaz do luxoso Palace Hotel de Buçaco. Entrar nesta espectacular sala manuelina decorada a primeiros de século, que relata nas paredes as odiseas portuguesas na conquista dos portos de Asia, África e América, é só o primeiro paso: en realidade, aínda que o escenario parece empequencerte, en realidade a viaxe no tempo empeza despois. Na experiencia real e única de asistir a unha comida como unha representación, o primeiro acto de consciencia de entrar a un restaurante, que diría John Lanchester. Mantelería pesada, un exército de camareiros de competencias minuciosamente compartimentadas: o maitre, o sumiller, os axudantes do maitre e do sumiller, a responsábel do carriño dos postres…O restaurante do Buçaco permite vivir o ritual da cociña inspirada na tradición da restauración francesa que tanta cátedra sentou nos restaurantes con pretensións da Europa galante de primeiros de século. E aí está. Aí queda. Como un tratado de Brilat-Savarin. O maitre abre primeiro a cadeira para a muller seguindo os vellos manuais de servizo. As palabras pronúncianse en voz mínima. As mesiñas son redondas e pequenas. Mesa redonda para dous? En cantos sitios se seguen a ver?
Visitamos o Palace Hotel de Buçaco para vivir esta experiencia única. ¿Devoraría, como en moitos Paradores españoles, o marco histórico a calidade da cociña? Pincha para seguir lendo.

O fermosísimo ceador exterior do restaurante
Aquí os pratos continúan a empratarse directamente ao carón da mesa, servíndose ao estilo francés, desde unha pequena bandexa. E os sabores baséanse na axeitada combinación de produto e preparacións. Os pratos carecen de debuxos, aínda que a súa combinación segue a ser esmerada e elegante. Aos aperitivos xa non se lles chama hors d’ouevre, como nas cartas deste restaurante nos anos 20 que se poden admirar na entrada, pero seguen a ter unha presenza elegante da comida internacional que se debía probar nos grandes establecementos europeos . E o arroz, ese alimento de pobres, entrou nas cartas como unha concesión á modernidade. Comer aquí é unha auténtica festa gastronómica, nun escenario único e cunha escenografía e servizo en vías de extinción.
A carta é pechada. Hai dous percorridos, un menú de estación e o menú fixo do restaurante, e ambos compóñense de cinco pratos máis postres. Os dous seguen a estrutura clásica de entradas, sopas e cremas, ovos e pastas, peixes e carnes. Ese menú ten un prezo fixo: 40 euros, pero se queres tomar menos platos reducen o prezo a 35 euros. De feito, ti verás, pero o recomendábel e non coller todos os platos, porque é posíbel que chegues completo aos peixes. A casa agasallounos cun pastel de salmón como entremés, que despois seguimos cun espeto de gambas, seguín cun rape con crema que quitaba o sentido e rematei cun porco ibérico fantástico. Nos postres probamos a mousse de chocolate negro, espectacular.
A adega, sen embargo, non estaba á altura. Viños carísimos. O hotel fai os seus propios viños, os coñecidos Vinhos do Buçaco, que a penas teñen distribución fóra desta mítica sala. Obviamente, tiven que probalos, pero o elevado dos prezos da carta fixéronme decantarme polo máis baixo da gama, un Reserva do 2001 que me fixo sorrir cando o probei: efectivamente, tentaran facer un burdeos portugués. Un viño de moi boa boca, estrutura potente…pero creo que a punto de amolarse. Mágoa.
Saímos do João Vaz coa incríbel sensación de ter vivido unha experiencia do mundo, unha experiencia fantástica. Ao saírmos, do xardín, dos bosques exóticos do Bosque Nacional enchéronnos as miles de flores do xardín e o verde profundo desta reserva húmida, deste último secreto.
Vai antes de que contraten a un chef moderno que queira darlle un “aire fresco” ao restaurante.

Afortunadamente Portugal ten maior facilidade que nos para preservar o carácter destes sitios. O hotel de Buçaco (que non coñezo máis alá da cafetería) é probablemente un dos mellores exemplos, pero o Café Majestic do Porto preserva a esencia finisecular como ningún outro que eu coñeza na Península, o restaurante da Pousada de Santa Luzía (Viana do Castelo) combina esa herdanza cunhas vistas de impresión. En Coimbra, nesa liña, está a Quinta das Lágrimas e, máis avanzado no S.XX aínda que cun evidente toque de decadencia que lle presta, o Don Pedro (Qué arroz de rape e langostinos e que crepes con pel de laranxa e Cointreau, por deus). E o hotel de Vidago (desconezo se ten un restaurante de categoría, pero o propio hotel merece unha visita) ou o propio Martinho da Arcada lisboeta, capaz mesmo de aguantar o envite das masas turísticas.
O que digo sempre: hai que baixar máis a Portugal!
Celebro comprobar que co paso do tempo as cousas non mudaron no delicioso Palace Hotel de Buçaco. Foi unha delicia ler este post, fíxome lembrar os detalles, a arquitectura, o silencio e os olores.
Ah, e concordo co gourmet de provincias, hay que baixar máis a Portugal.
De todos os xeitos, a Quinta das Lágrimas de Coímbra é ben contemporánea. Está rehabilitada en plan colonial e moi moderna. O restaurante, dirixido por Joachim Koerper e Albano Lourenço, dous dos grandes valores da gastronomía portuguesa actual e renovadores da escena gastronómica no país. Tiña moitas gañas de ir, pero un restaurante de luxo por viaxe é unha boa proporción para sobrevivir a fin de mes.
;-)
Desde que souben do teu blog, no tempo do curso de caixanova, confesome un asiduo ás suas fotos, músicas, viaxes e claro ás tuas verbas, máis lendo os teus comentarios sobre Portugal e os seus viños non puiden evitar que o sorriso me salira na cara, por fin alguén que aprecie o viño expresa algo parecido ao que levo tempo insistindo nalguns sectores: os viños de Portugal teñen un atractivo, unha autenticidade e unha cercania a nos que so esperan a que nos sumerxamos abrendo os nosos sentidos ás suas calidades.
Por certo ademáis de todas as variedades que so compartimos con eles, ademáis do Moscatel Galego, … os mellores aceites de Portugal están elaborados coa azeitona Galega.
Antonio, unha honra que esteas por aquí. Pásate cando queiras. E si, os viños portugueses son un enorme descubrimento. E o primeiro sitio no que eu o escoitei foi en Vigo…grazas por motivarme a explorar o sur.
:)